Xa temos Congreso TecnoNEEt 2008

[D-256] Un acontecemento longamente agardado Xa temos aquí o congreso [1] por excelencia. O maior e mellor evento de toda Iberoamérica no que ao uso e aproveitamento das TIC na atención á diversidade se refire. De feito, TADEGa [2] débelle moito a TecnoNEEt [3], pois foi no seu congreso de 2006 [4], onde TADEGa cobrou forma a raíz da xuntanza que amablemente nos facilitou a organización do congreso de todos os galegos que alí estabamos e dos contactos que, posteriormente, se foron creando ao redor deste núcleo. Tanto é así que 3 dos nosos tadeguianos forman parte do comité organizador deste congreso (Antonio Ovidio, Belén González e un servidor). Sirva tamén indicar que outros 3 dos membros deste comité son os autores das bitácoras que temos como bitácoras amigas, ou que este mesmo grupo tamén é o autor do NEEDirectorio [5], ou do portal TecnoNEEt.org [3]. E iso sin paranos agora a explicar polo miúdo a calidade do propio congreso que xa vai pola súa 5ª edición bianual. A igualdade de oportunidades no mundo dixital [1] Así reza o lema do congreso deste ano, e nós, dende aquí facémosvos unha invitación a todas e todos os interesados nestes temas para que participedes neste congreso, ben fisicamente estando alí, ou ben mediante matrícula na forma non presencial. Dende a nosa experiencia, a calidade dos temas a desenvolver queda garantida. Enlaces que se citan Indicamos a continuación a relación de enlaces que se mencionan e que poden axudar a ampliar esta información: [1]: Web do congreso TecnoNEEt: congreso.tecnoneet.org [2]: Historia de TADEGa: www.tadega.net/queestadega.php [3]: Web do Foro TecnoNEEt: www.tecnoneet.org [4]: Bibliografía TecnoNEEt: www.tecnoneet.org/biblio.php [5]: Web do NEEDirectorio: www.needirectorio.com

Biblioteca Virtual en Língua de Señas

[D-245] As tecnoloxías apórtannos novas ferramentas que, se cadra, resultan moi útiles á hora de traballar na educación de nenos con necesidades específicas de apoio educativo. Sen embargo, non sempre contamos co compromiso necesario dalgunhas institucións e/ou organismos para facilitar o achegamento da información a esta poboación grazas ao seu emprego. Este non é o caso do Instituto Cervantes que, dende o 2001, ven traballando en diversos proxectos que, por ambiciosos, medran paseniñamente, pero seguros. Nesta ocasión referirémonos unicamente a unha das obras postas en marcha pola Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, a Biblioteca Virtual de Señas (www.cervantesvirtual.com/seccion/signos), na que actualmente traballan diferentes profesionais e expertos no ámbito da lingüística e as linguas de señas, investigadores e intérpretes, así como técnicos informáticos e persoal de talleres dixitais e de imaxe da Universidade de Alacante.

Lectura crítica do Real Decreto de accesibilidade

O Real Decreto [D-247-1] Real Decreto 1494/2007. do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social. (BOE, 21 de novembro 2007) Introdución Dende hai xa bastante tempo, as persoas implicadas dalgún xeito en todo o relativo ao mundo das necesidades educativas específicas e de apoio educativo estabamos agardando a publicación dunha lei que dunha vez por todas cubrise ou amparase as necesidades e os dereitos de acceso pleno aos servizos cidadáns, especialmente aos da información e comunicación (TIC) de todos os colectivos implicados, especialmente os vinculados ao mundo da discapacidade. Non fai moitos días que se publicou este Real Decreto (ampliamente agardado e do que xa tiñamos noticia de borradores previos dende fai case un ano). A continuación faremos unhas breves reflexións sobre os seus contidos avaliando dende un punto de vista crítico aqueles aspectos que consideramos de especial importancia na comunidade educativa.

Máis premios… Noraboa Tadeguianas!

[D-248] Crónicas duns premios anunciados… Onte estiven convidado aos Premios EDUCACOMPOSTELA 2007 da man dun exquisito grupo de formación chamado Sementeira (en breve veremos na rede todo o seu activismo). O mencionado grupo levou o primeiro premio cun interesante traballo sobre a lóxica matemática na vida cotiá en educación infantil; coordinado por Manuel Masaguer e Susana Viqueira, unha das nosas “tadeguianas”. Acto seguido, outra compañeira tadeguiana, Susana Blanco, leva o segundo premio cun laborioso traballo sobre Plans de acollida ao alumnado procedente do estranxeiro. ¿Como é posible atopar tanta calidade nun mesmo sitio? Para rematar, apertas, noraboas e parabéns dunha familia, TADEGa, que medra cada día; máis non só en cantidade, senón en calidade. “As palabras as leva o vento, os feitos cambian as cousas”. (A miña nai dixit)

II Xornadas TADEGa

II Xornadas TADEGa

  [D-244] Está visto que levamos uns días de contento a contento; estas novas xornadas que estamos a preparar, terán lugar o sábado día 15 de decembro en xornada de mañá (inclúe xantar con opción a prolongar o debate a parte da tarde) no edificio MUPEGA de Santiago que amablemente nos cede os seus locais. Entre outros asuntos a tratar, abordaremos: Constitución de TADEGa como asociación. Debate dos seus estatutos a partir do borrador. Sinatura de estatutos e acta fundacional. Elección da xunta directiva. Establecer as cotas anuais. Liñas básicas e proxectos a desenvolver no curso 2007-08. Aqueles que quixeran ser socios antes da constitución pero que non teñen opción a asistir ese día, deberán contactar previamente co seu coordinador, Antonio Carreira, no enderezo de correo electrónico ACarreira@edu.xunta.es Para máis información complementaria sobre outras xornadas xa celebradas, aquí tedes un resumo ás anteriores: Enlace ao resumo das I Xornadas TADEGa.

Tadega xa ten un banco multimedia

[D-240] E medra, e medra, e medra… en contidos ésta, a nosa plataforma. O noso compañeiro Felo, ofrecenos un increíble banco de documentos multimedia de case 4000 elementos onde podemos atopar, imaxes, vídeos e sons dos Sistemas Aumentativos de Comunicación máis utilizados na Atención á Diversidade: SPC: Sistema Pictográfico de Comunicación. Proxecto CARE. Proxecto SCLERA Sistema Bimodal. Lingua de señas. (E máis que iran vindo). Unha abafante enchenta de recursos de calidade para as nosas aulas de apoio e o traballo diario coa atención á diversidade. Sumémoslle ademais as posibilidades didácticas que estes contidos abranguen en todo tipo de etapas, ciclos e materias, ou a capacidade de facilitar e diversificar a nosa metodoloxía docente. ¿Banco de Recursos multimedia de calidade na rede? O tes en www.tadega.net/Fotos. ¡Non lle des máis voltas! 🙂

Crea webs accesibles

[D-238-1] Campaña Crea Webs Accesibles Esta é unha campaña creada por Eugenia na súa bitácora http://www.elrallador.info/campana/ que non ten outro obxectivo máis que difundir e concienciar a todos sobre a importancia de crear sitios accesibles. A pesar de que non teño por costume participar en campañas do tipo corre a voz neste caso paréceme unha excelente iniciativa que, de consolidarse mínimamente, podería ser un pequeno rebulsivo para moitos que seguen a ningunear a accesibilidade por tela como cousas de xente rara. Entereime dela por medio dunha bitácora de recomendable lectura: www.anieto2k.com/. Invito dende aquí a todos lectores, aos membros de TADEGa, e ás bitácoras amigas, a que se sumen participando nesta pequena ola de chamada de atención. O xeito de participar, ademais, é moi doado: Descarga o folleto Crea Webs Accesibles dende a web da autora e logo o imprimes, ou escribe nunha folla a man Crea Webs Accesibles Na súa web hai diversos tamaños e formas deste cartel en cor ou en branco e negro. Sácate unha foto moi feliz co carteliño 🙂 Agrega a túa foto ao teu espazo de Flickr co Tag webs accesibles (É importante que agregues as dúas palabras entre comiñas)! E se non tes conta nesa web, envía a túa foto a: eugenia@etnikastudio.com co teu nome e sitio web (se o tes). Envía os teus datos e o enlace da túa foto a websaccesibles@gmail.com co asunto “Crea Webs Accesibles” para que o 12 de decembro aparezas na listaxe de participantes. [D-238-2] Pois é así de doado, así que xa non tardei en facerme a foto e mandala. Así que bulide, bulide… a sacar todo o mundo fotos 🙂

Éxito no tratamento da dislexia

[D-230] Springboard for Children é unha organización benéfica fundada en 1992 nunha escola primaria de Peckham, sudeste de Londres que está a traballar de xeito eficaz no tratamento das dificultades na aprendizaxe da lectura e a escrita. Debido ós bos resultados, a experiencia extendeuse a unha ducia de escolas de zonas socialmente desfavorecidas nas cidades de Londres e Manchester. Este proxecto pioneiro no Reino Unido está a ter un gran éxito, axudando a centos de nenos e nenas disléxicos. Os nenos que participan neste proxecto reciben dúas sesións de apoio semanal de 40 minutos cun titor especializado. As sesións soen ser individuais ou en pequenos grupos. Desenvólvense programas de educación adaptados a cada alumno e as súas necesidades específicas. Springboard emprega un equipo de titores cualificados e un grupo de voluntarios locais que reciben capacitación e formación para asegurar que cada neno reciba un alto nivel de axuda. A clave destes resultados tan positivos reside na actuación inmediata, intervinse en canto é detectado o problema, na atención individualizada durante o período de aprendizaxe e na utilización de métodos e técnicas innovadoras que melloran as habilidades dos cativos. Estas baséanse en afianzar a autoestima dos alumnos, deteriorada pola ansiedade e frustración que lles provocan as súas dificultades. Enlace á web de Springboard

Podo!

[D-231] Quéredes un debate na aula? Apetécevos que o voso pálpito aletexe con máis gañas? Queredes ter unha referencia para cando as forzas menguan aínda que sexa por motivos banais? Aquí vos deixo unha semente. Velaiquí a historia: Na Australia hai unha proba atlética moi famosa que se chama Ironman (home de aceiro) que consiste en: Nadar no mar 4 quilómetros durante o frío da mañán. Continuar cunha bicicleta en ruta percorrendo nada menos que 180 quilómetros sen parar con sobidas e baixadas prolongadas. Rematar cunha maratón de 43.5 quilómetros nun derradeiro e destrozante esforzo físico e mental (os campións do mundo precisan entre 8 e 12 horas para rematar a proba). Pois é aquí que un pai con 60 anos tiña unha enorme ilusión, competir co seu fillo con parálise cerebral en brazos ao longo de toda a proba. Nunca viu coma un obstáculo o do seu fillo senón como unha aposta, un empeño. O entrenamento foi duro e longo, pero aquí tedes o resultado. O vídeo chámase can (podo). www.youtube.com, código: f4B-r8KJhlE Grazas Rosa, pola túa inestimable aportación. Fonte da información: http://aziroet.com/rosamdediego

Asomarse ao autismo

[D-229] Eu non sei como pensan os demais sobre todo isto da discapacidade e sobre cada un dos seus aspectos. Supoño que cada quen faise unha idea propia sobre como viven as persoas con discapacidade ou como sinten, tanto eles como os seus familiares máis achegados, ou tamén, que podemos ou debemos facer, ou como nos debemos conducir, os que non coñecemos estas situacións de primeira man. O certo é que a miña curiosidade sempre foi enorme por todas istas situacións (se hai algo que sempre tiven grande foi a curiosidade) e, dentro de todo iste mundo, o autismo (e todas as afectacións por algún trastorno dentro do espectro autista) sempre foi para min o máis desconcertante. ¿Qué bule detrás deses ollos que rexeitan mirar aos meus? ¿Como entende un coche de xoguete un rapaz que o usa para mover as rodas durante horas sen parar pero nunca para facelo rodar polo chan? ¿Por que escapan á comunicación verbal? ¿Por que insisten tanto, e que pracer lles causan, os movementos rítmicos, ou estar ordenando milimétriamente os obxectos, ou quedar pasmados mirando á luz ou á auga? ¿Por qué fan como se non estiveses, aínda que saben de sobra que estás alí? ¿Por qué prefiren cen mil veces coller un vaso de auga escalando mil obstáculos, no canto de pedircho a ti directamente que estás a só uns centímetros? ¿Por qué nunca amosan os seus sentimentos pero si as súa ansiedade e excitación? ¿Por que lles é moito máis doado expresarse con imaxes que coas palabras? ¿Por qué…? Eu non sei se os demais se fan todas istas preguntas (e outras tantas que teño nos miolos dando voltas e reviravoltas sen parar), pero si sei que, se alguén tratase paseniñamente de dar respostas dun xeito sinxelo que todos poidamos comprender, creo que todos o agradeceriamos moito, e creo tamén que moitas condutas impropias de moita xente causadas pola iñorancia desaparecerían. Con tal motivo, velaiquí que os cadernos de bitácora amigas rexentadas por nais de nenos e nenas con autismo, fixéronse eco istes días dunha serie de 3 vídeos emitidos pola segunda cadea de televisión española a horas moi imprudentes do pasado sábado na serie “Noite temática”. Dende aquí vaia o meu agredecemento ás bitácoras de Mamiago (1) e de Mi Ángel sin voz (2) pola súa voz de aviso ante tal evento, e a posibilidade de que poidamos todos, ver e escoitar estes vídeos que xa nos teñen preparados nas súas bitácoras. Non colgo aquí os vídeos, prefiro que vaiades vós mesmo a estas bitácoras e así, lle votades unha ollada tanto aos

Ler máis