Proxecto Xandre
A miña experiencia con Xandre
A mediados do segundo trimestre do meu ano de funcionaria en prácticas como mestra de Educación Infantil, chegaron ás miñas mans moitos recursos para aplicar na aula, pero se de algún deles paga a pena falar en profundidade é o conto de Xandre, o elefante sen sombra
(1).
Xandre abriume unha fiestra para traballar cos nenos actitudes positivas como a solidariedade, o compañeirismo, a empatía, o respecto ás diferenzas… nun contexto un tanto especial, dadas as circunstancias dun alumnado procedente de fogares desestructurados e na súa maioría con escasos recursos económicos.
Pero, ¿Como traballar con Xandre con nenos que nunca tiveron acceso ás novas tecnoloxías?, o tema da motivación xa estaba resolto, pois todo o relativo ás novas tecnoloxías chama a atención dos rapaces, mentres que o enfoque polo cal abordar o traballo requiriu un pouco mais de tempo e resultou que dada ás curtas idades do alumnado (tres, catro e cinco anos) o mellor foi traballar co conto para instar aos nenos a axudar aos demais, a ser mellores compañeiros.
Os nenos de 5 anos, tras ver en repetidas ocasións o conto e falar sobre el en asembleas, decidiron elaborarlle unha sombra a Xandre, con retallos de cores, cada un pintado por un neno.
Amosáronse todos ilusionados por cumprir o soño de Xandre e concederlle unha sombra, e querían que toda a escola vise o que fixeran por el. Foi unha experiencia verdadeiramente fermosa.
No caso dos nenos e nenas de 3 e 4 anos, Xandre foi un punto de partida e de motivación que propiciou un maior coñecemento do noso corpo, das súas posibilidades e un maior respecto polas diferenzas cos compañeiros.
O contorno ideal para comenzar esta experiencia era a aula ordinaria, alí tras unha asemblea decidimos buscar as nosas sombras na parede, o que nos foi posible co simple acto de baixar un pouco as persianas.
Unha vez realizada esta actividade e vendo o interese que despertou nos nenos decidín ampliala, e explorar cas nosas sombras empregando unha pantalla e un canon de proxeccións, do que gravamos vídeos que logo puidemos ver e analizar o traballo feito. Nestas sesión empregamos ademais do noso corpo diversos elementos de psicomotricidade, que afastamos e aproximamos á pantalla permitíndonos observar as variacións no tamaño das sombras. Foi algo máxico!, ademais, Xa eramos como Xandre, tiñamos todos unha sombra coa que xogar!
Para deixar rexistro das nosas experiencias tamén empregamos o Encerado Dixital Interactivo, con el os nenos púñanse diante mentres outros perfilábanlles as sombras, que aproveitamos para que quedaran gravadas en actitudes positivas, sombras dándose apertas, a man ou un bico. Pois nunca esquecemos que ademais de desfrutar coa experiencia creativa, a finalidade da actividade era tamén gozar aprendendo a compartir, a respectar, e a querer aos nosos compañeiros.
A narración de toda a miña experiencia con este conto agardo que sexa de axuda a outros mestres que están a dar os seus primeiros pasos como docentes, para que exploren este tipo de recursos, pois como xa sinalou Giani Rodari (1979) o primeiro coñecemento da lingua escrita non atopou aínda un itinerario, mais rico, cheo de cor e atractivo que os contos
. E neste caso a riqueza de contidos a traballar é abraiante, sobre todo nos niveis das actitudes. E que mellor momento para inculcar actitudes positivas que a etapa de Educación Infantil?, onde o neno, como destacou a gran pedagoga María Montessori dispón dunha mente absorbente
, grazas á facilidade que ten para adquirir coñecementos en base ás contribucións da contorna.
Así que anímovos a todos a seguir enriquecendo o mundo dos nosos nenos, a facilitarlles o acceso á realidade, ás experiencias, á creatividade, só así acadaremos un sistema educativo eficaz que enriqueza os corpos e as mentes dos homes e mulleres do mañá.
Enlaces
- Enlace ao conto de Xandre: www.contosdexandre.net
ESPERO QUE VOS GUSTE, FIXENO CON MOITO CARIÑO.
GRACIAS ANA POLA TÚA AXUDA.
Grazas pola túa ilusión!! que sorte teñen ises cativos…
Grazas a ti Laura, por compartir con nós a túa experiencia con Xandre.
Xenial! como di Felo os/as cativos/as teñen moita sorte de contar con profesorado coma ti.
Parabéns e adiante!
bicos