Como ter os nosos navegadores noviños do trinque
0Coidando dos nosos equipos
A todas e todos nos ten pasado que conforme imos navegando pola rede de Internet, os nosos navegadores van ralentizando o seu rendemento co paso do tempo e apañando cousas que non queremos (barras de ferramentas, páxinas de procuras, páxinas de inicio…) todo porque algún día decidimos descargar un programa que nos vendían gratis con fama impresionante (aínda que non nos dicían que iso tiña o prezo de aloxar a maiores nos nosos sistemas programas indesexados.
E agora que? Da man da OSI (Oficina de Seguridade do Internauta) do que previsiblemente teremos máis novas no noso vindeiro congreso a piques de saír a voz pública, cóntannos como resolver estes atrancos e como manter o noso sistema a raia de vulnerabilidades. Non volo perdades.
Enlaces de interese
Xornadas Por Dereito 2013
0Ferramentas para a inclusión
Temos o pracer de informarvos de que por 2º ano consecutivo a Asociación Por Dereito
vai celebrar as xornadas de formación e información de especial interese para as persoas con vínculos ou con interese en afondar no coñecemento do TEA.
Este ano serán en Pontevedra no Salón de Actos do Pazo da Cultura o día 25 de maio.
Poderemos escoitar a persoas de tanto prestixio no mundo do autismo como Juana María Hernández, Amaya Padilla ou Guadalupe Montero. Teremos tamén mestras galegas con experiencias dignas de coñecer. A Asocación Bata contaranos tamén como funciona a súa Unidade de Apoio Ambulatorio. As profesoras da UDC contarannos a importancia da Terapia Ocupacional na intervención en autismo e Manuel Gimeno falaramos dos productos gratuítos que a Fundación Orange pon á nosa disposición.
Contan con nós e que a acollida das Xornadas sexa polo menos tan boa como a do ano pasado.
Enblaces de interese
- Cartaz anunciador: cartaz pdf
- Tríptico informativo: tríptico pdf.
O reino dos mil chanzos
0
Captura da cuberta do libro
Podemos ver o mundo por un burato ou por unha fiestra marabillosa e mergullarnos nel con tódalas consecuencias e ao mesmo tempo coñecer o mundo da diversidade funcional motora. Desde esta última posibilidade podemos debruzarnos sobre a fantasía dun conto infantil con moitos obxectivos, o máis importante: educar no mundo dos valores. A aceptación do diferente, a empatía, o degoiro de ser capaz e a liberación dos prexuízos é a materia do conto El reino de los mil escalones que agora para os galegos convértese en O reino dos mil chanzos.
Este conto non comeza coma os outros cun Érase unha vez, senón cun Déixame probar dunha vez. A protagonista é Agostiña, unha rapaza con parálise cerebral que libera a unha vila dun xigante malvado, metáfora da sociedade que despreza ao diferente ou que non lle deixa ser unha persoa autónoma nunha arela bastarda e incomprensíbel. Tódalas escenas, mitos, persoas e clixés serven de escusa para que a protagonista ache o seu lugar no mundo, non sen antes loitar polos seus dereitos.
É un proxecto solidario de ASPACE (Asociación de Atención a Persoas con Parálisis Cerebral e Discapacidades Afíns) de Castela e León que agora podemos desfrutar en galego. Os autores do conto cederon os beneficios a ASPACE polo que o produto da venda vai parar integramente a esta asociación.
O libro pódese pedir, ademais das librerías de conto infantil, a:
- Federación ASPACE de Castilla y León
- Teléfono 983 246 798
- federaspacecyl@gmail.com
ou:
- Editorial Lobo Sapiens
- Teléfono 987 170 652
- comercial@lobosapiens.net
Doutra banda na bitácora Necesidades educativas. Discapacidad motórica
, en breve, poderanse acceder a actividades LIM (libros interactivos multimedia) sobre a lectura do conto. Pregamos difusión deste evento. Hai unha nota de prensa da asociación.
Enlaces que se citan:
A letra “Sarakanda”. Ao fin realidade!
0Toda unha sorpresa
Levo dende o 25 de xaneiro de 2009 rastrexando na rede cada certo tempo na procura dun tipo de letra especial chamado Sarakanda
. Todo a raíz da publicación nesta mesma web (http://tadega.net/?p=678) do artigo no que se falaba deste tipo de letra especial deseñado para facilitar a lectoescritura no alumnado afectado por dislexia.

Imaxe alegórica do tipo de letra coñecido como Sarakanda
destacando as súas peculiaridades como os trazados dos extremos das letras para dar sensación de certa inclinación, etc.
A letra SARAKANDA
Trátase dun tipo de letra deseñado dun xeito moi especial para evitar ao máximo calquera tipo de confusión e un sinfín de detalles que se poden ler con calma no artigo citado e, cuxo deseño e creación, ten por autor a Alejandro Valdez Sanabria quen desenvolveu este traballo como a súa tese de grao.
O caso é que estamos xa no ano 2013 e a procura seguía sen éxito ata que onte, e sen demasiadas pretensións apareceu unha pista nas pescudas da Internet: un enlace a un programa educativo coñecido como ADAPRO
e con orixes algo curiosas como o ITER
que ven sendo un acrónimo de Instituto Tecnológico de Energías Renovables
das Illas Canarias, quen debeu patrocinar este proxecto, ou así cabe deducir da súa web.
Notas aclaratorias
Engadiremos neste artigo unha serie de enlaces para unha información máis en detalle.
Por outra banda debo aclarar que o tipo de letra incluído no programa ADAPRO
do que aquí se fala, e que leva por nome Sarakanda
, ten un parecido moi notable ou é case idéntico na súa apariencia ao que Alejandro Valdez creou polo que cabe agardar que o programa ten a licenza correspondente.
O programa ADAPRO

Captura de imaxe do programa ADAPRO cunha vista parcial do seu procesador de textos usando os pictogramas de ARASAAC.
O programa tamén é para non perdelo de vista: situándose no grupo de procesadores de texto simples preparados para visualizar indistintamente o propio texto ou o texto con pictogramas (neste caso os de ARASAAC) engadindo algunha funcionalidade extra bastante chamativa:
- Trátase dun procesador de textos multi-usuario (leva conta de múltiples usuarios para os que un terapeuta pode adaptar de diversos xeitos o seu funcionamento).
- Pensado especialmente para persoas usuarias con trastornos de aprendizaxe ou de desenvolvemento como a dislexia o autismo (así se traduce do inglés da súa presentación).
- As funcionalidades son moi chamativas:
- Instala no noso ordenador o tipo de letra Sarakanda de regalo. (A procura na que eu andaba).
- Programa de software libre: Mozilla Public License 2.0 (MPL-2.0).
- Consta dun procesador de textos adaptado con interesantes funcionalidades:
- Procesador co tipo de letra Sarakanda por defecto.
- Opción a automatización dos pictogramas de ARASAAC no procesador.
- Opción a colorear as letras: p, b, d, e q como reforzo en casos de dificultades por dislexia.
- Opción a cambiar a cor de fondo do texto.
- Inserción de 2 teclados virtuais.
E agora que?
Despois da alegría deste encontro inesperado, toca facer outra procura do máis interesante (e que foi o niño de toda esta historia) ¿Poderíamos atopar un xeito para que a nosa web amosase este tipo de letra por defecto con opcións alternativas a outros tipos de letra, e así incrementar a accesibilidade web do noso sitio, incluso como exemplo para outros? Así que xa sabedes onde andarei fouzando proximamente.
Máis información
Sobre os elementos e os sitios da rede mencionados:
- Artigo orixinal de Alejandro Valdez sobre
Sarakanda
: AlejandroValdez.me - A web oficial do programa
ADAPRO
: adapro.iter.es - A web de SourceForge para a descarga gratuíta do programa: sourceforge.net
- Presentación na web de SlideShare sobre como funciona
ADAPRO
: slideshare.net - A web da licenza do programa: opensource.org







