Notas para a accesibilidade web (I)

As cousas non son o que parecen, aínda que deberían

Andaba eu matinando en como darlle continuidade aos obradoiros de accesibilidade web que tivemos estes días atrás e ocorréuseme a idea, ademais dun servizo virtual que estamos a preparar, de publicar nesta bitácora con periodicidade fixa (por exemplo todos os venres) e baixo o mesmo título: Notas para a accesibilidade unha colección de artigos sobre accesibilidade web que puideran ser entendidos por todo o mundo (ata para quen parte do nivel cero) e que se puideran ir apañando como se dun coleccionabre se tratase. -Pero que podería usar como primeiro artigo de estrea?- preguntábame. E velaquí que xa din con el.

En qué quedamos? a 20 ou a 50?

En que quedamos? A 50 ou a vinte? [D-393]

Esta foto queda perfecta. Cun título parecido foi tomada dunha das páxinas de José Antonio Alonso Martín (1). Dúas sinais sacuden a nosa vista cunha curiosa confusión por mor do gran parecido entre o nome da aldea e unha posible limitación de velocidade de tráfico.

Ao mellor non caemos na conta pero, algo parecido acontece moitas veces cos textos dos artigos das nosas bitácoras se non lles prestamos a atención que merecen; o noso idioma, e todos os idiomas do mundo:

  • Están cheos de expresións ambiguas.
  • Frases de dobre significado.
  • Textos que só se poden entender correctamente se os lemos no seu contexto.
  • Material que, para comprendelo, precisa certa formación técnica.

Agora engadamos:

  • Que as nosas páxinas web poden ser lidas por xente sen dominio do idioma (inmigración e lectores doutros países e idiomas).
  • Que carecen desa formación específica.
  • Que teñen os minutos contados cando nos len.
  • Ou que están afectados por discapacidades que dificultan a comprensión escrita (persoas con xordeira, con certos tipos de dislexia, etc.)

Que cómpre facer? Non son eles quen deben adaptarse á nosa mensaxe senón ao revés, nós adaptarmos para poder chegar a todas e todos e, polo tanto, cómpre redactar de novo e sen equívocos para que poidan leernos sen esforzos fóra de proporción (hai xente co tempo moi xusto para pararse a ler as nosas rifas).

Un decálogo para deixar todo claro

Aquí poderiamos deixar unha síntese de liñas básicas a seguir:

  1. Evita as frases e expresións con dobre sentido ou con sentido figurado.
  2. Se non puideses, explica o seu significado no propio artigo.
  3. Revisa a ortografía e os signos de puntuación antes de publicar. Unha mala escritura ou unha mala colocación provocan significados nulos ou mesmo contrarios ao que pretendes.
  4. Pechada a redacción do borrador, revísao unha e varias veces. Sempre hai algo que se pode mellorar.
  5. Vixía non caer en parágrafos ou en títulos excesivamente longos, complexos, cargados de preposicións, etc.
  6. Se precisas usar un termo técnico pouco común identifícao correctamente mediante as etiquetas correspondentes (acrónimos, abreviaturas, siglas, citas, etc.)(*) ou explicando directamente o seu significado a pé de páxina.
  7. Indica no texto só o que compre indicar, non engadas artificios innecesarios. A web non é para se lucir, é para comunicar.
  8. Estupendo que insiras notas de humor e pequenos xogos para non aburrir ou para incitar á curiosidade, pero sen confundir á audiencia.
  9. Non é mellor quen máis citas bibliográficas ou quen máis enlaces de Internet indica no seu artigo. Tampouco é máis listo o que non indica ningunha; o axeitado é inserir as xustas, as que realmente poden ser de utilidade para o lector ou lectora.
  10. Se colocas varias citas, enlaces, ou explicacións de termos, indícaos cunha chamada e colócaos todos ao final do artigo na mesma orde en que os citaches ou agrupados por tipos. Así non distraes a atención da lectura e, quen queira facer ampliacións do contido, xa sabe a onde está gardado e clasificado o material que precisa.

Anexos

Reflexións

  1. Todas estas indicacións non son as necesarias para a accesibilidade de xeito estrito (abondaría con algunhas delas) con estas indicacións nos achegamos á accesibilidade e tamén á usabilidade (2) docemente. É máis, estamos aportando calidade e dignidade á nosa escrita. Quen o ía pensar?
  2. Non o esquezas… evita confusións como as que sentiría o condutor que vexa esas sinais na estrada. Porque, pudendo ser claros ¿Para que confundir a ninguén? Agradecerémoscho todos, teñamos ou non discapacidades.

Enlaces e materiais que se citan

  1. Páxina de José Antonio Alonso Martín da que se tomou a foto: antonioxalonso.tumblr.com
  2. Páxina de Olga Carreras centrada na accesibilidade e usabilidade web e de gran calidade técnica: olgacarreras.blogspot.com
  3. Este artigo en español: www.opentrad.org/tradurl.php… (**)

Aclaracións

  • (*) En artigos posteriores aclararemos iso de: acrónimos, siglas, abreviaturas, expresións foráneas, etc.; como distinguilas unhas das outras, e como etiquetalas correctamente.
  • (**) Este artigo foi traducido ao español a petición dos lectores. A traducción que se amosa é automática grazas a Opentrad, polo que se advirte que pode haber erros pola ausencia dunha verificación manual.
Comparte este artigo

15 Comentarios

  1. Xa me explicaredes ti e Felo de onde sacades fotos tan boas 😉
    Encántame. O traballo de síntese que fixeches é estupendo. Xa copiei e peguei no meu caderno virtual de apuntes Web. ¡Moitas grazas!

  2. Encántame a idea, xenial, os pouquiños mellor. Unha cousiña de cada vez… moi ben.

  3. Vindo de vós, istas consideracións son eloxios. Graciñas.

  4. Querido Juan, intentei imaxinarme como escoitan os artigos os cegos, e paseille o audio (http://www.sonowebs.com/upload.php) ao último de videotecautista (Rescatando frases), logo de habelo intentado arranxar, e grazas a esta ferramenta corrixín outros erros ortográficos que non percibira antes.
    Esta ferramenta déixache inserir o código html do audio, pero tamén unha imaxe.
    Imaxínome que se insiro o código o artigo perde accesibilidade, pero se insiro o código de imaxe que me dá, é accesible?.
    deixei o texto en videotecautista coa imaxe enlace ao audio. Dime algo…

  5. Listo. Mira agora. Tal e como queda, é plenamente accesible.

  6. Estiven a puntiño de facer iso mesmo… pero recoñezo que non sabía moi ben por que esquina coller o código html, ¡isto marcha!
    Graciñas.

  7. Teño outra dúbida coas ” “, sei que me dixeches que non hai que polas dúas veces, pero é que usando os códigos texto non me aparecen publicadas (fisicamente), é dicir, non as vexo. E supoño que debería poder velas eu que non uso o aparello para ler o texto… Vexo que a vós vos aparece un `texto´ que ao meu non. Será por causa de blogger?

  8. Ola Mamiago… ben, isto merece unha explicación válida para moitos aínda que algo técnica e extensa.

    Lamentablemente o “Bloguer” non fai ben os deberes, ten faltas considerables de deseño. Neste caso, un dos documentos internos da súa fontanería está mal deseñado (o documento coñecido como “folla de estilos CSS”), de tal xeito, que se miras a páxina co navegador “Firefox” ou co “Opera” verás as comillas que aparecen ben colocadas con só ter a etiqueta Texto ben posta, que é o que corresponde. En cambio se miras a páxina co navegador “Internet Explorer” (que seguramente é o que usas tí) as comillas non aparecen por ningún sitio, polo que te ves obrigada a poñelas adicionalmente ao non velas e pensar que non están postas, co problema final de que entón os demais as ven ou as vemos duplicadas.

    Que facer entón? É preferible que uns non vexan comillas misturados con outros que si as ven, que que uns vexan comillas misturados con outros que as ven duplicadas. De todos modos é unha opinión particular.

    Bicos
    Juan.

  9. Vas ter unha enchente de traballo con isto de explicarnos cómo temos que facer! Mil gracias.

  10. Eu intentei que en videotecautista, ao picar na imaxe non me mandase a outra fiestra, sen conseguilo, pero vexo que as formiguiñas traballadoras si o conseguiron… Graciñas.

  11. Ai! Levas razón que coas túas magníficas puntualizacións de formiguiña incansable (tí si que es unha boa formiguiña!) pois fas que vaian xurdindo cousas interesantes para todos que vou explicando poucos a poucos.

    A razón de que cando pos o código faga que apareza unha nova xanela cada vez que a xente pincha na imaxe é porque, sen decatarte, nese código que copias e pegas dun sitio a o outro vai un pouco de lixo que debes borrar, trátase de: target=”_blank”

    Esa instrucción fai que cando a xente pica no enlace sae catapultado para unha nova pantalla do navegador. Se o retiras, asunto arranxado.

    E xa que estamos nestes códigos que non valen máis que para incordiar, tes tamén estes outros: border=”0″ height=”20″ width=”78″

    O “boder=0” sobra por completo e é obsoleto e desaconsellado pola normativa de etiquetado html.

    Por outra banda o asunto do “height” (altura) e “width” (anchura) tamén sobra porque son informacións redundantes que non aportan nada.

  12. Juan,
    felicidades por la iniciativa. Por cierto, ¿habrá versión es castellano de estas notas para la accesibilidad web?.

    Yo no tengo problemas en leero (pese a que no sé gallego, entiendo prácticamente todas las palabras) pero tengo mis dudas de que los demás internautas hispano-parlantes os pueda leer.

    Saludos, Javier.

  13. Hola Javier… creo que eso lo podemos arreglar… buscaré un poco de tiempo y anexaré el mismo material en castellano en PDF ¿Cómo lo ves?

    Abrazos,
    Juan.

  14. Me parece una idea estupenda.
    Gracias.

  15. Traducción automática al castellano incluida en el propio artículo. Cuidado, al tratarse de un sistema “automático” aparecerán algunos errores que creo son salvables sin mayores dificultades.

    Todo gracias a los servicios libres de OPENTRAD.

Deixa una resposta a Ana Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar: HTML etiquetas e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.