Mª Emma Mayo Pais, socia de honra

No pasado mes de decembro, os membros da Xunta Directiva dos comezos desta asociación, tivemos unha xuntanza-xantar para celebrar que, un ano máis, aí estamos xuntos de novo, aínda que cunha sorpresa agochada que non se revelou ata o momento do café: María Emma Mayo Pais, a gran protagonista deste relato, e tal e conforme ao artigo 10.1 dos estatutos de TADEGa, foi nomeada socia de honra. Velaquí o desmiuzado desta historia e dos seus porqués.

Unha historia… intensa

Foto de Emma na asemblea de constitución de TADEGa en 2007.
Foto de Emma na asemblea de constitución de TADEGa en 2007.

Por poñer un inicio a este relato nalgún punto do tempo, no ano 2007 en asemblea, decidimos constituírnos en asociación sen ánimo de lucro. Sendo Emma unha das persoas asistentes e asinantes da acta fundacional.

Deses días ata hoxe os méritos académicos, de investigación, premios e recoñecementos non paran de sucederse e, no medio de todos eles, a súa loita pola accesibilidade e a inclusión dende a propia universidade coa mirada posta en que estes avances revertan no propio Sistema Educativo.

Os que a admiramos e queremos, non só reparamos nos seus méritos profesionais que, como se pode comprobar son innumerables, senón tamén a súa implicación e compromiso persoal con esta asociación a través do seu traballo na Xunta Directiva, a organización ou colaboración coas súas actividades.

Perfil biográfico e académico

María Emma Mayo Pais, doutora en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela é psicóloga clínica e investigadora cunha carreira profesional estreitamente ligada á saúde mental e á intervención familiar, particularmente, na área do tratamento de trastornos durante a infancia e a adolescencia.

A súa tese doutoral, que sentou as bases da súa liña de investigación sobre familia e discapacidade, recibiu a máxima distinción académica sendo un referente para estudos posteriores no ámbito internacional.

Carreira docente e investigadora

Traballa no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación impartindo docencia no Grao e en mestrados oficiais, centrándose en temas de dificultades na aprendizaxe e trastornos no desenvolvemento, entre outros.

Como investigadora, é membro activo do grupo investigador líder en Galicia, como o caso de UNDERISK —Unidade de Investigación das condutas de Risco e os Trastornos no Desenvolvemento—, coas seguintes liñas abertas:

  • Prevención de condutas de risco: especialmente en adolescentes e mozos.
  • Programas de intervención familiar: Avaliación da eficacia dos programas para familias en situacións de vulnerabilidade ou con fillas ou fillos con problemas de conduta.
  • Saúde Mental Infantil e Adolescente: Estudo dos factores de protección e risco no desenvolvemento psicolóxico.

Obras e publicacións

Colaborou en manuais de referencia sobre as dificultades na aprendizaxe e os trastornos no desenvolvemento, con participación en traballos sobre programas de formación de familias.

Ten numerosas publicacións en revistas como “Higher Education”, “Learning and Individual Differences” ou “Disability and Society”, abordando temáticas como o éxito académico de alumnado universitario con discapacidade, ou as estratexias para a regulación motivacional, entre outras.

O seu traballo de investigación está avalado por publicacións en bases de datos de renome mundial como “Web of Science” e “Scopus”, onde os seus árticos teñen un impacto significativo.

É relatora habitual en congresos nacionais e internacionais de psicoloxía evolutiva e da educación, onde presenta avances en intervencións psicoeducativas.

Proxectos e premios destacados

Cartaz coa nominación de Emma aos premios da 12.ª Edición internacional da «Academic Achivements 2024 de en Berlín».
Cartaz coa nominación de Emma aos premios da 12.ª Edición internacional da «Academic Achivements 2024 en Berlín».

Transferencia social: Un dos seus maiores méritos, é a aplicación práctica da súa investigación a través de acordos con institucións públicas (como a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia Innovación y Universidades) para poñer en funcionamento programas de apoio ás familias.

Nomeamentos aos Premios EDUCA ABANCA (Mellor Profesor/a de España): xa é unha figura recorrente neste certame, coñecido popularmente como os “Premios Goya da Educación”, na categoría Universitaria sendo nomeada nos anos 2022, 2023, 2024 e 2025, e estando hoxe entre as dez finalistas. O máis relevante é que estas candidaturas proveñen exclusivamente das propostas dos seus alumnos, que valoran a súa capacidade de ensinar “lonxe de clichés” e a súa implicación persoal.

Un perfil máis persoal

Fotografía recente de Emma Mayo Pais, nalgunha terraza da costa galega.
Fotografía recente de Emma Mayo Pais, nalgunha terraza da costa galega.

Está ben iso de enxalzar os méritos profesionais, académicos e investigadores dunha persoa realmente salientable, merecido ademais. Pero esta escolma sería ridícula se non a entreveramos coa calidade persoal e a súa traxectoria vital.

O pasado 10 de xaneiro deste ano, un medio de comunicación galego, La Voz de Galicia, publicaba un artigo amosando precisamente boa parte desas esencias e da mochila que ao seu ombreiro ilustra e explica esta traxectoria de vida. Non imos repetir aquí canto se di nesta publicación, pero si que vos pedimos unha lectura atenta no seguinte enlace.

Emma é a esencia da bonhomía gardada nun corpo máis que castigado ao longo de todas as rúas, que non son poucas, e cun sorriso e unha xenerosidade que a todas, todos e todes, nos ten, descolocado non, o seguinte. Dende a nosa asociación vaia un biquiño, unha aperta, e a espera ansiosa polo vindeiro encontro. Emma, de corazón dende os teus amigos de TADEGa, graciñas por ser e por estar!

Fotografía de Emma Mayo Pais nunha das aulas da USC e que tomamos prestada do artigo de La Voz de Galicia.
Fotografía de Emma Mayo Pais nunha das aulas da USC e que tomamos prestada do artigo de «La Voz de Galicia«.
Compartir esta publicacion

Deje un Comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

You may use these HTML etiquetas y atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.