Claqueta Pasmao. [D-415]

Alfabetización dixital para todas e todos

A fenda dixital é unha fenda social, polo que é necesario realizar labores de alfabetización dixital, que se converte na clave do desenvolvemento da Sociedade da Información e do Coñecemento. Os medios audiovisuais permiten pola súa cercanía atraer a atención do futuro usuario das TIC e achegarlle eses elementos descoñecidos para el dun xeito ameno.

Todo medio audiovisual ten que ser accesible para todas as persoas con discapacidade, iso significa que os vídeos irán subtitulados e audio-descritos para que as persoas con discapacidade sonora ou visual non teñan unha fenda engadida, toda labor de inclusión ten que ser totalmente inclusiva.

Isto é algo novo e posiblemente atractivo pois a forma na que comunicamos (ou pretendemos facelo) algo tan arduo como é a sinatura dixital, permite ás persoas cegas manexarse utilizando o teclado e JAWS e os subtítulos en cores para xordos.

Trátase dunha escolma de vídeos que realizamos, mediante escenificacións de situacións cotiás que resolven de forma sinxela e amena aquelas dúbidas e inquietudes que se poden ter en relación coa sinatura electrónica e as avantaxes que o seu uso pode proporcionar, achegando desta forma as novas tecnoloxías ao cidadán nunha forma habitual para el, a televisión e máis en concreto a telecomedia. Dito sistema multimedia (pois inclúe ademais simulacións dos problemas máis habituais que se poden atopar) está subtitulado e audiodescrito para permitir o seu acceso a persoas con discapacidade auditiva ou visual.

O proxecto foi apoiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información e a Dirección Xeral para o desenvolvemento da Sociedade da Información dentro do Plan Avanza na súa Convocatoria de axudas para a realización de actuacións que favorezan a inclusión de persoas con discapacidade e persoas maiores na sociedade da información, participando no financiamento as axudas concedidas pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Orixe

Colaboración que agradecemos de Ángel García Crespo (www.pasmao.tv).