Bibliografía

Bibliografía especializada en todo o relacionado coa nosa bitácora.

Pregúntame sobre accesibilidade e axudas técnicas.

0

Libro Accesibilidade. [D-573]

Esta Guía pretende dar resposta á demanda de información técnica e de orientación sobre como facer accesibles determinadas situacións, espazos, servizos e actividades dentro do campo da discapacidade e as persoas maiores; a Guía contou co apoio do IMSERSO , da Obra Social Caixa Madrid e de Telefónica, contando para a súa elaboración cos profesionais de “Alianzas para el Desarrollo Económico y Social” (ALIDES), do Centro Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (CEAPAT-IMSERSO) e do Instituto de Biomecánica de Valencia.

Enlaces de interese

A Istoria de vida de Ángel

0

Libro Angel. [D-569]

A autora deste libro, Lourdes, ten moito interese en amosarnos e informarnos de que, ¡por fin!, saíu publicado o libro da Istoria de Vida de Ángel. Parálise cerebral, normalidade e comunicación (produto dunha parte da súa tese).

Esta publicación é importante para Lourdes e para P. Ángel (protagonista da Istoria). Non só polo que supón a nivel persoal, senón porque, cando empezaron con este proxecto, un dos seus desexos (que se converteu en compromiso) era facer todo o que fose posible para que a Istoria de Vida fose publicada. Porque é un texto máis (sabemos que aínda son insuficientes) que pretende axudar a ter unha mirada máis normalizadora ante as persoas con discapacidade – diversidade funcional (en particular, a derivada da parálise cerebral).

Por iso, porque queremos que se divulguen as súas vidas desde as súas propias miradas, deixou atrás o pudor e aquí nos comenta o libro. De seguro que hai mais casos como o voso de familias que ao mellor non escriben libros, pero que teñen o compromiso de loitar ata as últimas consecuencias pola dignidade da súa filla, ou de seu fillo.

Parabéns.

Enlaces de interese

  • Ligazón á referencia do libro: www.arcomuralla.com

Curso de dislexia

0

[D-567]

Pois ahí vai o prometido, finalmente asistín ao I curso de verán: “Dislexia: novos retos na súa intervención interdisciplinar”, que se celebrou en Vilagarcía do 15 ó 19 de setembro e do que vos fago un pequeno resumo.

  1. Definición de dislexia e tipos
  2. Avaliación psicopedagóxica da dislexia
  3. Pautas de intervención na dislexia
  4. Conclusións finais e referencias bibliográficas

Definición de dislexia e tipos

En termos xerais, dislexia pode definirse como un trastorno específico e persistente da linguaxe escrita, caracterizado principalmente por dificultades na exactitude e automatización lectora e escritora. É, unha dificultade conxénita, hereditaria, cunha base neurolóxica, non pode ser explicada por deficiencias visuais ou auditivas, por trastornos emocionais ou condutuais, por retraso mental, nin por situacións educativas “anormais” (ausencias prolongadas ou repetidas a clase, metodoloxía de ensinanza inapropiada, cambios frecuentes de profesores ou centros,…).
Dislexia non ten nada que ver coa intelixencia, non se relaciona so con dificultades para ler e escribir con fluidez, é unha forma de tratar a información.
De seguido unhas alternativas terminolóxicas para que nos fagan reflexionar da importancia de usar unhas expresións ou outras:

  • Neurodiversidade versus Dislexia
  • É disléxico vs Ten dislexia
  • Foi identificado como disléxico vs Foi diagnóstico como disléxico
  • Adaptacións para disléxicos vs tratamento para disléxicos
  • Diferenzas específicas de aprendizaxe vs dificultades específicas de aprendizaxe
  • Traballo mellor se uso vs teño medo de precisar unha gravadora/papel pautado,…

Existen varios tipos de dislexia:

  • Dislexia evolutiva ou madurativa: cando aparecen dificultades no alumnado que inician a aprendizaxe, e que persisten mais alá dos primeiros anos de instrución.
  • Dislexia adquirida: trátase dunha perda das funcións lectoras que inician a aprendizaxe producida por unha lesión cerebral. Existen 3 tipos: fonolóxica, superficial ou mixta.

Atraso lector: a diferenza da dislexia evolutiva, aquí xa existe unha causa concreta. A dificultade lectora pode ter unha orixe intelectual unha falta de motivación ou unha precaria escolarización.

Avaliación psicopedagóxica da dislexia

Antes dos 5 anos de idade, resulta moi arriscado a identificación. A partir de esta idade pódese identificar “sinais de risco para a aprendizaxe da lectoescritura” e iniciar un traballo de estimulación da linguaxe.

Recollerase información sobre: datos da linguaxe escrita (falta de exactitude lectora e escritora, velocidade lectora, unión e fragmentación de palabras, dificultades de comprensión lectora,…), datos da linguaxe oral ( retraso na adquisición da fala, linguaxe espontáneo confuso, dificultade no etiquetado verbal ou capacidade para nomear automáticamente obxectos coñecidos, …), e outros indicadores ( dificultades para seguir instrucións, confusión co vocabulario que ten que ver a orientación espacial, dificultades para aprender a ler o reloxo e usar o diñeiro,…).

Instrumentos de avaliación: WISC , Raven , Bady-G , TALE , PROESC, , DN-CASS , PPIC , CUMANIN.

Pautas de intervención na dislexia

  • Necesidade dunha adaptación na avaliación en canto a tempo e modalidade: oral ou escrita.
  • Método Orton-Gillingham: diccionario clasificado por cores, aprendizaxe das letras por cores e sons, ensinanza multisensorial, letra de imprenta (mellor que ligada).
  • Utilización do Tablet PC e do encerado dixital interactivo para potenciar certos aprendizaxes así como os audiolibros da ONCE.
  • Utilización de materiais e clubes de lectura fácil (Editorial Almadraba)

Conclusións finais e referencias bibliográficas

Existen varios tipos de intervención: preventiva (antes do inicio da aprendizaxe da lectoescritura, mellorar as habilidades perceptivo-motrices e lingüísticas), directa (durante o proceso de aprendizaxe da lectoescritura, mellorar a velocidade e comprensión lectora) e correctiva ou compensatoria (eficacia lectora, ortografía arbitraria, discurso escrito).
Entre outras referencias bibliográficas, hai que destacar:

  • Outón Oviedo, Paula (2004). Programas de intervención con disléxicos. Diseño, implementación y evaluación. Madrid. CEPE.
  • Outón Oviedo, Paula (1996). Adaptación del test de dislexia Bangor al castellano y al gallego. Tese de Licenciatura. Facultade de Filosofía e CC da Educación. Universidade de Santiago de Compostela.
  • Web da Asociacion Lectura Fácil: www.lecturafacil.net
  • Portal de recursos SoloProfes: www.soloprofes.com
  • Web do congreso: www.ladislexia.es
  • Editorial Almadraba: www.almadrabaeditorial.com/

Hai que destacar a intervención entre outros ponentes de Paula Outón (Profesora da Facultade de Ciencia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela) e de José Antonio Portellano Pérez (Profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade Complutense de Madrid) así como de representantes da Asociación Catalá de Dislexia, Asociación Portuguesa de Dislexia e a Asociación Galega de Dislexia.

Como remate unhas frases (en castelán):

“No importa en que idioma, no importa en que país, no importa a que edad, la dislexia está en todas partes”. Asociación Europea de la Dislexia.
“Educar es encontrar y hacer que se desarrolle el tesoro escondido que hay dentro de cada niño y niña”. Jacques Delors.

Enlaces de interese

  1. Ligazón ao artigo do Congreso Nacional de Dislexia: TADEGa
  2. Ligazón á web do Curso de Verán sobre Dislexia: Curso de Verán en Vilagarcía-Programa
  3. Ligazón á información do Curso na USC: Información do Curso de Verán na USC

Novo libro sobre discapacidade motórica

0

‘Guía para la evaluación orientación y atención a los alumnos discapacitados motóricos en centros ordinarios’.

Libro sobre discapacidade motórica.[D-338]

Fai poucos días, recibimos nos foros da nosa web unha anotación da publicación deste libro e, uns días máis tarde, nas colaboracións da bitácora, unha entrañable nota que nos remitiu o autor deste libro. Queremos expresarlle o noso agradecemento por tanta atención, e agardamos con impaciencia a lectura deste libro que parece moi interesante. Grazas Javier.

Ista foi a mensaxe que nos remitiu o seu autor, Javier Martín:

No primeiro lugar felicitarvos a todos os que formades parte de Tadega e aos que colaborades neste proxecto; por dúas cousas: polo ben que o facedes, e porque facía falta.

Despois de facer eu un comentario no foro de TADEGa (no apartado de bibliografía) Juan animoume a que o fixera aquí. Pois só dicirvos que traballo no IES “Rafael Dieste” de A Coruña (é un centro de escolarización preferente de discapacitados motóricos) e que estou á vosa disposición para todo o relacionado con este tema ou calquera outro. O comentario do foro era iste: “Publicouse a finais de 2007 na Editorial EOS o libro Guía para la evaluación, orientación y atención a los alumnos discapacitados motóricos en centros ordinarios de Javier Martín Betanzos (servidor)”.

O obxectivo desta obra é axudar aos centros educativos e profesores a planificar, axustar e desenvolver unha resposta educativa o mais idónea posíbel aos problemas que suscita a integración de alumnos discapacitados motóricos nos centros ordinarios. Espero que lle valla a alguén.

Saúdos, Javier martín.

Enlace á bitácora do autor, Javier Martín na web martinbetanzos.spaces.live.com

Ir arriba