O proxecto ‘Ponte dos Brozos’

A nosa noraboa e o noso agradecemento [D-396] A pasada semana dábamos peche provisional ao ciclo de obradoiros de accesibilidade básica de contidos web que estivemos a celebrar durante un longo mes. E digo que peche provisional, porque queda por celebrar o obradoiro de Lugo que aínda non ten data e porque estamos a argallar xeitos para darlle continuidade aos máis de 70 compañeiros e compañeiras que transitaron por estes obradoiros e que nos manifestaron o seu desexo de afondar nesta formación. Pero non queríamos pechar esta nota sen antes transmitir o noso agradecemento e a nosa noraboa ás boas xentes de Arteixo que nos recibiron cos brazos abertos nesta última xuntanza. Agradecemento pola exquisita acollida, e noraboa polo ambicioso proxecto no que están embarcados malia que non todo mundo aprecia na xusta medida o esforzo, e non falamos do económico ou do tecnolóxico, senón do esforzo persoal de máis dunha centena de compañeiros de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos implicados e empeñados, parafraseando a cita bíblica, en dar froito e que o seu froito permaneza. Pór en alza o seu valor Son 5 anos de experiencia acumulados no uso das TIC nas aulas, coas pizarras dixitais, con portátiles, con cuarenta mil trebellos pero, o mellor de todo é a experiencia acumulada, as conclusións ás que chegaron o que a todos nos interesa coñecer como un valor engadido que non se pode deixar escapar. Tivemos amplas conversas para ver como vertebrar toda esa aposta de inmersión TIC de xeito que toda a comunidade educativa o poida coñecer, apreciar, e sacarlle proveito. Non ha de tardar moito en verse na rede algún xeito ese traballo, e como xa lles dixemos, contan coa nosa colaboración, seguro. Novamente, grazas.

Cambiemos os estándares da UNESCO

[D-392] Un documento atrevido, importante e incompleto Recentemente chegou ás nosas mans un substancioso documento en formato PDF titulado Estándares de competencia en TIC para docentes cuxa autoría é da UNESCO. Trátase dun documento consensuado con data recente (Londres, 8 de xaneiro de 2008) e nel se recollen os deseños de estándares / directrices / orientacións de competencias TIC destinadas aos docentes e máis aínda aos programas formativos dos docentes. Que a UNESCO se atrevese a tanto xa é digno de eloxio, sobre todo se pensamos que de xeito automático se convirte nun referente universal para toda formación do profesorado sexa do país que sexa. O problema ven de que, ao noso xuízo, iste documento di moitas verdades, certo, pero cala outras e isto é grave. E de aí nace a nosa proposta para que sexa reformado de xeito que nel se recollan todos os elementos que, ao noso xuízo deben figurar nel. A esencia do que falta En síntese, que non se menciona en ningún sitio: A atención á diversidade A esencia da accesibilidade web como parte crucial de todo deseño para que no sexa excluínte para as persoas con discapacidade. A esencia do deseñado para todos como etiqueta de toda construción dixital para que ninguén quede excluído do seu acceso. A necesaria formación do alumnado nestes conceptos como parte da súa formación tanto ética como técnica. ¿Cambiamos isto? Ben. Agora se trata de ampliar, afondar, mellorar, arranxar ises puntos para rematar construíndo unha proposta ben vertebrada de mellora deste documento ¿Quen se anima? Admítense suxestións. Documentos que se citan Documento da UNESCO: documento en formato PDF procedente de eduteka.org Enlace na web de ‘internetaula.ning.com’ na que temos aberta esta discusión ao nivel de todo o estado español e no que vos invitamos encarecidamente a participar: internetaula.ning.com/group/atencionaladiversidad.

Mutismo selectivo

[D-389] Dende unha petición de axuda ata un artigo Na nosa lista de distribución de correo xurdiu unha cuestión en determinado momento cando unha das nosas compañeiras precisaba axuda por mor dun caso de mutismo selectivo na súa aula. O caso é que, grazas a esa ferramenta humilde da lista de correo, foron xurdindo aportes de diversos compañeiros que ían definindo situacións, aclarando dúbidas e pouco a pouco construíndo entre todos unha estrutura que decidimos non podía quedarse inflada no aire para logo esmorecerse co tempo. Decidimos transvasar toda esta información a este pequeno artigo recompilatorio para que poida servir de axuda para outros. Agardamos que así sexa.

Blackle: aforrando con fondo negro

[D-356] “Blackle”: o Google sobre fondo negro A polémica acerca do emprego do fondo negro nas páxinas Web co fin de contribuír ao aforro enerxético nace cando Mark Ontkust, en xaneiro do 2007, suxire nun artigo da bitácora de ‘ecoIron’ que o cambio da cor do fondo da pantalla de ‘Google’ a negro diminuiría o consumo enerxético nuns 3000 megavatios-hora anuais. Estes datos de seguida foron re-axustados a 750 megavatios-hora anuais, para o cal se estableceron algúns parámetros, como foron a concreción do número de visitas por día (estimadas en 200 millóns) e a duración de cada visita (estimada en 10 segundos).

FACIL 2.3 en Galego

[D-363] O noso benquerido amigo Joaquim Fonoll do XTEC Catalán, o autor da Factoría de Actividades Combinadas de Informática e Logopedia (FACIL), envíanos a ligazón á version 2.3 en galego (Febreiro) que agarda solucione os problemas atopados e simplifica a instalación. Ademais ponnos á nosa disposición un bo feixe de materiais en galego: Enlace á descarga do FACIL Enlace á descarga do CALCWAV Enlace á descarga do Tocatoca (o programa é multilingüe e o galego está pendente de revisar) O propio Fonoll pídenos que recollamos todas as impresións e atrancos que atopemos cos seus programas para seguir mellorando, incluso -seguindo unha suxerencia nosa- convertir FACIL, reprogramalo de xeito que, en lugar de ser unha aplicación drogodependente de EXCEL (que sempre será un problema) que fora un programa tipo páxina web sen necesitar instalación de ningún tipo e moito mais doado de empregar. O asunto é atopar xente que queira colaborar, saiba destas fontanerías, e se preste voluntario. Admítense todas cantas suxestións nos queirades achegar sobre o asunto tema.

Vídeos ‘SAAC’ no ‘SMART Notebook’

Seguimos a buscar posibilidades de traballo interesantes para os nosos alumnos e outro boísimo recurso son os vídeos de SAAC (mais de 900) da Galería de Imaxes de TADEGa. Grazas á pizarra dixital SMART poden acceder eles sos co dedo e unha vez que localizan o que lles interesa é o mestre o que inserta o video nunha actividade do SMART Notebook para que estea á disposición cada vez que necesitemos traballar ise concepto. O proceso é moi sinxelo coma vedes no video, porque como os videos xa estan no formato flv so temos que descargalos ao noso equipo e logo insertalos no notebook como vedes na explicación. Xa contaredes como vos foi. [kml_flashembed movie=”http://www.youtube.com/v/s3Cw_1qaHJ0″ width=”425″ height=”350″ wmode=”transparent” /][D-362]

Sobre o obradoiro de Pontevedra

[D-360] Felicidades a todos os que tiveron que ver co Obradoiro de Accesibilidade web deste sábado en Pontevedra. Grazas por abrirme un pouco os ollos e en definitiva por facerme partícipe de todo. Empeza unha nova fase. Esperemos que sexamos capaces de realizalo con éxito.

10 razóns para unha web accesible

[D-353-1] Dez razóns para deseñar unha web accesible Este é o título do relatorio que impartirá Emmanuelle Gutiérrez Restrepo [1] da Fundación Sidar [2], na que repasarán as dez razóns para deseñar de xeito accesible, dez razóns de índole técnica, económica e social. Abordará conceptos tales como usabilidade, estándares, web semántica, interoperabilidade, aplicacións enriquecidas, comunicacións móbiles, posicionamento en buscadores, etc. E ademais retransmitida polos nosos compañeiros do CESGA [3]! Hoxe ás 18:00 a través de Internet accedendo á súa web no enlace que xuntamos ao final deste artigo e incluso participar mediante chat, rexistrándose como «anónimo», dende a web da iso-es.org [4] Outra opción tamén é a de seguirse na sede presencial do CESGA [3] en Santiago de Compostela, A Coruña, España. Relación de enlaces web que se citan en orde de mención Bitácora de Enmanuelle Gutiérrez Restrepo: www.bitacoras.sidar.org/emmanuelle Fundación Sidar: www.sidar.org Retransmisión dende o CESGA: mms://windowsmedia.cesga.es/isoc-es Chat para participar dende a Isoc: www.isoc-es.org/chat [D-353-2]

TecnoNEEt 2008 en marcha

[D-312] O congreso abre as súas portas Como xa temos insistido noutras ocasións, TADEGa súmase cargada de ilusión ao lanzamento do V Congreso Nacional de Tecnoloxía Educativa e Atención á Diversidade (TecnoNEEt) e que este ano conflúe coas III Xornadas Nacionais de Logopedia Dixital para conformar así o Congreso Tecnoneet-Logopedia Dixital 2008 que, baixo o lema A igualdade de oportunidades no mundo dixital terá lugar no Campus da Muralla do Mar da Universidade Politécnica de Cartaxena (Cartaxena, Murcia, España), os días 18, 19 e 20 de setembro de 2008. [D-344] Aberto o prazo de inscrición de comunicacións, pósteres e obradoiros A día de hoxe comunícannos dende a organización que quedan abertos os formularios por Internet para os envíos de traballos (comunicacións, pósteres e obradoiros) para este congreso. Así pois, vos animamos encarecidamente a participar no mellor evento internacional de fala hispana sobre tecnoloxías e atención á diversidade. Moi probablemente, TADEGa estará presente de diversos xeitos: 3 dos nosos compañeiros de TADEGa forman parte do comité organizador (Belén, Antonio e Juan). Nun obradoiro, TADEGa propón obradoiros sobre as plataformas galegas EduLim e Ardora. Noutro obradoiro, a edición dixital de contidos accesibles. Presentación oficial da plataforma Aumentativa.net traducida xa totalmente ao galego grazas a unha equipa de TADEGa (Grazas Belén). Presentación oficial do acordo de colaboración entre Divertic.org e TADEGa.net para o libre intercambio de experiencias e acceso a servizos de ambas asociacións. Vos invitamos a participar Dende a nosa experiencia de convocatorias previas, sabemos que a calidade está garantida. Así pois vos invitamos a que participedes neste excepcional encontro. A maiores, TADEGa está a buscar fórmulas organizativas e económicas para facilitar o acceso a este congreso aos seus asociados. Esperemos poder darvos noticias moi pronto. E, por suposto, tedes toda a información necesaria na súa web: http://congreso.tecnoneet.org/

A fenda dixital medra

[D-345] Veño de visitar algunhas bitácoras, costume diario, para ver que é o que se está a cocer nos foros docentes máis relevantes de fala tanto galega como castelán. Lamentablemente, o panorama resulta bastante empobrecedor: hoxe en día, asistimos con certa emoción á explosión da coñecida como web 2.0: hai unha efervescencia explosiva de comunidades educativas (pais, centros, alumnos e profesores) que se lanzan á construción de webs baixo diversos formatos de nova acuñación (bitácoras, wikis, webquest, etc.) incluso hai algún manifesto (declaración de Roa) para ser asinado sobre o uso de toda esta tecnoloxía nas aulas e de como vertebralas axeitadamente. En cambio, ninguén fala da accesibilidade que todos istes contidos deben cumprir (máximo a partires da publicación do Real Decreto 1494/2007 de 12 de decembro) pero xa sabemos que, a nós, nin os reais decretos nos moven. O caso e que temos milleiros de novas webs creadas dende as escolas e os institutos, case ningunha accesible a persoas con discapacidade, case todas sen saber qué é a accesibilidade web e, polo tanto, despreocupados 100% de tal asunto. Incluso algunhas ata manifestan que asistimos ao peche da fenda dixital, cando eu, nestas visitas, ao que asisto é ao seu axigantamento. Nota: non quero ferir por ferir, o meu obxectivo non é o sangue. Sei da moi boa vontade de moitos redactores destas e doutras milleiras de páxinas máis, pero, se as nosas actitudes provocan discriminacións, non cabe outro recurso que facelo saber, sen panos quentes, máximo cando os danados, son danados sen voz.