Que é TADEGa?
Somos un foro de profesionais maioritariamente galegos de distintos campos profesionais implicados na Educación e, dun xeito especial, na Atención á Diversidade, é dicir:
- A diversidade funcional (discapacidade).
- A multiculturalidade.
- O mundo do maior.
- O mundo rural.
- As altas capacidades.
- A marxinalidade social.
É todo un longo etc. que abrangue a todas as persoas que, os que se cren normais chaman diferentes, (aínda que na realidade tal distinción é absurda e discriminatoria).
O caso é que as TIC veñen sendo unha nova ferramenta á vez que medios de comunicación múltiples e, no lugar de axudar á inclusión de todas e todos, aínda incrementan a segregación de quen non poden acceder a elas por causa dos nosos deficientes e discriminatorios deseños.
O noso obxectivo é dobre: por un lado rachar esta fenda dixital (así é como se chama esta inxusta situación) e, pola outra: investigar, fomentar, compartir, debater, deseñar, adaptar e propor as ferramentas, as maneiras, e os métodos para obter o mellor proveito destas tecnoloxías dixitais nos campos educativos nos que estamos a traballar.
Este é o noso compromiso, e este traballo sempre nos terá entretidos e ocupados; o labor sempre estará inacabado; a mellora sempre é posible.
Ideas Básicas en TADEGa
- O noso compromiso céntrase en que a realidade educativa galega para a atención á diversidade optimice ao máximo as oportunidades que a tecnoloxía dixital pode ofrecer en cada momento, e non en base ao noso protagonismo, senón a partires do que entre todos poidamos ir descubrindo e compartindo.
- Somos moitas persoas e de orixes moi dispares, non só educadores/as e inmersos en problemáticas moi distintas. Ninguén ten a razón e canto máis diferentes e diversos sexamos, mellor.
- Non estamos aliñados con ningún credo, nin político nin relixioso nin de ningún outro tipo. Valoramos a nosa liberdade de opinión e actuación e, polo tanto, a nosa disparidade de procedencias e de formas de ser. É máis, cremos que cánto máis diferentes e plurais sexamos, máis cerca estaremos de atopar tesouros ricos, aínda que nos leve máis traballo facelo.
- Non cremos na tecnoloxía como fármaco, senón como ferramenta, o que significa que é un instrumento máis no noso traballo diario, pero un instrumento ao que debemos, hoxe, prestarlle unha especial atención porque, pola súa idade e pola nosa inexperiencia, non se lle está sacando todo o proveito que pode dar.
- A dificultade non está tanto no coñecemento e o dominio da ferramenta canto, máis ben, na complexidade para integrala nos currículos, nos espazos físicos, ou nos tempos e ritmos de aprendizaxe; pero non como un pegón acabado de chegar e de mal acomodo, senón como parte integral do plan de centro (ou o seu equivalente na institución que o acolle e da soporte).
- Nunca pechados sobre nós mesmos crendo que o noso embigo é o mundo, senón co deleite da pluralidade do encontro con outros moitos, sen fronteiras.
Queres saber algo máis?
Quedan aquí algúns enlaces adicionais para que nos podas coñecer mellor.
– Historia de TADEGa: Enlace A
– Queres ser socio ou socia? Enlace B
– Política de autoría: Enlace C
– Política de privacidade: Enlace D