Imaxe do Dicionario de Imaxes Icoon.[D-258-1]

Reciclando, reciclando… podemos darlle outro bo uso a este libriño [1] inicialmente pensado para usar en lonxanas e exóticas viaxes, afastadas do English spoken. Pero como xa sabedes aquilo de que unha imaxe vale máis que mil palabras, pois aquí son 2000 imaxes e 400 fotos a cor xa que ICOON fala do mundo no idioma máis universal: as imaxes. É o exemplo perfecto de que cando algo está ben feito, accesible, e usable… é para TODOS.

Así reza a propaganda (traducida) do editor:

A comunicación é posible en todas partes con ICOON, tanto nunha viaxe de negocios en Asia, de mochilero na América do Sul ou de excursión por Europa. Vostede simplemente apunte nunha das máis de 2000 iconas repartidas en 12 categorías, como o vestido, a hixiene, as autoridades ou aloxamentos para facerse entender. Mais de 400 fotos a cor dos alimentos de todo o mundo garante que a comunicación vólvese moi apetecible. Tamén, detallados mapas do continente, botarán luz sobre o seu paradoiro actual.

Como mostra do valioso que nos pode resultar para o traballo no reforzo e complemento visual da linguaxe dos nosos alumnos, vaia unha paxina do libro:
Imaxes Icoon[D-258-2]

Eles pensaron nun libro para que o turista puidera facerse entender sen esforzos con calquera idioma e cultura (nós quedámonos con nenos sen linguaxe oral, con SAAC, autismo…). Eles, esforzándose para que sexa accesible e usable, repensaron ben que imaxes elixir que fosen universais, como organizalas por grupos, como acceder a elas intuitivamente (e nós vaia que celebramos e aplaudimos ese esforzo). Eles chegaron ao refinamento de usar páxinas de papel aluminio revestido para que ata as máis duras inclemencias meteorolóxicas non interrompisen a comunicación (eu acordeime dunha nai compatibilizándoo co almorzo, a leite ao lume, as papas da irmá ciscadas pola mesa…)

Por último, uns enlaces para ver o libro [1] e para poder mercalo a un prezo razoable [2]:

  • [1]: Enlace á web do libro icoon: icoon-book.com
  • [2]: Enlace á web para mercar o libro: icoon-book.de/shop
  • Nota: mentres non o arranxen, a tenda non funciona moi ben xa que o idioma español do noso navegador web fai falcatruadas. Ide ás opcións do voso navegador, cambiade español ou galego polo inglés, facede a compra, e logo xa teredes tempo de volver a deixalo como estaba. Xa sabedes, cousas da informática.