A nosa noraboa e o noso agradecemento

Ponte romana que dá orixe ao nome do proxecto. [D-396]

A pasada semana dábamos peche provisional ao ciclo de obradoiros de accesibilidade básica de contidos web que estivemos a celebrar durante un longo mes. E digo que peche provisional, porque queda por celebrar o obradoiro de Lugo que aínda non ten data e porque estamos a argallar xeitos para darlle continuidade aos máis de 70 compañeiros e compañeiras que transitaron por estes obradoiros e que nos manifestaron o seu desexo de afondar nesta formación.

Pero non queríamos pechar esta nota sen antes transmitir o noso agradecemento e a nosa noraboa ás boas xentes de Arteixo que nos recibiron cos brazos abertos nesta última xuntanza.

Agradecemento pola exquisita acollida, e noraboa polo ambicioso proxecto no que están embarcados malia que non todo mundo aprecia na xusta medida o esforzo, e non falamos do económico ou do tecnolóxico, senón do esforzo persoal de máis dunha centena de compañeiros de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos implicados e empeñados, parafraseando a cita bíblica, en dar froito e que o seu froito permaneza.

Pór en alza o seu valor

Son 5 anos de experiencia acumulados no uso das TIC nas aulas, coas pizarras dixitais, con portátiles, con cuarenta mil trebellos pero, o mellor de todo é a experiencia acumulada, as conclusións ás que chegaron o que a todos nos interesa coñecer como un valor engadido que non se pode deixar escapar.

Tivemos amplas conversas para ver como vertebrar toda esa aposta de inmersión TIC de xeito que toda a comunidade educativa o poida coñecer, apreciar, e sacarlle proveito. Non ha de tardar moito en verse na rede algún xeito ese traballo, e como xa lles dixemos, contan coa nosa colaboración, seguro.

Novamente, grazas.