Resaca do I Congreso TADEGa
[D-460]
Os días 23 e 24 de maio de 2008, celebrouse nas instalacións do Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA) de Santiago de Compostela, con grande éxito de público e emocións, o Primeiro Congreso de Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega (TADEGa) 2008
. Dous días intensos nos que usuarias e usuarios en enquisas anónimas (55) nos deixaron unha valoración media de 8,45 puntos na típica escala de 0 a 10.
A todas e todos moitas grazas. Faremos canto sexa posible por merecer tan boa nota. Igualmente adiantarvos que ao longo dos vindeiros días poñeremos á vosa disposición:
- As propias conclusións en detalle do congreso en diversos formatos:
- En formato PDF para que poidan ser descargadas e impresas. Terá unha extensión reducida xa que incluirá só os datos máis imprescindibles.
- Para quen estea interesado/a en ter unha copia impresa de calidade destas conclusións que editaremos en formato revista, as poñeremos tamén á vosa disposición para ser mercadas a través dunha editorial que xa logo vos indicaremos a un prezo axustado (o mínimo para amortizar os gastos da propia edición).
- En formato ISO, xa cunha versión máis completa e detallada para que poidades gravar esas mesmas conclusións nese disco compacto (CD ou DVD) contendo unha pequena web con toda a información ao completo así como unha reportaxe gráfica con fotos e vídeos do que foi o congreso.
- Dado que aínda estamos en proceso de elaboración tedes tempo de subministrarnos máis datos para as mesmas, as vosas conclusións particulares, opinións, etc. Xa sexa xuntando comentarios a este artigo da bitácora, xa sexa enviándonos un correo electrónico. De todos modos o proceso calculamos debe quedar concluído nesta primeira quincena de xuño.
De entrada, os datos básicos para poder ir consultándoos os tedes nas nosas páxinas de internet:
- En galego: 1º Congreso TADEGa 2008
- En español: 1º Congreso TADEGa 2008