A. Opinión

Actividades e reflexións ao redor da accesibilidade web.

Resaca do I Congreso TADEGa

0

Fotografía da Mesa IV do Congreso TADEGa.[D-460]

Os días 23 e 24 de maio de 2008, celebrouse nas instalacións do Museo Pedagóxico Galego (MUPEGA) de Santiago de Compostela, con grande éxito de público e emocións, o Primeiro Congreso de Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega (TADEGa) 2008. Dous días intensos nos que usuarias e usuarios en enquisas anónimas (55) nos deixaron unha valoración media de 8,45 puntos na típica escala de 0 a 10.

A todas e todos moitas grazas. Faremos canto sexa posible por merecer tan boa nota. Igualmente adiantarvos que ao longo dos vindeiros días poñeremos á vosa disposición:

  • As propias conclusións en detalle do congreso en diversos formatos:
    • En formato PDF para que poidan ser descargadas e impresas. Terá unha extensión reducida xa que incluirá só os datos máis imprescindibles.
    • Para quen estea interesado/a en ter unha copia impresa de calidade destas conclusións que editaremos en formato revista, as poñeremos tamén á vosa disposición para ser mercadas a través dunha editorial que xa logo vos indicaremos a un prezo axustado (o mínimo para amortizar os gastos da propia edición).
    • En formato ISO, xa cunha versión máis completa e detallada para que poidades gravar esas mesmas conclusións nese disco compacto (CD ou DVD) contendo unha pequena web con toda a información ao completo así como unha reportaxe gráfica con fotos e vídeos do que foi o congreso.
  • Dado que aínda estamos en proceso de elaboración tedes tempo de subministrarnos máis datos para as mesmas, as vosas conclusións particulares, opinións, etc. Xa sexa xuntando comentarios a este artigo da bitácora, xa sexa enviándonos un correo electrónico. De todos modos o proceso calculamos debe quedar concluído nesta primeira quincena de xuño.

De entrada, os datos básicos para poder ir consultándoos os tedes nas nosas páxinas de internet:

  • En galego: 1º Congreso TADEGa 2008
  • En español: 1º Congreso TADEGa 2008

Notas para a accesibilidade web (VI)

1

Ser accesible non é o mesmo que certificarse

Imaxe alegórica dos cartos en euros costa arriba.[D-437]

Dende o comezo da vida de TADEGa, estivemos a traballar duro porque as nosas páxinas web (as centrais, as da bitácora, as do foro, e demais) foran o máis accesible posible. Non o facíamos para agradar nin para presumir. Sinxelamente é de seu que sexa así (máxime á vista dos obxectivos da asociación). Cremos que fixemos un bo traballo, e cremos tamén que aínda nos queda moito por arranxar.

Cando chegamos a un certo nivel no que xa había capacidade para poder dicir publicamente que algúns destes módulos xa eran accesibles conforme ao nivel doble A ou incluso (nalgúns casos) ao nivel triplo A das directrices de accesibilidade para o contido da Web 1.0 do W3C-AI, comezamos a traballar nun doble obxectivo:

  • Atrevernos, coa experiencia acadada, a ofrecela a outros para asesoralos en accesibilidade web. Por exemplo, por ter acadado o premio en accesibilidade do consorcio EGANET no 2007, é posible que na convocatoria deste ano poidamos formar parte do xurado desta modalidade.
  • Acadar a certificación de accesibilidade correspondente, tal e como a normativa legal vixente pide, especialmente, cando os sitios de internet teñen un carácter educativo, sanitario ou de servizos sociais (*). Incluso, aínda deixando o mandato legal a un lado: Como poderiamos esixir ou reclamar a alguén externo a nós que sexa accesible se nós mesmos non nos certificamos como tales?

Pois aí comeza o problema e a causa do artigo de hoxe: Quere vostede certificar a súa web? Non se preocupe, en España hai dúas opcións ata o de agora:

  • Opción A. Cita literal tomada da súa web: AENOR es una entidad sin ánimo de lucro dedicada al desarrollo de la normalización y la certificación (N+C) en todos los sectores industriales y de servicios. e máis adiante di: Internet es para todos.
  • Opción B. Cita literal tomada da súa web: Technosite, empresa especializada en tecnología y discapacidad de Fundación ONCE, ha certificado la accesibilidad de más de 50 sitios web en base a las Pautas de Accesibilidad al Contenido en la Web 1.0 (WCAG 1.0) del W3C/WAI. e máis adiante indica: Fruto de UWEM, en 2007 nace Euracert, marca europea de certificación de sitios web accesibles, convirtiendo a Technosite en la única organización española que expide este certificado de reconocimiento internacional.

Faranos falla un Robin Hood ou un Curro Jiménez? (**)

Pois tanto ten que sexa unha entidade sen ánimo de lucro como unha empresa especializada, a ambas lles pedimos un presuposto para certificarnos co resultado de que (incluíndo o IVE) por certificarnos achégannos presupostos que exceden, e bastante, do antigo millón de pesetas (6.000 euros) e para iso ¿só no nivel doble A e non da triplo A, e cunha certificación de só 2 anos de duración (xa que se inclúen revisións periódicas que deben ser pagadas). Podemos como asociación sen ánimo de lucro asumilo? Nin en soños. Ao mellor se fósemos un banco…

É certo que recentemente a Resolución de 22 de febreiro de 2008 (BOE número 71, de 22 de marzo de 2008), polo que se publica o convenio marco entre o antigo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (hoxe Ministerio de Traballo e Inmigración) e a Fundación ONCE se podería acceder a unha subvención parcial para certificarse, aínda así, estableceuse como criterio xeral que o importe subvencionable sería de dúas terceiras partes do total polo que, a entidade solicitante, debería achegar o terzo restante, hoxe imposible para nós, e que ademais, debemos ter en conta que que só subvencionarían certos proxecto escollidos xa que o orzamento non dá para todas as solicitudes.

Non sacamos conclusións, facédeo vós mesmo ¿Certificarse en accesibilidade web é so cousa a/de/entre/para ricos?

Citas e notas

  • [*] Real Decreto 1494/2007, de 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social, BOE do 21 de novembro de 2007.
  • [**] O título non pretende ser unha incitación á rebelión violenta nin nada polo estilo (un síntese obrigado a facer aclaracións estúpidas porque sempre pode haber alguén algo retorcido) senón unha incitación á reflexión da situación inxusta e sen saída que se está a xerar coas certificacións: doadas para ricos e imposibles para os outros.
  • Imaxe libre tomada do sitio web: www.freepixels.com
  • Como ven sendo habitual nos artigos desta serie, aquí tedes este artigo en español: www.opentrad.org/tradurl.php…

Alfabetización dixital

0

Claqueta Pasmao. [D-415]

Alfabetización dixital para todas e todos

A fenda dixital é unha fenda social, polo que é necesario realizar labores de alfabetización dixital, que se converte na clave do desenvolvemento da Sociedade da Información e do Coñecemento. Os medios audiovisuais permiten pola súa cercanía atraer a atención do futuro usuario das TIC e achegarlle eses elementos descoñecidos para el dun xeito ameno.

Todo medio audiovisual ten que ser accesible para todas as persoas con discapacidade, iso significa que os vídeos irán subtitulados e audio-descritos para que as persoas con discapacidade sonora ou visual non teñan unha fenda engadida, toda labor de inclusión ten que ser totalmente inclusiva.

Isto é algo novo e posiblemente atractivo pois a forma na que comunicamos (ou pretendemos facelo) algo tan arduo como é a sinatura dixital, permite ás persoas cegas manexarse utilizando o teclado e JAWS e os subtítulos en cores para xordos.

Trátase dunha escolma de vídeos que realizamos, mediante escenificacións de situacións cotiás que resolven de forma sinxela e amena aquelas dúbidas e inquietudes que se poden ter en relación coa sinatura electrónica e as avantaxes que o seu uso pode proporcionar, achegando desta forma as novas tecnoloxías ao cidadán nunha forma habitual para el, a televisión e máis en concreto a telecomedia. Dito sistema multimedia (pois inclúe ademais simulacións dos problemas máis habituais que se poden atopar) está subtitulado e audiodescrito para permitir o seu acceso a persoas con discapacidade auditiva ou visual.

O proxecto foi apoiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información e a Dirección Xeral para o desenvolvemento da Sociedade da Información dentro do Plan Avanza na súa Convocatoria de axudas para a realización de actuacións que favorezan a inclusión de persoas con discapacidade e persoas maiores na sociedade da información, participando no financiamento as axudas concedidas pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo.

Orixe

Colaboración que agradecemos de Ángel García Crespo (www.pasmao.tv).

10 razóns para unha web accesible

1

[D-353-1]

Dez razóns para deseñar unha web accesible

Este é o título do relatorio que impartirá Emmanuelle Gutiérrez Restrepo [1] da Fundación Sidar [2], na que repasarán as dez razóns para deseñar de xeito accesible, dez razóns de índole técnica, económica e social. Abordará conceptos tales como usabilidade, estándares, web semántica, interoperabilidade, aplicacións enriquecidas, comunicacións móbiles, posicionamento en buscadores, etc.

E ademais retransmitida polos nosos compañeiros do CESGA [3]! Hoxe ás 18:00 a través de Internet accedendo á súa web no enlace que xuntamos ao final deste artigo e incluso participar mediante chat, rexistrándose como «anónimo», dende a web da iso-es.org [4]

Outra opción tamén é a de seguirse na sede presencial do CESGA [3] en Santiago de Compostela, A Coruña, España.

Relación de enlaces web que se citan en orde de mención

  1. Bitácora de Enmanuelle Gutiérrez Restrepo: www.bitacoras.sidar.org/emmanuelle
  2. Fundación Sidar: www.sidar.org
  3. Retransmisión dende o CESGA: mms://windowsmedia.cesga.es/isoc-es
  4. Chat para participar dende a Isoc: www.isoc-es.org/chat

Fotografía da conferencia de Emmanuelle Gutierrez y Restrepo[D-353-2]

Ir arriba