Presentación

Parte do logotipo do libro de Venancio sobre lexislación Educativa. [D-545]

Facía ben tempo que quería traer aquí a un gran amigo. Deses amigos con maiúsculas, un mestre cuxa foto non aparece no Google, nin falta que fai, pero que é un mestre destes que nunca esqueces, dos que asinas onde sexa para que lle fagan un monumento polo moito que o ten merecido. De maior gustaríame ser como el.

Chámase Venancio Graña, mestre e director nun centro de educación infantil e primaria de Coruña. Tráioo a colación porque é un dos maiores expertos en materia de lexislación educativa galega (1) e (2). Materia tan seria (din algúns) e tan importante porque marca o rumbo que han de seguir os ensinos e as/os ensinantes.

Non fai moito que lle fixen unha serie de preguntas sobre dous aspectos lexislativos que, por motivos diferentes, ándannos a preocupar nos colexios. Mandoume a súa xenerosa resposta e pedinlle permiso para publicala. E aquí vola traio para compartila con quen a precise libre e desinteresadamente. Graciñas Venancio.

Sobre a privacidade en vídeos e fotos do alumnado para ser publicados na Internet

Ten xurdido en numerosas ocasións as vivas discusións sobre como actuar ante a polémica da privacidade dos alumnos cando se publican as súas fotos ou vídeos, xa non só nos taboleiros do colexio, senón tamén cando se fan copias das mesmas para mandar ás casas ou cando se publican na Internet.

Resulta así un conflito entre a necesaria privacidade e o dereito á intimidade fronte ao dereito de difundir e dar a coñecer as actividades que se fan na escola. Deixámosvos un enlace (3) a un documento que podedes descargar no que se fai unha análise moi a conciencia do asunto contrastando diferentes pareceres de fontes solventes e autorizadas.

Sobre a elección dos consellos escolares neste curso

Hai eleccións aos consellos escolares en Galicia este curso. Un proceso democrático de eleccións que, sobre o papel, debúxase moi bonito, pero que na realidade está cheo de quilométricas etapas burocráticas que pesan como lousas nos equipos directivos e nas persoas encargadas de levalas a cabo.

O caso é que Venancio xa ven publicando ao longo de 12 anos un exquisito manual a través da asociación de directores de centros públicos na que traballa e da que hoxe é o seu presidente. Un manual listo para ser impreso e que só precisa dunha lectura seguindo o calendario marcado para ter todo feito e listo cunha simplicidade impresionante, recoméndovos a súa descarga (4) para todos aqueles centros (equipos directivos) que aínda non o teñades, xa que será unha valiosa axuda.

Nova Orde sobre permisos e licenzas do profesorado público

A Orde do 7 de abril de 2008 (DOG do 23) ben de reformar todo o antigo sistema de petición, resolución e xestión de permisos e licenzas do profesorado de centros públicos anteriormente espallada en moitos textos legais que agora quedan concentrados nun só e con importantes cambios. Como o texto é moi longo e non sempre doado de entender, tedes aquí (5) un anexo tamén formato PDF no que se sintetizan todos os datos importantes.

Referencias que se citan

  1. Antiga páxina web na que Venancio vai publicando pequenas actualizacións a súa obra: www.xente.mundo-r.com/LexislacionEducativa
  2. Nova páxina web aínda en construción que Venancio irá publicando proximamente os seus documentos de lexislación educativa: LexislacionEducativa.com
  3. Recompilación sobre a protección do menor 2008. (En formato PDF de Adobe).
  4. Informe / esquema /resumo /guía das eleccións aos consellos escolares en Galicia 2008. (En formato PDF de Adobe).
  5. Guía da Orde do 7 de abril de 2008 (DOG do 23) de permisos de licenzas do profesorado. (En formato PDF de Adobe).