[D]

Debo comezar dicindo que non falo en representación de TADEGa senón que expreso a miña opinión persoal.
Ao ler as noticias sobre a educación e as novas tecnoloxías destes días, especialmente a raíz da recente publicación por parte do Consello Escolar de Galicia do “Informe sobre o estado e a situación do sistema educativo en Galicia. CURSOS 2002-2003, 2003-2004 e 2004-2005” levo as mans á cabeza alporizado polos datos que se van desgraendo:

  • “CódigoCero.com (17/4/2007). A Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia alerta ante a deficiente formación en novas tecnoloxías no ensino secundario da nosa comunidade.
    O pasado 10 de abril fíxose pública a alerta do Consello Escolar de Galicia ante o “alto atraso” dos alumnos galegos nas novas tecnoloxías. Iste informe revela as grandes deficiencias que se detectan na formación en informática e novas tecnoloxías no ensino secundario na nosa comunidade. Dende a AEIG levamos xa tempo detectando e poñendo de manifesto este feito, que non só provoca unha falta de competitividade no terreo laboral para os profesionais galegos do futuro, senón que supón unha lacra para o desenvolvemento tecnolóxico da nosa comunidade.
    ”
  • “Faro de Vigo (10/4/2007). PIDEN MÁS FONDOS Y FORMACIÓN ESPECÍFICA PARA LOS DOCENTES EN MATERIA DE SOCIEDAD DE LA INFORMACIÓN.
    El Consello Escolar alerta del “alto atraso” de los alumnos gallegos en las nuevas tecnologías.
    Galicia “lleva un alto grado de atraso” en la introducción masiva de las nuevas tecnologías en la escuela, y es “urgente la generalización” de la informática y las telecomunicaciones en todos los colegios para “reducir distancias con los vecinos europeos y los demás países avanzados”. Ésta es una de las recomendaciones hechas en el último Informe sobre el Estado y la Situación del Sistema Educativo en Galicia.”
  • Máis datos: O citado informe é un documento de 710 páxinas no que se fai, en apariencia, unha fonda análise do sistema educativo. Adícase un capítulo enteiro (capítulo 6) á atención á diversidade no sistema educativo (132 páxinas) e un subcapítulo (sub. 4 do capítulo 9 en 10 páxinas) ao uso das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) pero nestas sesudas análises:
    • Non se menciona en ningún punto o uso das TIC na Atención á Diversidade. (Agás unhas levísimas citas en aspectos moi xenéricos de intención na atención hospitalaria, a formación de adultos ou a investigación na educación especial).
    • O único punto onde se cita textualmente a “accesibilidade” é na páxina 408 onde dí: “proxecto C (IES de Fene-Fene): Tecnoloxías encamiñadas á accesibilidade no sector de automoción.” Nada que ver, polo tanto, coa accesibilidade das tecnoloxías para as persoas con discapacidade no ensino.
    • Non se cita en ningún punto do documento nada que garde relación coa “fenda dixital” nin co “deseño para todos” a pesares da insistencia da UNESCO.
    • A Conselleira no seu limiar afirma: “O novo equipo de educación, que comezou a súa andaina precisamente ao remate do curso 2004-2005, quere deixar a súa pegada no sistema educativo galego e é o seu desexo facelo a través dun traballo meditado que contribúa a formar xeracións capaces de afrontar os retos que se aproximan.” (Pois vaia que si! Vaia pegada!).
    • Ningún dos sindicatos que conforman a mesa sectorial perante a Consellería ten feito o máis mínimo comentario ao respecto destas cuestións das TIC na Atención á Diversidade, nin sequera das TIC na Educación. (Insírese un voto particular da CIG de 3 páxinas pero no que non se aborda nada relativo a estas cuestións).
  • Ningunha das páxinas web das administracións públicas educativas galegas e ningunha das páxinas web dos representantes sindicais no ensino galego son accesibles. Cabería supor que agardan a que sexa obrigatorio por lei.
  • ¿Fenda dixital? ¿Cabe deducir outra cousa que non sexa que está a espallarse sen trabas en todas as direccións namentres todos miran para outro lado e asubían? Non fan falla alforxas para esa viaxe.
  • Segundo indicamos polo relatado no xornal de Vigo, chegaron a brilantísimas conclusións como a de que é urxente a xeralización das TIC, e ningunha conclusión sobre o seu impacto específico na atención á diversidade e sobre a ameaza constante da fenda dixital.
  • ¿Tantos recursos, tantos esforzos, tantos debates e tempos para chegar a conclusións xa anunciadas e reiteradas fai anos por moitos dos educadores que se manchan a cotío coa tiza? Síntoo moito por todos eles (tanto por uns como polos outros). Non me sinto representado e non podo agardar máis, darei os meus indecisos e, as veces, equivocados pasos compartindo cos compañeiros e sen contar nin esperar por quen ten as súas preocupacións noutros sitios máis rendibles. Xa virán ao rego cando vexan nel comenencias do seu proveito e chamaranse a si mesmos pioneiros.