PNL sobre a Educación Inclusiva no parlamento Galego
Unha PNL (Proposición non de Lei) sobre a Educación Inclusiva no parlamento Galego
Este martes pasado 23 de novembro, ás 21.30 horas aprobouse unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia co seguinte encabezamento: Medidas para promover un sistema de educación inclusiva en Galicia para os alumnos con discapacidade en todos os niveis educativos
. Foi presentada polo portavoz de educación do Partido Popular, Román Rodríguez, quen explicou o seu principal contido:
- Promover a detección temperá das necesidades específicas de apoio educativo, particularmente as asociadas á discapacidade, para iniciar o antes posible as medidas de atención educativa mais axeitadas.
- Desenvolver as accións de formación do profesorado que proceda para poder realizar unha atención educativa de calidade sobre os alumnos con necesidades educativas especiais. Os responsables da orientación educativa nos centros e os da inspección educativa deberán, así mesmo dispor dunha oferta formativa coa mesma finalidade.
- Promover a cooperación das organizacións representativas das familias de alumnos con necesidades educativas especificas para desenvolver a mellor atención educativa de estes.
- Favorecer a participación dos alumnos con necesidades educativas específicas nos programas educativos que se desenvolvan nos centros, tales como ABALAR e PROA, entre outros.
- Desenvolver as actuacións necesarias para que a escolarización dos alumnos con necesidades educativas específicas se rexa polos principios de inclusión, promovendo a colaboración con outras administracións ou entidades públicas ou privadas sen animo de lucro, así como de institucións ou asociacións.
- Promover a dotación de recursos aos centros que escolarizan alumnos con necesidades educativas específicas para atender axeitadamente a este alumnado.
(Este non é o texto definitivo pois hai que engadir as emendas).
A proposta foi aprobada por unanimidade con algunhas emendas do Bloque Nacionalista Galego, que fixo fincapé na detección precoz na etapa de 0 a 3 anos, a comarcalización do os EOE e unha dura crítica ao Partido Popular polos recortes que está sufrindo o profesorado de apoio.
O Partido Socialista, pola súa banda, tamén apoia a proposta aínda que indica que o que fai falta é un Plan de Educación Inclusiva e critica ao Partido Popular por estar a facer até agora o contrario do que recolle esta proposta.
De onde xorde esta PNL?
Cando a Plataforma España Inclusión estivo no Parlamento Español por causa do tristemente fracasado Pacto Educativo
recibimos do Partido Popular de Madrid a promesa de que as nosas demandas serían recollidas nunha PNL en Madrid. Ao pouco recibimos correos informándonos de que esa proposta saíra adiante por unanimidade na capital de España. Decidimos pois que sería bo trasladala ás distintas comunidades, polo menos ás que tiñamos ao noso alcance. Esther Cadrado e eu como representantes da Plataforma e Por Dereito
puxémonos en contacto con deputados galegos que nos apoiasen e eles á súa vez buscaron o apoio doutras asociacións proinclusivas como Síndrome de Down
e Cermi Galicia
. Tras varias reunións este foi o resultado. Tiveron ademais a deferencia de convidarnos a asistir de oíntes ao debate desta PNL polo que alí estivemos a compartir o momento con outras mamis doutras asociacións. Ás mamis e papis enchíansenos os ollos de bágoas por momentos.
Sabemos que isto non é máis que un gran de area máis pero moi necesario para seguir avanzando. Ademais que se debata e se fale da Educación Inclusiva nun foro destas magnitudes dá enerxías para seguir avanzando nas nosas loitas pois aínda estamos ao principio dun longo camiño.
Unha reflexión que deberiamos facernos
Se só catro nais fieras
de nenos con diversidade funcional fomos as impulsoras da modificación da redacción dun Pacto Educativo de Estado e conseguir que se presente unha PNL sobre Educación Inclusiva en Madrid e outra en Galicia, Que poderiamos conseguir se todos e todas os que queremos unha educación inclusiva de verdade e de calidade no noso país nos fundíramos nun único berro? Alguén se preguntou isto?
Enlaces de Interese
- Plataforma España Inclusión: pactoeducativoparatodos.blogspot.com
- Blog de Por Dereito: pordereito.blogspot.com
- Noticia na prensa: www.abc.es/agencias/noticia.asp?noticia=601092
Ola Cuca:
Alédame fondamente a boa nova que trouxéchedes do parlamento galego. Polo menos alí tamén se fala da inclusión e se entende como parte integrante da folla de ruta dunha educación de calidade.
De todos modos, eu conservo os meus medos:
O mesmo partido que impediu o Pacto Educativo en Madrid (e non me esquezo de todas as vosas loitas para que aquel pacto fose un pacto digno) é o que agora parece querer facer un lavado de cara con esta actuación, máxime, se temos en conta outra consideración:
Non perdades de vista o que é unha PNL, e cito textualmente:
Hai que estar contentos, pero non para tirar foguetes. Unha proposición non de lei é unha proposta dunha resolución non normativa xurdida dunha iniciativa das cámaras lexislativas. Estes textos e resolucións están dirixidos, en xeral, a pedir ou a instar ao goberno, a algún dos seus membros ou organismos a que realice unha acción concreta, a mostrar públicamente unha opinión das cámaras nalgún tema ou para sentar as bases con respecto a algunha actuación das administracións públicas. Por tanto non compromete a nada, ainda que ten de positivo que, polo menos, neses intres a cuestión tratada estivo nas mentes das súas señorías.
Tamén ese mesmo día, o 23 pasado, aprobouse outra proposición relativa á accesibilidade e á supresión de barreiras, que xa vai sendo hora.
Javier Martin Betanzos
http://martinbetanzos.blogspot.com/
Somos conscientes do que é unha PNL, pero como dixen no meu artigo isto é un gran de area pero necesario para seguir avanzando. Sabemos dos erros do actual goberno pero tamén do anterior, pois tampouco avanzaron moito na educación inclusiva. Con todo seguimos estando moi orgullosas do que temos conseguido pero seguimos ao inicio do camiño e seguiremos facendo por mellorar as cousas creo que o que nos resta de vida pois o motor que nos move é o mais potente do mundo (os nosos marabillosos fillos).
Javier tamén estivemos presentes na presentación desa PNL sobre accesibilidade, tamén é un gran triunfo.
Un bico e grazas polos vosos comentarios.
Por suposto Cuca. Se non fose por xente coma vos aínda estaríamos na Idade de Pedra. Grazas a ti.
—
Javier Martin Betanzos
http://martinbetanzos.blogspot.com/