Unha guía de vantaxes e medidas de apoio

Guía para persoas con discapacidade. [D-513]

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Secretaría Xeral do Benestar, editaron en xuño do 2008 a Guía de vantaxes e medidas de apoio para persoas con discapacidade (1), elaborada por Bieita Losada Rodríguez e Concepción Freire Castro, traballadoras sociais da Vicepresidencia.

A guía, concibida como un material práctico ao alcance de todas as persoas, é un compendio de servizos e prestacións no ámbito estatal e autonómico, orientadas ás persoas con discapacidade. A guía foi deseñada de xeito que en todos os seus apartados o contido aparece de forma clara e concisa a través de táboas esquemáticas que facilitan ao usuario ou usuaria a busca e o acceso á información. Desenvólvese ao longo de oito apartados que abranguen, entre outros, o procedemento que se ha de seguir para o recoñecemento, a declaración e cualificación do grao de minusvalía; a educación; a formación e o emprego; os beneficios fiscais, as prestacións económicas, sociais e sanitarias; e a vivenda e a accesibilidade á mesma.

Deste xeito, a guía convértese nun espazo útil que facilita o coñecemento a aqueles e aquelas que o precisan para que poidan participar dos servizos existentes e exercer os seus dereitos e responsabilidades cidadáns en condicións de igualdade.

Enlaces relacionados

  • (1) Enlace á páxina da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e á guía en http://vicepresidencia.xunta.es, dende onde se pode descargar a Guía de vantaxes e medidas de apoio para persoas con discapacidade.