Historia

Relatos da historia de TADEGa, dos seus membros, anécdotas…

Xa temos o noso propio IBSN

1

IBSN: Internet Blog Serial Number 981-982-986-8 [D]

Pois si, xa temos o noso propio IBSN (Número de Serie de Blogs de Internet) que identifica inequívocamente na Internet calquera dos documentos que aquí se publiquen (equivalente aos ISBN dos libros e aos ISSN de revistas e xornais).

Veredes ademais que acadamos unha numeración simpática (os prefixos telefónicos das 4 provincias galegas agás Ourense que nos quedamos coa última, mágoa porque o IBSN debe conter 3 guións e 10 díxitos).

Recoméndase aos curiosos na materia, ver o que a Wikipedia pon sobre o IBSN (non ten desperdicio) no enlace (http://es.wikipedia.org/wiki/IBSN) e así como o xeito de conseguir un IBSN para un blog no enlace (http://ibsn.org/es). De todos modos, débese lembrar que o IBSN é só para cadernos de bitácora e non para ningún outro tipo de documentos electrónicos e só un para cada bitácora.

Quen sabe? Ao mellor tamén poderíamos acadar un ISSN e, polo tanto, facer que os artigos publicados sexan rexistables a baremables en prol dos seus autores.

TADEGa nos premios Eganet

0

[D]

TADEGa.net está inscrita como participante nos premios Eganet (www.eganet.orgwww.premioseganet.com). Por cuarto ano consecutivo, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías convoca os Premios EGANET, continuando deste xeito a premiar os proxectos de empresas e profesionais galegos que traballan en prol do desenvolvemento do sector TIC na nosa comunidade. A nosa candidatura quedou rexistrada na categoría de “Premio Tecnoloxía Accesible” ¿Quen sabe? Ao mellor …

Esfera do logotipo de TADEGa.

Un pouco de historia

1

 

Esfera do logotipo de TADEGa.

A idea do logotipo é sinxela. Todas e todos dentro e incluídos, ás mesmas distancias, accesible, usable, sinxelo.

[D]

A conta de que?

Ben, como hai que empezar por algún lado, e como a historia de como naceu TADEGa débese gardar nalgures antes de esquecela (por se a fama se nos sube á cachola e despois precisamos de botar man dos datos para soltalos nunha rolda de prensa 😉 ) pois será bo tela aquí escrita.

Vale, despois deste estrano e longo discurso, comezamos cos datos:

  • 28 ao 30 de setembro de 2006. Un exquisito congreso TecnoNEEt (como son sempre istes congresos) e nel, todos os galegos que alí estabamos apoiados tamén polos matriculados para asistencia virtual, decidimos formar un grupo de profesionais da educación preocupados polo uso das TIC na Atención á diversidade. Todos estabamos de acordo en que xa ía sendo hora de que en Galicia se formase un grupo inquedo por esta temática e que puidese servir de referencia para os máis. Aínda que de aquela non tiñamos nome.
  • 5 de outubro de 2006. Primeiros contactos por correo electrónico de todos os integrantes de TADEGa para formalizar a formación deste grupo, presentarnos, debater para darnos un nome e dotarnos dunha páxina web.
  • 9 de outubro de 2006. Xa somos “TADEGa” (houbo votacións e todo), e dos 22 membros iniciais pasamos a 30.
  • 22 de outubro de 2006. Tras un debate por correo electrónico, se pon en marcha a nosa web ( www.tadega.net ). Ao mesmo tempo, con lista de distribución de correo e foro de debate.
  • 23 de outubro de 2006. Detectado un problema de acceso por parte dos ordenadores conectados á rede pública da Xunta (entre eles todos os dos centros educativos) á nosa páxina web e a outras de grande interese como a de TecnoNEEt, a do NEEDirectorio, Aumentativa.net, etc. Inícianse toda unha serie de contactos para subsanalo (a cousa levaría o seu tempo, non foi dado).
  • 30 de novembro de 2006. Os problemas de acceso dos que falabamos antes arránxanse parcialmente grazas ás nosas xestións e ao bo facer de DisacnetSolutions.
  • 8 de decembro de 2006. Mellórase a web completándose o seu contido e acadando, ao fin unha boa accesibilidade das páxinas (mira se que nós mesmo non damos exemplo do que supón a accesibilidade…)
  • 15 de xaneiro de 2007.
    • Os últimos problemas de acceso a páxinas web educatibas dos que falabamos antes quedan definitivamente arranxados. Os técnicos de DisacnetSolutions volven a amosar a súa profesionalidade.
    • Colgamos na web as páxinas de “Os 40 principais” un novo servizo que pensamos pode ser moi aprezado polos educadores.
  • 14 de febreiro de 2007.
    • Nace este blog (¡Mira que coincidir co comercial día nos namorados… manda chover na Habana!)
    • Incorpórase ademáis Abraham, o noso bloqueiro maior, perdón, editor maior, e así xa somos 31.
    • Quédanos o reto de acadar que tanto o foro como o Blog, perdón, caderno de bitácora, sexan totalmente accesibles. A ver se é verdade.

Todo isto foi o máis salientable que aconteceu dende a primeira idea de TADEGa ata a creación deste caderno de bitácora. De aquí en adiante… xa nos podedes ir lendo.

E Isto é todo amigos

Ola mundo!

2

 

Un encerado ou pizarra de tiz agardando para ser usado. A imaxe mental que todos temos do ensino tradicional que pronto cambiaríamos por outros medios máis dixitais (probablemente?).

Un encerado ou pizarra de tiz agardando para ser usado. A imaxe mental que todos temos do ensino tradicional que pronto cambiaríamos por outros medios máis dixitais (probablemente?).

[D]

Meu deus! Isto é unha proba nada máis… e o que a aínda queda por aprender! Está claro que hai que botarse a andar e trabucarse de cando en vez. É o único xeito de medrar. Así que aló imos.

Ben, sabede que iste é o meu primeiro artigo nunha bitácora. E é toda unha aventura.

Acabados os preliminares do conto, pasemos ao que importa: aquí tedes a bitácora de TADEGa.net que imos adicar entre todos nós a contarvos: as noticias, as reflexións, os recursos da rede e todo o relativo ao uso das TIC na atención á diversidade (e tamén, por qué non, ata os pequenos relatos da historia de TADEGa).

Ir arriba