Auga fresca pola mañá cedo!

Ás veces, quen andamos no mundo do asociacionismo, implicados en causas ¿perdidas? matinando en como incentivar, suscitar, estimular, apoiar, redescubrir, alentar… en favor dun mundo máis xusto, acorde, solidario, empático… atopamos que ese mundo anda do revés ¿Como lle dar auga a quen non ten sede?

Todo isto vén a conto de que nos últimos anos, xermolan en Galicia asociacións do ámbito educativo promovidas especialmente entre profesorado inquedo por acadar unha educación na que a atención á diversidade deixe de ser un complemento circunstancial, e pase a ser a EDUCACIÓN en si mesma.

Todo este florecer asociativo debe ter un significado: algo se está a mover no profesorado que non se conforma coa rutina diaria, que demanda máis, que ten sede de máis. Queda pois aquí unha reflexión: ¿Estase a espertar a sede entre os docentes por unha educación centrada nun ser humano diverso, empático, xusto e solidario? Esas si que serían boas noticias!

Imaxe alegre e colorista tomada de Pixabay.com na que, a modo de alegoría, unha boca se pecha sobre unha roda de lima.
Tes sede? Pois veña, imos!

Algo de historia

Ata non fai moito, o mundo do asociacionismo dedicado ao mundo educativo e traballando a prol da diversidade, era moi escaso. En Galicia aínda máis. Estaba presidido por entidades e institucións preferentemente constituídas por familias de persoas con discapacidade (diversidade funcional) ou con eivas de calquera tipo nas súas traxectorias escolares francamente inadaptadas á diversidade agás honrosas excepcións. Pola contra, as asociacións presididas por docentes neste ámbito apenas existían.

Un apunte: moito lle debemos a moitas destas asociacións de familias que loitaron, e aínda loitan hoxe, pola dignificación dos seus fillos e por un ensino acolledor i en dignidade. Sería inhumano elaborar esta reflexión ou este artigo sen este recoñecemento explícito.

Afortunadamente, todo ten un límite, e chegaba a hora de que o profesorado deixara a súa pose de trincheira fronte a estas situacións, cambiase de bando, e traballase cunha nova sensibilidade con, dentro e para a diversidade.

1991 – FEAE GALICIA (Forum Europeo de Persoas Administradoras da Educación – Galicia)

Precedida da creación previa das súas irmás FEAE – Europa e FEAE – España, nace FEAE – Galicia. Inicialmente formadas por profesionais da educación: profesorado, membros da inspección educativa, dos equipos directivos, persoal asesor, etc. e ultimamente outras organizacións relacionadas coa educación coma ANPA, Servizos Municipais de Educación, etc.

Feito o contacto con Susana, foi unha delicia entendernos. Contade con nós, para canto precisedes.

2007 – TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega)

Logotipo de TADEGa.

Si, eses somos nós. Na nosa asociación, toda persoa pode ser socia de pleno dereito, pero é innegable o forte carácter docente que integran os seus membros e as súas accións. Ao fin, ademais, unha asociación que declara no seu raizame na atención educativa á diversidade.

2017 – AGMAL (Asociación Galega de Mestres e Mestras de Audición e Linguaxe)

Aínda que xa houbo sobre esta especialidade un precedente coa asociación AGPETAL, xa extinta, hoxe constitúen esta asociación mestres e mestras desta especialidade onde o afán investigador e formativo ten un notable peso.

Feito o contacto coa presidencia (Pili Rivas), todo foron facilidades e apuntamentos para colaborar. Quedamos ao voso dispor.

2021 – AGAMPI (Asociación Galega de Mestras e Mestres pola Inclusión

Integradados principalmente por mestres e mestras da especialidade de Pedagoxía Terapéutica, recén nacidos e xa as súas RRSS (Redes Sociais) non paran de ferver en actividade. A súa natureza de aposta pola inclusión está explícita no seu nome.

Feito o contacto coa súa presidenta, Paula, sentimos a paixón de quen nace querendo defender xustas aspiracións. Contade con nós e coa nosa experiencia que estaremos encantados de compartir.

Concluíndo

Esta aceleración do movemento asociativo constituído por docentes inquedos e na procura dun modelo educativo inclusivo e de atención e promoción da diversidade é unha moi boa nova. Semella que ao fin, hai sede na práctica docente e que os que aí estamos, nas aulas, movemos ficha. Xa era hora!

Comparte este artigo

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar: HTML etiquetas e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.