Notas para a accesibilidade web (VIII)

Como decíamos ayer…

Man escribindo cunha pluma.[D-468-1]

É verdade, levábamos unha promesa de editar nesta bitácora un artigo semanal os venres sobre accesibilidade web, e así o fomos facendo ata que chegamos ao 7. Ahí tivemos que parar porque a preparación do Congreso e outros compromisos nos tiñan atados. Agora que o congreso xa foi, e que volvemos a ter un pouco máis de respiro, retomamos os artigos semanais. Vos pedimos desculpas polo paréntese, e nos poñemos en marcha.

O caso é que ¿Por onde empezar? Ou mellor dito: ¿Por onde proseguir? Dado que no congreso se falou moito da accesibilidade web, queríamos comezar por ahí, por unha das cousas que se dixo no congreso e que os técnicos máis renombrados insistiron (Emilio Ivars de Disacnet e Julián García Villalobos da ONCE): O mellor banco de probas para a accesibilidade web son os propios usuarios.

Indicacións valiosas de accesibilidade por moi novato que sexas (ou novata)

Imaxe de Einstein sinalando un ioió. Alegoría de que o básico é o básico.[D-468-2]

O básico é o básico. O resto, xa irá vindo

Os que andamos na procura dunha maior accesibilidade web en todos os ámbitos, pero especialmente na educación, atopámonos sempre coa mesma pedra atravesada no camiño: a xente sopra incómoda, evita canto pode abordar o asunto, escapúlese e fuxe. ¿Por qué? Porque lle parece traballo de fontanería para expertos e técnicos, complexo e duro.

Parcialmente non lles falta moita razón, pero só parcialmente. Dende aquí facemos unha invitación a abordar a accesibilidade dende outra perspectiva: hai cousas moi básicas e elementais que todos sabemos facer, básicas e sinxelas. Imos ver estas indicacións e, así, antes de que nos decatemos, teremos feito o máis importante da accesibilidade.

Probas con usuarios reais

Se queres facer unha aproximación ao que a accesibilidade é, e se coñeces ou tes contacto con persoas con diversidade funcional por discapacidade visual, motora, auditva ou combinada que estiveran dispostos a sentarse diante da pantalla para ver a túa web e opinar sobre ela, non perdas esa oportunidade, aprenderás moito máis do que imaxinas, vale ouro. Deixa que naveguen pola túa web e che conten onde teñen as dificultades máis importantes, verás que, a maior parte das veces, os problemas non son técnicos, senón de conecepto, de claridade de exposición, de organización dos contidos, de expresións confusas, ou de información visual que non está mal pero que necesita un pequeno apoio de texto.

  1. Non estás ahí con eles para superar unha oposición. Deixa que falen, que che conten todas as dificultades que teñan, non te defendas, acepta as súas necesidades como obrigas túas e dereitos deles. Rompe os miolos para para superar as barreiras.
  2. A falta de pan, boas son tortas:
    1. Venda os teus ollos e ocupa o seu lugar.
    2. Desconecta o teu rato e usa só a man dereita se eres zurdo ou á inversa.
    3. Revisa a ortografía do escrito, unha palabra mal escrita non será lida polo sintetizador de voz dun cego senón deletreada.
    4. Non temos alternativa para a discapacidade auditiva xa que está directamente relacionada coa comprensión lectora e iso non se pode simular. Pero si podemos facer unhas preguntas sinxelas:
      1. ¿Se necesitan máis de 10 minutos para ver e entender o contido, a estrutura e os obxectivos da páxina?
      2. ¿Son os parágrafos curtos e o seu contido principal descrito de xeito sinxelo nas primeiras liñas?
      3. ¿Hai frases de doble sentido ou con sentido figurado sen explicar ou avisar de cal é a túa intención?

A información que non é textual

  1. O deseño debe ser tal que se quitásemos toda a información non textual da páxina, a páxina seguiría tendo sentido, información, e utilidade.
  2. Os elementos gráficos e visuais que aporten contido significativo á páxina deben ter unha descrición escrita en texto alternativa, comprensible, e accesible.
  3. O aspecto e aparencia visual, aínda non sendo o prioritario, debe cumprir uns requisitos básicos:
    1. Homoxéneo e recoñecible en todas as páxinas.
    2. Sinxelo, limpo, claro, e colaborador cos obxectivos do usuario, non cos teus.
    3. Presenta os contidos importantes nas zonas visuais importantes.
    4. Canto menos vulto, máis claridade, dicía a miña nai.

Ironías da vida. Ourense, terra redonda.[D-468-3]

O texto é para informar, non para confundir

Ás veces hai que dicir cousas que son máis que evidentes, porque non sempre son as que lembramos nos momentos importantes. E se nalgún momento queres xogar a confundir ás visitas da túa páxina web, adiante, pero que quede explícita a túa intención dende o principio.

  1. Evita frases de dobre sentido, as expresións de sentido figurado, etc. (a non ser que as expliques no propio texto).
  2. Lémbrao: pode ser divertido para ti, pero pode ser axuda vital para unha visita apurada.
  3. Un parágrafo para unha idea. Unha idea para un parágrafo.
  4. Repasa o escrito, non confundas, aclara, axuda.
  5. Usa a linguaxe dos teus usuarios, non a túa.
  6. Claro, conciso, amigable, familiar, cercano.

Os enlaces

Unha das esencias de toda web, como xa sabes, é a presenza deste elemento tan singular; esa particularidade virtual de que cando a activas (mediante pulsacións do teclado ou do rato) ten a habilidade de que desapareza a páxina que se estaba vendo para pasar a outra da que se estaba a facer unha referencia. ¡Que doado de dicir e que complexa abstracción supón para tanta xente cando se atopan con ela por primeira vez!

  1. Nin moitos nin poucos, só o que se precisa para colaborar na comprensión do que se conta, e na usabilidade do servizo que se oferta.
  2. Non xogues ás adiviñas coas visitas:
    1. Explica con claridade a que sitio estás enlazando. Que teñan elementos de decisión válidos para sopesar se ir ou non a ese sitio.
    2. Se a explicación é importante para a comprensión do contexto, non obrigues a visitar outra páxina para obter esa información, proporciónaa ti.
    3. Os enlaces son para obter informacións adicionais, complementarias, ampliacións… Non dirixas nin condiciones o seu comportamento de navegación.
  3. Aritmética básica:
    1. Dous textos iguais non poden apuntar a dous enlaces diferentes.
    2. Dous textos diferentes non poden apuntar ao mesmo enlace.
    3. Se vas a enunciar varias veces un mesmo enlace, pénsao, case mellor facer unha referencia ao final do texto de todo o conxunto, como se fosen referencias bibliográficas.

Etiquetar, titular e rotular

  1. ¿Tes un texto extenso? Divídeo en partes.
  2. Encabeza cada parte cos títulos e subtítulos que precises.
  3. Títulos e subtítulos que teñan unha ordenación lóxica e congruente.
  4. Títulos e subtítulos con textos axeitados, descritivos, clarificadores, intuitivos, lóxicos.

Repensar todo de novo

  1. A páxina non está para que fale ben de ti, a páxina está para que axude ao usuario.
  2. O usuario satisfeito é o que recibe un bo servizo, non o que queda abraiado por un espectáculo pirotécnico. O primeiro cho agradecerá sempre, o segundo bocexará na terceira visita.
  3. Isto non é para que te sintas representado, é para que se sintan atendidos ou, como mínimo, acompañados.
  4. Facilita en todo momento a orientación do usuario: onde está, como volver, que visitou, que vai pasar…

Referencias de interese:

  • Como ven sendo habitual nos artigos desta serie, aquí tedes este artigo en español: www.opentrad.org/tradurl.php… Aviso, ao ser a tradución deste enlace feita por unha máquina, o resultado pode resultar algo confuso. Invitamos dende aquí a unha lectura directa do orixinal que non custará moito traballo. Graciñas e desculpade as molestias.
  • A usabilidade web tamén inspira moitas das normas da accesibilidade web. Aquí tes un magnífico manual de procedemento www.nosolousabilidad.com/articulos/heuristica.htm
Comparte este artigo

Deixar un Comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar: HTML etiquetas e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.