Dislexia, a discapacidade invisibilizada

[D-408] Non nos decatamos pero entre nós hai unha multitude de xente con dislexia sen que os propios afectados sexan coñecedores desta situación. Un artigo no xornal El País (1) fai unha descrición pormenorizada desta situación que, no estado español, é grave dende o momento en que as medidas educativas para a detección e o tratamento apenas son uns poucos esbozos do que debería ser. Non quero aburrir on explicacións redundantes así que, despois de ler isto e ver o debuxo de J. Montiel (2), invítovos a ir directamente á fonte orixinal de ambos para ler o artigo e observar os traballos gráficos, paga a pena. Enlaces que se citan Artigo do xornal El País sobre a dislexia baixo o significativo título: Tal vez o teu fillo é disléxico e ninguén o sabe? no enderezo web: www.elpais.com/articulo/sociedad… Orixe da ilustración de este artigo: Caderno de bitácora de J. Montiel (Juan Manuel Montiel): jmontiel.blogspot.es/…

Cal é a maior discapacidade?

[D-404] A explicación Miss Saraievo é unha canción (1) dun álbum sinxelo do conxunto U2. Foi composta por Bono e interpretada por el xunto a Luciano Pavarotti, The Edge e Brian Eno durante un concerto de Pavarotti en Verona, Italia. Destaca a voz de Pavarotti, xunto a de Bono e os violíns. A canción -e o videoclip- tratan dun suceso ocorrido durante a Guerra da antiga Iugoslavia, na cidade de Saraievo, Bosnia-Herzegovina. Esta cidade era atacada polos serbios, os musulmáns e os croatas. Neste conflito morrían diariamente centenares de persoas. No medio do caos, algúns cidadáns crearon un concurso de beleza. Gravaron o momento e transmitírono en vivo nun espectáculo de Verona, Italia (2). Durante o videoclip que vos animamos a ver e escoitar no enlace de Youtube que vos engadimos ao final deste artigo (1), podemos ver como as participantes no concurso de Miss Saraievo mostran un cartaz co lema Don’t let them kill us (Non permitades que nos maten). A reflexión Cal é a maior discapacidade? Non é complexo respostar, cando unha persoa morre a mans doutra todo queda discapacitado, esnaquizado, nada queda no seu sitio. De todo o edificio do verdugo só queda en pé o que para nada vale, o resto desvaneceuse. Só se pode pedir unha cousa: non lle fagamos sitio á indiferencia, sería criminal. Enlaces que se citan Enlace a Youtube para ver e escoitar o videoclip: www.youtube.com/watch?v=u4VM41immWI Información obtida da wikipedia no enderezo: es.wikipedia.org/wiki/Miss_Sarajevo

Asomarse ao autismo (II)

[D-401] Isto xa ven de atrás Contaba eu non fai moito (1) a miña curiosidade infinita sobre sobre como viven as persoas con discapacidade ou como sinten, tanto eles como os seus familiares máis achegados, que podemos ou debemos facer, ou como nos debemos conducir. E, dentro de todo iste mar de interrogantes, o autismo: Qué bule detrás deses ollos que rexeitan mirar aos meus? Como entende un coche de xoguete un rapaz que o usa para mover as rodas durante horas sen parar pero nunca para facelo rodar polo chan? Por que escapan á comunicación verbal? Por que insisten tanto, e que pracer lles causan, os movementos rítmicos, ou estar ordenando milimétricamente os obxectos, ou quedar pasmados mirando á luz ou á auga? Por qué fan como se non estiveses, aínda que saben de sobra que estás alí? Por qué prefiren cen mil veces coller un vaso de auga escalando mil obstáculos, no canto de pedircho a ti directamente que estás a só uns centímetros? Por qué nunca amosan os seus sentimentos pero si as súa ansiedade e excitación? Por que lles é moito máis doado expresarse con imaxes que coas palabras? Por qué…? E agora a sorpresa Así dicía eu máis ou menos entón, e as mesmas preguntas non paran de bulir. O caso é que hoxe, da man dunha das nosas bitacoreiras (moitas veces son os pais son quen nos abren os ollos) véñome a enterar a través da bitácora de Mi ángel sin voz da mamá de Daniel (2) do enésimo estudio que fala de como viven e pensan as persoas con autismo. Neste caso para dicirnos algo sorprendente. El niño autista, lejos de haberse retirado de la realidad, está –según los autores de este texto– en hipercontacto con las actitudes de los otros, y esta hiperconexión es dolorosa, aterrorizadora: por eso, se defiende replegando una parte de sí. Novamente, a estas mamis incansables, mesmo de aceiro, grazas. Juan. Enlaces que se citan Artigo desta mesma bitácora no que reflexionaba sobre o autismo: tadega.net/Bitacora/asomarse-ao-autismo Artigo da Bitácora de Mi ángel sin voz da mamá de Daniel: mara.blog.zm.nu/2008/03/17/el-nino-autista…

Notas para a accesibilidade web (I)

As cousas non son o que parecen, aínda que deberían Andaba eu matinando en como darlle continuidade aos obradoiros de accesibilidade web que tivemos estes días atrás e ocorréuseme a idea, ademais dun servizo virtual que estamos a preparar, de publicar nesta bitácora con periodicidade fixa (por exemplo todos os venres) e baixo o mesmo título: Notas para a accesibilidade unha colección de artigos sobre accesibilidade web que puideran ser entendidos por todo o mundo (ata para quen parte do nivel cero) e que se puideran ir apañando como se dun coleccionabre se tratase. -Pero que podería usar como primeiro artigo de estrea?- preguntábame. E velaquí que xa din con el. En qué quedamos? a 20 ou a 50? [D-393] Esta foto queda perfecta. Cun título parecido foi tomada dunha das páxinas de José Antonio Alonso Martín (1). Dúas sinais sacuden a nosa vista cunha curiosa confusión por mor do gran parecido entre o nome da aldea e unha posible limitación de velocidade de tráfico. Ao mellor non caemos na conta pero, algo parecido acontece moitas veces cos textos dos artigos das nosas bitácoras se non lles prestamos a atención que merecen; o noso idioma, e todos os idiomas do mundo: Están cheos de expresións ambiguas. Frases de dobre significado. Textos que só se poden entender correctamente se os lemos no seu contexto. Material que, para comprendelo, precisa certa formación técnica. Agora engadamos: Que as nosas páxinas web poden ser lidas por xente sen dominio do idioma (inmigración e lectores doutros países e idiomas). Que carecen desa formación específica. Que teñen os minutos contados cando nos len. Ou que están afectados por discapacidades que dificultan a comprensión escrita (persoas con xordeira, con certos tipos de dislexia, etc.) Que cómpre facer? Non son eles quen deben adaptarse á nosa mensaxe senón ao revés, nós adaptarmos para poder chegar a todas e todos e, polo tanto, cómpre redactar de novo e sen equívocos para que poidan leernos sen esforzos fóra de proporción (hai xente co tempo moi xusto para pararse a ler as nosas rifas). Un decálogo para deixar todo claro Aquí poderiamos deixar unha síntese de liñas básicas a seguir: Evita as frases e expresións con dobre sentido ou con sentido figurado. Se non puideses, explica o seu significado no propio artigo. Revisa a ortografía e os signos de puntuación antes de publicar. Unha mala escritura ou unha mala colocación provocan significados nulos ou mesmo contrarios ao que pretendes. Pechada a redacción do borrador, revísao unha e varias veces. Sempre hai algo que se pode mellorar. Vixía non caer en parágrafos ou en

Ler máis

O proxecto ‘Ponte dos Brozos’

A nosa noraboa e o noso agradecemento [D-396] A pasada semana dábamos peche provisional ao ciclo de obradoiros de accesibilidade básica de contidos web que estivemos a celebrar durante un longo mes. E digo que peche provisional, porque queda por celebrar o obradoiro de Lugo que aínda non ten data e porque estamos a argallar xeitos para darlle continuidade aos máis de 70 compañeiros e compañeiras que transitaron por estes obradoiros e que nos manifestaron o seu desexo de afondar nesta formación. Pero non queríamos pechar esta nota sen antes transmitir o noso agradecemento e a nosa noraboa ás boas xentes de Arteixo que nos recibiron cos brazos abertos nesta última xuntanza. Agradecemento pola exquisita acollida, e noraboa polo ambicioso proxecto no que están embarcados malia que non todo mundo aprecia na xusta medida o esforzo, e non falamos do económico ou do tecnolóxico, senón do esforzo persoal de máis dunha centena de compañeiros de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos implicados e empeñados, parafraseando a cita bíblica, en dar froito e que o seu froito permaneza. Pór en alza o seu valor Son 5 anos de experiencia acumulados no uso das TIC nas aulas, coas pizarras dixitais, con portátiles, con cuarenta mil trebellos pero, o mellor de todo é a experiencia acumulada, as conclusións ás que chegaron o que a todos nos interesa coñecer como un valor engadido que non se pode deixar escapar. Tivemos amplas conversas para ver como vertebrar toda esa aposta de inmersión TIC de xeito que toda a comunidade educativa o poida coñecer, apreciar, e sacarlle proveito. Non ha de tardar moito en verse na rede algún xeito ese traballo, e como xa lles dixemos, contan coa nosa colaboración, seguro. Novamente, grazas.

Cambiemos os estándares da UNESCO

[D-392] Un documento atrevido, importante e incompleto Recentemente chegou ás nosas mans un substancioso documento en formato PDF titulado Estándares de competencia en TIC para docentes cuxa autoría é da UNESCO. Trátase dun documento consensuado con data recente (Londres, 8 de xaneiro de 2008) e nel se recollen os deseños de estándares / directrices / orientacións de competencias TIC destinadas aos docentes e máis aínda aos programas formativos dos docentes. Que a UNESCO se atrevese a tanto xa é digno de eloxio, sobre todo se pensamos que de xeito automático se convirte nun referente universal para toda formación do profesorado sexa do país que sexa. O problema ven de que, ao noso xuízo, iste documento di moitas verdades, certo, pero cala outras e isto é grave. E de aí nace a nosa proposta para que sexa reformado de xeito que nel se recollan todos os elementos que, ao noso xuízo deben figurar nel. A esencia do que falta En síntese, que non se menciona en ningún sitio: A atención á diversidade A esencia da accesibilidade web como parte crucial de todo deseño para que no sexa excluínte para as persoas con discapacidade. A esencia do deseñado para todos como etiqueta de toda construción dixital para que ninguén quede excluído do seu acceso. A necesaria formación do alumnado nestes conceptos como parte da súa formación tanto ética como técnica. ¿Cambiamos isto? Ben. Agora se trata de ampliar, afondar, mellorar, arranxar ises puntos para rematar construíndo unha proposta ben vertebrada de mellora deste documento ¿Quen se anima? Admítense suxestións. Documentos que se citan Documento da UNESCO: documento en formato PDF procedente de eduteka.org Enlace na web de ‘internetaula.ning.com’ na que temos aberta esta discusión ao nivel de todo o estado español e no que vos invitamos encarecidamente a participar: internetaula.ning.com/group/atencionaladiversidad.

Mutismo selectivo

[D-389] Dende unha petición de axuda ata un artigo Na nosa lista de distribución de correo xurdiu unha cuestión en determinado momento cando unha das nosas compañeiras precisaba axuda por mor dun caso de mutismo selectivo na súa aula. O caso é que, grazas a esa ferramenta humilde da lista de correo, foron xurdindo aportes de diversos compañeiros que ían definindo situacións, aclarando dúbidas e pouco a pouco construíndo entre todos unha estrutura que decidimos non podía quedarse inflada no aire para logo esmorecerse co tempo. Decidimos transvasar toda esta información a este pequeno artigo recompilatorio para que poida servir de axuda para outros. Agardamos que así sexa.

Integración 2.0

[D-385] Non imos falar de web 2.0 ou de educación 2.0. Parece que iso xa está case dado por feito, sobre todo da web 2.0 pois xa é unha realidade. Non parece que vaia por bo camiño –polo menos parécemo a min- o que poderíamos chamar educación 2.0 –aínda que no mundo anglosaxón chaman a este fenómeno e-learning 2.0 (e-aprendizaxe 2.0). Por que motivo? Pois porque queda pouco daquel principio construtivista no que o alumno constrúe a súa aprendizaxe, pois agora mudou no mundo das TIC en algo así como querer acumular moito de todo sen unha mirada crítica ou un pensamento reflexivo. Así a web 2.0 proporciona: blogs, procesadores de textos online para facer bitácoras ou calquera outra cousa, servizos RSS, Podcast, buscadores eficientes, Google maps, Bubbleshare ou Flickr, soft beta, o mundo Wiki,…..e xa hai algún que pensa que está todo feito; non estarán máis acertados os que chaman a este fenómeno e-aprendizaxe que os que o chaman educación? E como queda enredado na rede algo hipotético, pero que eu penso que pode ser factible: integración 2.0 ou atención á diversidade 2.0. Poderíase manter na rede colectivos –como TADEGa- estables que redefiniran o uso de todas estas ferramentas e se implicaran na mellora dos proxectos e programas a nivel global sabendo o que se quere acadar e darlle un verdadeiro enfoque construtivista ao ensino aprendizaxe. Porque pregunto eu: un alumno con parálise cerebral que ten necesidade de usar un ordenador con interface e periféricos adaptados para o seu traballo que é o que está utilizando, unha ferramenta ou unha prótese, porque se llo quitan non pode facer nada, úsao como quen usa lentes. Non o fai co mesmo propósito que o estou facendo eu agora. Outros confunden o medio co fin, saber ou poder manexar o ordenador non é o fin…. Sería bo sentar os principios da integración 2.0? Colabora: Javier Martín

Blackle: aforrando con fondo negro

[D-356] “Blackle”: o Google sobre fondo negro A polémica acerca do emprego do fondo negro nas páxinas Web co fin de contribuír ao aforro enerxético nace cando Mark Ontkust, en xaneiro do 2007, suxire nun artigo da bitácora de ‘ecoIron’ que o cambio da cor do fondo da pantalla de ‘Google’ a negro diminuiría o consumo enerxético nuns 3000 megavatios-hora anuais. Estes datos de seguida foron re-axustados a 750 megavatios-hora anuais, para o cal se estableceron algúns parámetros, como foron a concreción do número de visitas por día (estimadas en 200 millóns) e a duración de cada visita (estimada en 10 segundos).

FACIL 2.3 en Galego

[D-363] O noso benquerido amigo Joaquim Fonoll do XTEC Catalán, o autor da Factoría de Actividades Combinadas de Informática e Logopedia (FACIL), envíanos a ligazón á version 2.3 en galego (Febreiro) que agarda solucione os problemas atopados e simplifica a instalación. Ademais ponnos á nosa disposición un bo feixe de materiais en galego: Enlace á descarga do FACIL Enlace á descarga do CALCWAV Enlace á descarga do Tocatoca (o programa é multilingüe e o galego está pendente de revisar) O propio Fonoll pídenos que recollamos todas as impresións e atrancos que atopemos cos seus programas para seguir mellorando, incluso -seguindo unha suxerencia nosa- convertir FACIL, reprogramalo de xeito que, en lugar de ser unha aplicación drogodependente de EXCEL (que sempre será un problema) que fora un programa tipo páxina web sen necesitar instalación de ningún tipo e moito mais doado de empregar. O asunto é atopar xente que queira colaborar, saiba destas fontanerías, e se preste voluntario. Admítense todas cantas suxestións nos queirades achegar sobre o asunto tema.