A. Lexislación

Lexislación sobre accesibilidade web.

Unha resposta para Iago

4

A historia

Fai tempo dabamos conta nesta bitácora de que se premiaba o vídeo de Iago titulado Yo también tengo derechos. De todos modos, con premio ou sen el, este esforzo non cae en saco roto.

No noso centro, o alumnado do que son titor aprendeu e serviuse de Xandre, o elefante sen sombra e que xa coñecedes todos da nosa web. Impactoulles e gustoulles moito, pero a cousa non quedou aí. Resulta que aquelo de comunicarmos con pictogramas resultaba algo moi abstracto que non acababan de entender moi ben pois nunca viviran unha experiencia similar nin coñecían a ninguén que precisase este sistema de comunicación.

Así pois non quedaba outra que puideran coñecer a alguén que empregase este sistema comunicativo, polo que lles amosamos o vídeo de Iago no que se pode ver con moita claridade como o usa e precisa comunicarse con el.

Unhas cousas levan a outras, e o alumnado pediu darlle resposta a este rapaz usando o seu mesmo idioma. Así que armado cunha cámara de vídeo e imprimindo e preparando os pictogramas correspondentes, aquí tedes o resultado da resposta para Iago. Oxalá lle guste.

Unha aperta moi moi grande para Iago, para a súa nai, e para estas rapazas e rapaces do CEIP Sal Lence de A Coruña que moito se acordan del, e que xa o queren coñecer.

O video orixinal de Iago

Pé de media (e descrición alternativa): Vídeo de Iago elaborado pola súa mai no que Iago nos amosa, con moitísimo esforzo, unha mensaxe que nos conta con xestos e pictogramas que, pasado a palabras di: Hola, yo quiero que tú, me esuches, me veas, me hables y me ames.

A resposta do CEIP Sal Lence, A Coruña

Nota provisional: Lamentablemente a xente de Youtube entende que o audio que acompaña a este vídeo, aínda tendo explicacións orais do narrador para a súa comprensión, vulnera os dereitos de autor por levar unha musiquiña de fondo. Por tal motivo silenciou totalmente o audio que agora non se pode escoitar sen aviso previo nin dar audiencia. No momento en que podamos, faremos unha versión idéntica con música libre que substituirá a actual. Desculpade as molestias.

Pé de media (e descrición alternativa): Un vídeo coa montaxe audiovisual do alumnado do CEIP Sal Lence da Coruña, en resposta a Iago polo seu vídeo. Nel podemos ver e escoitar o proceso que se seguiu así como a parte principal na que o alumnado deste 2º curso de primaria respota a Iago con audio, subtítulos, pictogramas e xestos.

Enlaces de interese

  1. A nosa nova sobre o premio de Iago:
    tadega.net/Bitacora/?p=1250
  2. A web de Xandre:
    www.ContosDeXandre.net
  3. A páxina do concurso de curtos:
    www.yotambientengoderechos.com/…
  4. O caderno dixital de Mamiago:
    HablaPorMiDiceIago.blogspot.com
  5. Sitio de Internet do CEIP Sal Lence:
    centros.edu.xunta.es/ceipsallence

Notas para a accesibilidade web (VI)

1

Ser accesible non é o mesmo que certificarse

Imaxe alegórica dos cartos en euros costa arriba.[D-437]

Dende o comezo da vida de TADEGa, estivemos a traballar duro porque as nosas páxinas web (as centrais, as da bitácora, as do foro, e demais) foran o máis accesible posible. Non o facíamos para agradar nin para presumir. Sinxelamente é de seu que sexa así (máxime á vista dos obxectivos da asociación). Cremos que fixemos un bo traballo, e cremos tamén que aínda nos queda moito por arranxar.

Cando chegamos a un certo nivel no que xa había capacidade para poder dicir publicamente que algúns destes módulos xa eran accesibles conforme ao nivel doble A ou incluso (nalgúns casos) ao nivel triplo A das directrices de accesibilidade para o contido da Web 1.0 do W3C-AI, comezamos a traballar nun doble obxectivo:

  • Atrevernos, coa experiencia acadada, a ofrecela a outros para asesoralos en accesibilidade web. Por exemplo, por ter acadado o premio en accesibilidade do consorcio EGANET no 2007, é posible que na convocatoria deste ano poidamos formar parte do xurado desta modalidade.
  • Acadar a certificación de accesibilidade correspondente, tal e como a normativa legal vixente pide, especialmente, cando os sitios de internet teñen un carácter educativo, sanitario ou de servizos sociais (*). Incluso, aínda deixando o mandato legal a un lado: Como poderiamos esixir ou reclamar a alguén externo a nós que sexa accesible se nós mesmos non nos certificamos como tales?

Pois aí comeza o problema e a causa do artigo de hoxe: Quere vostede certificar a súa web? Non se preocupe, en España hai dúas opcións ata o de agora:

  • Opción A. Cita literal tomada da súa web: AENOR es una entidad sin ánimo de lucro dedicada al desarrollo de la normalización y la certificación (N+C) en todos los sectores industriales y de servicios. e máis adiante di: Internet es para todos.
  • Opción B. Cita literal tomada da súa web: Technosite, empresa especializada en tecnología y discapacidad de Fundación ONCE, ha certificado la accesibilidad de más de 50 sitios web en base a las Pautas de Accesibilidad al Contenido en la Web 1.0 (WCAG 1.0) del W3C/WAI. e máis adiante indica: Fruto de UWEM, en 2007 nace Euracert, marca europea de certificación de sitios web accesibles, convirtiendo a Technosite en la única organización española que expide este certificado de reconocimiento internacional.

Faranos falla un Robin Hood ou un Curro Jiménez? (**)

Pois tanto ten que sexa unha entidade sen ánimo de lucro como unha empresa especializada, a ambas lles pedimos un presuposto para certificarnos co resultado de que (incluíndo o IVE) por certificarnos achégannos presupostos que exceden, e bastante, do antigo millón de pesetas (6.000 euros) e para iso ¿só no nivel doble A e non da triplo A, e cunha certificación de só 2 anos de duración (xa que se inclúen revisións periódicas que deben ser pagadas). Podemos como asociación sen ánimo de lucro asumilo? Nin en soños. Ao mellor se fósemos un banco…

É certo que recentemente a Resolución de 22 de febreiro de 2008 (BOE número 71, de 22 de marzo de 2008), polo que se publica o convenio marco entre o antigo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (hoxe Ministerio de Traballo e Inmigración) e a Fundación ONCE se podería acceder a unha subvención parcial para certificarse, aínda así, estableceuse como criterio xeral que o importe subvencionable sería de dúas terceiras partes do total polo que, a entidade solicitante, debería achegar o terzo restante, hoxe imposible para nós, e que ademais, debemos ter en conta que que só subvencionarían certos proxecto escollidos xa que o orzamento non dá para todas as solicitudes.

Non sacamos conclusións, facédeo vós mesmo ¿Certificarse en accesibilidade web é so cousa a/de/entre/para ricos?

Citas e notas

  • [*] Real Decreto 1494/2007, de 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social, BOE do 21 de novembro de 2007.
  • [**] O título non pretende ser unha incitación á rebelión violenta nin nada polo estilo (un síntese obrigado a facer aclaracións estúpidas porque sempre pode haber alguén algo retorcido) senón unha incitación á reflexión da situación inxusta e sen saída que se está a xerar coas certificacións: doadas para ricos e imposibles para os outros.
  • Imaxe libre tomada do sitio web: www.freepixels.com
  • Como ven sendo habitual nos artigos desta serie, aquí tedes este artigo en español: www.opentrad.org/tradurl.php…

Cambiemos os estándares da UNESCO

0

Imaxe de portada do documento que é obxecto de debate neste artigo. [D-392]

Un documento atrevido, importante e incompleto

Recentemente chegou ás nosas mans un substancioso documento en formato PDF titulado Estándares de competencia en TIC para docentes cuxa autoría é da UNESCO. Trátase dun documento consensuado con data recente (Londres, 8 de xaneiro de 2008) e nel se recollen os deseños de estándares / directrices / orientacións de competencias TIC destinadas aos docentes e máis aínda aos programas formativos dos docentes.

Que a UNESCO se atrevese a tanto xa é digno de eloxio, sobre todo se pensamos que de xeito automático se convirte nun referente universal para toda formación do profesorado sexa do país que sexa. O problema ven de que, ao noso xuízo, iste documento di moitas verdades, certo, pero cala outras e isto é grave. E de aí nace a nosa proposta para que sexa reformado de xeito que nel se recollan todos os elementos que, ao noso xuízo deben figurar nel.

A esencia do que falta

En síntese, que non se menciona en ningún sitio:

  • A atención á diversidade
  • A esencia da accesibilidade web como parte crucial de todo deseño para que no sexa excluínte para as persoas con discapacidade.
  • A esencia do deseñado para todos como etiqueta de toda construción dixital para que ninguén quede excluído do seu acceso.
  • A necesaria formación do alumnado nestes conceptos como parte da súa formación tanto ética como técnica.

¿Cambiamos isto?

Ben. Agora se trata de ampliar, afondar, mellorar, arranxar ises puntos para rematar construíndo unha proposta ben vertebrada de mellora deste documento ¿Quen se anima? Admítense suxestións.

Documentos que se citan

Lectura crítica do Real Decreto de accesibilidade

2

O Real Decreto

Moneco con cartel: crea webs accesibles.[D-247-1]

Real Decreto 1494/2007. do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social. (BOE, 21 de novembro 2007)

Introdución

Dende hai xa bastante tempo, as persoas implicadas dalgún xeito en todo o relativo ao mundo das necesidades educativas específicas e de apoio educativo estabamos agardando a publicación dunha lei que dunha vez por todas cubrise ou amparase as necesidades e os dereitos de acceso pleno aos servizos cidadáns, especialmente aos da información e comunicación (TIC) de todos os colectivos implicados, especialmente os vinculados ao mundo da discapacidade.

Non fai moitos días que se publicou este Real Decreto (ampliamente agardado e do que xa tiñamos noticia de borradores previos dende fai case un ano). A continuación faremos unhas breves reflexións sobre os seus contidos avaliando dende un punto de vista crítico aqueles aspectos que consideramos de especial importancia na comunidade educativa.

(máis…)

Ir arriba