TADEGa premio e-Inclusión do CPEIG

Logotipos do CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) e de TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega).
Premio e-Inclusión
Estamos de noraboa, a revista Código Cero, o Cluster TIC Galicia, La Voz de Galicia… fanse eco dunha novidade de alto interese para todas e todos nós: o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia), vén de facer público o recoñecemento a nosa asociación TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega) coa concesión do premio e-Inclusión.
No seu comunicado do luns 5 de maio indícanos ademáis:
A Xunta de Goberno valorou o traballo realizado para eliminar a fenda dixital e a prol do desenvolvemento das persoas con diversidade funcional.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público o recoñecemento a TADEGa (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega) coa concesión do premio e-Inclusión.
(…)
Este galardón representa unha novidade dentro dos premios anuais que o CPEIG entrega na Noite da Enxeñaría en Informática, que este ano se celebrará o día 13 do mes de xuño. O CPEIG recoñece mediante o premio o traballo desenvolvido por TADEGa a prol da eliminación da fenda dixital que frea o desenvolvemento das persoas con diversidade funcional.
O colexio comparte coa asociación premiada o seu ideario, no sentido de que considera a accesibilidade das TIC
vital e base para que os sectores máis febles da sociedade poidan acceder a todos os contidos, servizos e oportunidades coma o resto da cidadanía. Asemade, o CPEIG valora que a asociación promova a inserción e o aproveitamento das TIC no ensino galego e alí onde se prestan servizos de atención á diversidade, ademais da investigación, fomento e deseño das ferramentas e os métodos para obter o mellor proveito da tecnoloxía dixital e a súa inmersión nas aulas.
Satisfacción e responsabilidade
Para esta asociación é unha emoción contida de alegría e satisfacción recibir un galardón de tal calado e significación. Implica un recoñecemento que a sociedade fai a un número enorme de persoas implicadas nunha educación máis auténtica e acorde cos principios fundamentais dos dereitos das persoas á vez que tamén co novo milenio dixital que entre todas e todos nos estamos outorgando. A transición dunha escola afastada destas realidades a unha escola dixital e inclusiva non é doada nin sinxela, menos aínda desde dentro dela, e neso estamos e por iso apostamos.
Agora ben, un premio non debe ser nunca nun balsámico recoñecemento a un traballo ben feito; é ante todo, un estímulo e un compromiso máis firme para que os obxectivos marcados, por utópicos que podan xulgarse, se acaden nunha liña de horizonte realista á vez que temperá. Nelo estamos.
E como adoitamos dicir na propia asociación: Graciñas por ser e por estar
.
Enlaces ás entidades mencionadas
- O CPEIG (Colexio Profedsional de Enxeñaría en Informática de Galicia): www.cpeig.org coa súa nova [enlace 1].
- A revista Código Cero: www.codigocero.com coa súa nova [enlace 2].
- O Cluster TIC Galicia: www.clusterticgalicia.com coa súa nova [enlace 3].
- La Voz de Galicia: www.lavozdegalicia.es coa súa nova [enlace 4].
- A nosa asociación TADEGa: www.tadega.net