Reflexións

Reflexións sobre cuestións de interese.

Escuela 2.0-Abalar Accesible

0

III. Accesibilidad
La Comunidad Autónoma de Galicia facilitará que los ordenadores para uso de los alumnos con discapacidad tengan las características y el software necesario para que dichos alumnos puedan utilizarlos en condiciones similares a las del resto del alumnado y con las mismas herramientas y metodología. Asimismo los equipos de las aulas en las que se escolaricen estos alumnos deberán permitirles interactuar con ellos sin dificultades.

Isto é o que se recolle entre outras cousas, do convenio asinado días atrás entre o Ministro o Conselleiro de educación e publicado no BOE do Lunes 29 de marzo de 2010… grazas por asegurarnos a accesibilidade dos contidos!!

Das características dos ultraportátiles non se saca moito, algo básico:

…portátil de bajo peso (1-1,5 kg), con pantalla con un tamaño mínimo de 10 pulgadas (…) memoria de al menos 1 Gbyte y disco duro con una capacidad mínima de 60 Gbytes.
Deberá asimismo estar dotado de batería de alta capacidad, que permita un uso continuado sin recarga de al menos 4 horas, así como de fuente de alimentación externa.

Software educativo:
Se incluirá –en origen– todo el software educativo que se considere adecuado por los especialistas de la Comunidad Autónoma, adaptado a los sistemas operativos que tenga instalados el portátil.

Hmmmm… sistemas, ou sistema… é ahí a cuestión!

Qué ordenadores precisamos?

Proxecto Abalar

Debuxo infantil sobre a inclusión no autismo.

2 de abril, día mundial de concienciación sobre o autismo

0

Presentación

Debuxo infantil sobre a inclusión no autismo.

Pé de media (e descrición alternativa): Debuxo infantil de campañas anteriores sobre a inclusión no autismo.

Neste período vacacional no que agora andamos inmersos, celébrase un día especial, moi especial. O día mundial de concienciación sobre o autismo. Non se trata tanto de celebrar, canto de lembrarnos, unha vez máis, que o autismo é unha materia pendente, que hai miles de persoas ciscadas polo mundo que son invisibles aos nosos ollos, e que polo tanto non lles corresponde desfacerse en mil bailes para ser visibles, tócanos a nós ollar para elas e eles, que os fagamos nosos no día a día, que os incluamos nas nosas vidas, nas nosas aulas. TADEGa síntese orgullosa de traervos aquí este día e a reflexión que unha mai blogueira dun neno con autismo (Cuca) nos trae a esta bitácora.

Ao final deste artigo, tedes un magnífico vídeo. Dende TADEGa vos pedimos encarecidamente que o vexades en todas as vosas aulas, ou como mais e pais de familia, na casa coa vosa familia ao completo. O que alí se amosa e para todos e cada un de nós. Graciñas Cuca por este agasallo.

A reflexión de Cuca e a nosa

Por 3º ano consecutivo celébrase o Día da Concienciación do Autismo. Pero ¿Por que existe esta data conmemorativa? Pois pola importancia de concienciar. O autismo ten cada vez unha incidencia mais alta, o ano pasado falábase de que 1 de cada 150 nacidos eran diagnosticados como TEA, neste intre xa se comeza a falar de 1 de cada 91 nacidos. As causas aínda son descoñecidas, fálase dunha combinación de factores xenéticos e ambientais (fundamentalmente da contaminación).

¿Que se está facendo dende a Administración e dende a sociedade para afrontar este importante problema? Pois moi pouco: a diagnose segue sendo en moitos casos tardía; a atención temperá é insuficiente (e en moitas zonas inexistente) e con carencias na formación específica dos profesionais; a escola segue sen estar preparada (nin estamos concienciados, nin formados, nin contamos con recursos suficientes). A realidade é que se queremos que estes nenos e nenas cheguen a ser cidadáns de pleno dereito precisamos que se comece a facer fincapé nestes ámbitos xa que unha detección e unha intervención temperá axeitada fai que cheguen a desenvolver as súas capacidades ao máximo.

Fai un par de anos que España ratificou a Convención das persoas con discapacidade pero de momento todo quedou nunha simple firma. O dereito á inclusión e á comunicación das persoas con autismo segue sendo un soño; é necesario unha ardua labor de concienciación e inversión en tódolos ámbitos (social, sanitaria, educativa e laboral) para que sexa unha realidade.

Recentemente falouse no Congreso dos Deputados dun Plan Nacional de Autismo pero neste momento todo está paralizado. Os nosos gobernantes recoñecen que é un problema ao que hai que facer fronte pero non reaccionan. En moitas comunidades autónomas vivimos incluso un retroceso, xa que se tende a recortar o número de profesores de apoio e a seguir creando centros específicos. O camiño cara á inclusión e á concienciación vai nunha dirección equivocada.

Fai moi pouco que unhas nais (a maioría tamén mentres) creamos unha Plataforma que reclamaba a inclusión dun punto na redacción do Pacto Educativo de Estado e o conseguiron, xa existe un duodécimo punto nese pacto que toma en conta aos nenos e nenas con diversidade funcional. Estas mesmas nais conseguimos ser recibidas no Congreso e entregarlles a varios deputados da comisión de educación e da de discapacidade El Libro Rojo de la Educación española, o libro da vergonza, onde se recollen un bo número de casos de agresión aos dereitos fundamentais de nenos e nenas con TEA e outras diversidades funcionais. Tamén entregamos un documento, froito de dous meses de duro traballo e reflexión, no que se recolle medidas urxentes para que a educación comece a ser realmente inclusiva.

A comunidade educativa está neste intre con moitos frontes abertos pero este debe ser un dos prioritarios xa que isto afecta a todos e todas e, se non comezamos a reaccionar, o que estamos é quitándolle a posibilidade de progresar a estes rapaces e rapazas. A educación inclusiva é o seu dereito. Así o recoñece a LOE e a Convención. Os mestre deberiamos tamén reclamar ese dereito pero con todas as garantías e para que iso sexa posible deberiamos:

  1. Reclamar que a escola sexa para todos e todas.
  2. Deberemos concienciarnos de que sen formación específica dificilmente lle poderemos dar unha educación de calidade que lles garante algo tan fundamental como é o acceso á comunicación e á relación cos seus iguais.
  3. Insistir na necesidade de ter os mestres de apoio suficientes para afrontar a nosa labor educativa.

Esta loita non é so dos pais, nin das asociacións, é unha loita de tódalas persoas que formamos esta sociedade. Por iso é tan importante que existan días de concienciación, datas que nos recorden que temos aínda moito camiño por andar, e que nos sensibilicen da existencia das persoas con diversidade funcional e das obrigas que toda a cidadanía temos para con elas.

Por último quérovos deixar un pequeno obsequio que preparou unha mami blogueira con fotos de marabillosos nenos e nenas e mozos e mozas con TEA, incluso con fotos dos pais e nais destas persoas sorrindo e disfrutando da vida.

As dúas caras do autismo

Pé de media (e descrición alternativa): O vídeo titúlase -Las dos caras del autismo- e chámase así xa que presenta dúas series fotográficas en paralelo, unha cos falsos tópicos do autismo (ensimesmamento, tristura, nulidade) e outra coa realidade familiar que as familias coñecen ben: nenos con sorriso, querendo desfrutar da vida. Entrambas series, os comentarios das familias preguntándoche en que realidade estás, en que realidade quixeras estar e por cal realidade apostas.

Enlaces que se citan

Outros enlaces de interese

  • Entrevista cunha nai dun neno con Asperguer na Televisión galega: agalegainfo.crtvg.es/videos/…
  • Un conto sobre a inclusión (o noso conto), o conto de Xandre: www.ContosDeXandre.net/?page_id=303

O día da paz

3

Nestes días que andamos a patadas co idioma, e remexendo na rede na procura dun video para usar nas aulas para o día da paz (30 de xaneiro), atopei esta pequena xoia, unha pequena luz sobre un xeito de facer ben as cousas. Canción -Imagine- en lingua de señas da serie de televisión Glee.

O vídeo tomado de Youtube

Pé de media (e descrición alternativa): Un vídeo da serie norteamericana -Glee- coa canción de John Lenon -Imagine- representada por un grupo de rapazas e rapaces estudantes con diversidade funcional uns si e outro non, e todos eles signándoa coa lingua de señas toda a canción mentres a cantan. O rapaz principal que dirixe o canto sen moito afinamento, é xordo e nótase na súa voz, porén os seus compañeiros, que se van engadindo á canción, converténdose todo nun conxunto impecable.

Manuel María no Correlingua (A Coruña, maio de 2001). Foto de Xulián Cuba

O ensino en Galego

3

Presentación

Ola, son Juan e teño o pracer de presentarvos o primeiro artigo que Iago Pérez Santalla nos remite a esta bitácora. Pensei nun principio non facer presentación previa ningunha e que este artigo fose seu de principio a fin. Pero dado o seu especial relevo (é unha parte da súa tese doutoral na que agora traballa sobre o movemento estudantil) e de que non todos e todas ao mellor o recoñecedes na primeira de cambio, penseino mellor e preséntovolo novamente.

Iago presentándose a si mesmo na galega

Pé de media (e descrición alternativa): Vídeo no que a canle de televisión galega entrevista a Iago Santalla sobre o seu libro O ilímite de pensarte libre así como explicando polo aire algúns dos seus proxectos e ideas vitais.

Máis datos

Fotografía de Iago Pérez Santalla.

Pé de media (e descrición alternativa): Fotografía de Iago Pérez Santalla.

Por medio de Luluxa coñecémolo neste caderno dixital ou bitácora en setembro de 2009 ao presentar o seu libro O ilímite de pensarte libre Tedes o artigo no seguinte enlace: tadega.net/Bitacora/?p=1151 e penso que, xa de aquela, descolocounos a moitos e admirámolo. Dende aqueles días pedímoslle máis letras súas, e como home de compromiso, aquí nos chega cunha nova entrega. Graciñas Iago.

E agora aquí vos deixo con Iago

O ensino en Galego, por Iago Santalla

Deixaron ó neno deprender a andare,
deixaron que o peixe puidera nadare,
e legalizaron que o trono tronare,
¡e os nenos galegos, galego falare!
(Saraibas)

Manuel María no Correlingua (A Coruña, maio de 2001). Foto de Xulio Cuba.

Pé de media (e descrición alternativa): Manuel María no Correlingua (A Coruña, maio de 2001). Foto de Xulio Cuba.

No ano 1980 o grupo coruñés Saraibas, cantaba a xeito de pandeirada o que semellaba ser unha lexislación favorable ao ensino en galego. Non era unha concesión xenerosa do estado, que nunca tivo ningunha con Galicia. Era froito dunha loita que viña de atravesar unha longa noite de pedra. Hoxe dise que dende Madrid se cedeu moito. Non é certo, como tampouco o é que todo o que se recolleu no marco xurídico a prol da nosa cultura fose froito dunha idea plural de España. Esta idea xa viña da tradición republicana que o franquismo tratou de esmagar en todos os sentidos (especialmente no cultural). Se reparamos en ler as crónicas da transición, sobre todo do movemento estudantil e da canción protesta, caeremos na conta de que naquela época había un interese por coñecerse e recoñecerse que hoxe desgraciadamente non existe.

Cantar en galego, catalán ou euskera, non supuña unha barreira, senón todo o contrario. Están ben documentados os concertos de Voces Ceibes en Madrid, Barcelona, Asturias e outras cidades; pero tamén por países como Portugal ou Francia, onde enchían locais sociais, campus, e nalgún caso, teatros. Cantaban sempre en galego! E daquela eran recoñecidos pola súa calidade. Isto non lles impedía colaborar, con outros cantautores cataláns, portugueses e tamén casteláns.

Como é ben sabido o que unía a Voces Ceibes era a loita pola dignificación da lingua e cultura galega. Pero ademais conseguiron establecer vínculos de comunicación tanto con cantautores vascos e cataláns como cos casteláns. Pódense lembrar aquí as xiras europeas de Paco Ibáñez e Miro Casabella, ou as distintas edicións do Festival dos pobos ibéricos que unía a cantautores que desenvolvían a súa laboura nos distintos idiomas da península. Habíaos monolingües como Lluis Llach, Inmanol (que se tería que ir de Euskadi ao introducir no repertorio textos de poetas españois como Celaya, que non eran do gusto da esquerda abertzale, que, por certo! Profanou a tumba deste gran poeta.) ou o mesmo Miro; e bilingües como é o caso de Serrat, ou o propio Paco Ibáñez que na súa evolución artística chegou a levar no seu repertorio cancións nos cinco idiomas peninsulares.

Todo isto pasaba nun estado non democrático. Onde os grises remataban violentamente calquera acto cultural ou social que soara a democracia ou a liberdade, sendo aínda máis severos se era desenvolvido nunha lingua distinta á castelá.

Nestas circunstancias grupos estudantís como ERGA (ligada á UPG) foron capaces de reivindicar espazos educativos e culturais para o galego. Reclamaban un ensino popular, científico, democrático e en galego (como rezan os seus panfletos). A súa loita, e non aos abandeirados da transición, o marco xurídico actual é o que é. E débese lembrar que está feito de acordo coa constitución, e dicir, que respecta ás regras do xogo impostas dende Madrid.

De toda aquela loita nace un marco xurídico que parece favorecer as minorías culturais. Así por exemplo, o Art. 3.3 de dita constitución establece o respecto e a especial protección para as linguas minoritarias do estado español, considerándoas parte do seu patrimonio cultural. Posteriormente, o Estatuto de Autonomía de Galicia (1981), no Artigo 5, define ao galego como a lingua propia de Galicia, comprometendo aos poderes públicos na súa conservación. Así, en 1981, o galego goza por primeira vez na historia de protección legal. Dous anos despois a Lei de Normalización Lingüística desenvolverá o Estatuto. Nesta situación non é comprensible os ataques actuais ao idioma galego. Non é comprensible a defensa dunha liberdade de elección na que vai impreso un descoñecemento total e absoluto. Cabe preguntarse, tal e como fixo a profesora da USC Montserrat Recalde, se existe o dereito á ignorancia. Porque se realmente existe, o que é antidemocrático é que a Constitución nos obrigue a aprender a lingua cervantina. Así, na situación actual, o alumno pode decidir ignorar o idioma no que se expresaron os seus antergos, os mesmos que lle deixaron en herdanza un gran tesouro cultural que se desenvolveu en lingua galega. Non podemos ignorar o que somos, de onde vimos e moito menos o entorno que nos rodea. Por iso, a ignorancia nunca pode ser un dereito, e menos nun país que concibe a educación como un piar básico dentro dun estado que se define como social.

Hai que fuxir por tanto de falsidades acientíficas como a que argumenta que a aprendizaxe do galego dificulta a do inglés, ou aquela outra (que máis ben semella unha barrabasada) que di que o galego non serve para nada. Quen isto mantén é o verdadeiro lastre da liberdade lingüística; pertence a aqueles que reclaman este concepto na rúa para logo insultar ao que elixe a lingua propia de Galicia. Lembro aquí unha pancarta naquela manifestación de Galicia Bilingüe que dicía el gallego es para hablar con las vacas. Non vou facer máis comentarios, aínda que ás veces prefiro falar coas vacas…

O Correlingua. (A Coruña, maio 2001). Foto de Xulio Cuba.

Pé de media (e descrición alternativa): O Correlingua. (A Coruña, maio 2001). Foto de Xulio Cuba.

Hoxe temos que defender a dignidade do noso idioma, a súa legalidade e o dereito dos galegos a vivir en galego. Estou convencido de que somos unha maioría silenciosa que non nos imos dar por vencidos, e por iso o idioma nunca morrerá se conservamos e coidamos o que somos: as nosas lembranzas, os contos e as cancións dos avós, as festas, as nosas tradicións máis peculiares e a nosa idiosincrasia. Se nada disto morre tampouco o fará o único idioma no que a cultura galega se entende na súa totalidade. Por iso remato cunha crenza fonda que sempre vai comigo: nunca acabarán con nós. E por máis que fagan, sempre escoitaremos aos nenos galegos, galego falare, como dicía a canción de Saraibas.

Iago Santalla

Ir arriba