Alegoría da incomunicación. [D-389]

Dende unha petición de axuda ata un artigo

Na nosa lista de distribución de correo xurdiu unha cuestión en determinado momento cando unha das nosas compañeiras precisaba axuda por mor dun caso de mutismo selectivo na súa aula. O caso é que, grazas a esa ferramenta humilde da lista de correo, foron xurdindo aportes de diversos compañeiros que ían definindo situacións, aclarando dúbidas e pouco a pouco construíndo entre todos unha estrutura que decidimos non podía quedarse inflada no aire para logo esmorecerse co tempo. Decidimos transvasar toda esta información a este pequeno artigo recompilatorio para que poida servir de axuda para outros. Agardamos que así sexa.

Mutismo

O termo mutismo define a imposibilidade de falar en persoas que non teñen limitacións na súa capacidade cognitiva, intelectual e/ou lingüística e que posúen unha competencia lingüística e comunicativa axustada a súa idade (Launay, 1975). A base da aparición deste trastorno da comunicación é psicolóxica e está relacionada con tres tipos de mutismo:

  • En primeiro lugar, o mutismo psicótico, presente na terceira parte da psicose infantil e que ben parello a cambios na conduta, como son o desinterese polo que lle rodea e a relación preferente con obxectos.
  • En segundo lugar, o mutismo neurótico, que xorde tras sufrir unha experiencia traumática e se manifesta nun cambio no comportamento, fundamentalmente en relación coa comunicación e a linguaxe, con mostras claras de obsesividade ou fobia.
  • E, finalmente, o mutismo selectivo, tamén chamado electivo, que, a diferenza dos dous anteriores, caracterízase porque a incomunicación verbal prodúcese só ante certas persoas e situacións.

Detección do mutismo selectivo

A escola adoita ser o contexto no que se produce o primeiro contacto dos nenos e nenas coa sociedade, lonxe da protección da súa familia máis achegada. Do mesmo xeito, convértese no escenario no que se fan evidentes por vez primeira as dificultades na interacción e na comunicación verbal, asociadas moitas veces a nenos e nenas con timidez, retraemento social, dependencia, etc.
Na alteración do equilibrio emocional do neno/a con mutismo selectivo interveñen variables persoais, motivacionais ou circunstanciais que frean o desexo de falar en determinadas circunstancias e que non sempre son doadas de detectar. Para esta labor contamos con dous sistemas de clasificación moi difundidos a nivel mundial: o Manual Diagnóstico e Estatístico das Enfermidades Mentais da Asociación Americana de Psiquiatría de 1994, ou DSM-IV, e a Décima Clasificación das Enfermidades Mentais da Organización Mundial da Saúde de 1993, ou CIE-10. Tanto o DSM-IV como o CIE-10 coinciden á hora de establecer os criterios de diagnose con este fin, que son:

  • A incapacidade persistente de falar en situacións sociais específicas e pase a facelo en outras.
  • A interferencia desta alteración no rendemento escolar, laboral ou na comunicación social.
  • Unha duración da alteración superior a un mes.
  • A ausencia de factores condicionantes como a falta de coñecemento ou fluidez na fala da lingua requirida.
  • A inexistencia de trastornos da comunicación ou de trastornos xeneralizados do desenvolvemento.

De cara a formular unha intervención eficaz, ademais destes puntos é preciso ter en conta factores como a ansiedade, o medo a falar en público, a timidez, o grao de illamento ou retraemento sociais, a existencia dun comportamento negativista e/ou controlador e outros trazos da personalidade que poidan estar influíndo negativamente.

Intervención do mutismo selectivo

Contexto de intervención

Dentro do ámbito escolar, o obxectivo principal da intervención será que o neno supere o rexeitamento á conversación e á relación social e, polo tanto, o tratamento será de tipo emocional. Isto fai que moitos autores consideren que o mutismo selectivo exclúe a intervención logopédica, posto que é traballo específico do psicólogo, pedagogo e/ou psicopedagogo.

Sen embargo, posto que a fin e acadar unha actitude favorable cara á comunicación oral, a colaboración de todos os profesionais implicados na educación do neno ou nena que presenta un cadro de mutismo selectivo, así como a dos pais, é imprescindible para asegurar o éxito do programa de intervención, independentemente de quen o organice e o estructure.

O espazo máis axeitado para levar a cabo o programa de intervención dependerá das condicións que presenta o caso de mutismo. Unha boa opción podería ser a de traballar dentro da aula ordinaria, habilitando un pequeno espazo no cal traballaría o especialista asignado co neno ou nena que presenta o trastorno. O máis desexable nestes casos sería incluír no pequeno canto habilitado, ademais do neno/a con mutismo, algún outro compañeiro/a da aula co que teña unha boa relación.

De xeito gradual poderíase ir incrementando o número de integrantes do canto e mesmo variar algún integrante do mesmo en cada sesión, para axudar ao neno ou nena co trastorno mutista a unha integración progresiva na aula.

Modelos de intervención

Autores como Cambra (1988), Barbero, Maroto e Fernández (1994) ou Rodríguez Olivares (1999) coinciden no feito de que o plan que se elabore ha de facerse de forma conxunta e debe facer fincapé no fomento das relacións sociais, do traballo en equipo e de actitudes correctas e na modificación das indesexables. O xeito de enfocar estes aspectos depende do modelo que se adopte: psicomotriz, clínico, lingüístico ou de conduta. Este último é o que posúe unha maior aceptación por parte dos expertos.
Pese a todo, ao igual que acontece na práctica con outros trastornos, a intervención dun caso de mutismo selectivo soe incorporar aspectos funcionais dos diferentes modelos, en maior ou menor grao segundo as características concretas do caso.
Así pois, todos os modelos parten da necesidade de inducir a falar ao neno ou á nena creándolle a necesidade de facelo e en ningún caso consideran que se deba insistir para que fale cando está nunha situación de mutismo, posto que a situación xeraría no pequeno un estado de maior ansiedade. E, por suposto, todos parten da inclusión dos pais no programa de intervención e consideran a súa implicación e colaboración como piar fundamental do mesmo.

Por todo isto, neste artigo, máis que expoñer de forma sucinta un só enfoque, tocaremos a continuación aqueles aspectos dos distintos modelos que a experiencia fixo incorporar á práctica docente pola súa efectividade na intervención dos casos de mutismo selectivo.

Pasiños na intervención

Do modelo psicomotriz, proposto por Lapierre e Aucouturier (1977), habitualmente séguense os pasos que se fan nos primeiros días de contacto co neno, que son de respecto ao seu silencio e de achegamento a través do contacto físico e da xestualización. A necesidade de comunicación créase partindo dos intereses do pequecho. Neste sentido coma en outros é fundamental a colaboración dos pais.

Nesta tarefa é imprescindible empregar todo tipo de actividades, obxectos e, en xeral, calquera cousa á que poida responder o neno con interese. Ao principio é conveniente facilitarlle en todo momento o contacto co obxecto de interese e apoiarse en xestos e palabras para comunicarse con el. Pouco a pouco, de xeito gradual, iráselle poñendo certas trabas para acadalo, co fin de incentivar a súa comunicación, sexa xestual e verbal.

Resulta moi útil neste proceso a colaboración dese compañeiro ou compañeira de clase coa que amose certa empatía, malia que, ao igual que os demais apoios externos, este deberá retirarse de xeito gradual.

Dentro das actividades que se poden levar a cabo nas sesións co neno/a, seguindo o enfoque lingüístico, pódense incluír tarefas de discriminación, atención e memoria auditivas, así como actividades respiratorias e de sopro e para a articulación.

Finalmente, ao longo de todo o proceso é primordial ignorar as condutas indesexables e premiar os momentos de comunicación e/ou verbalización do neno ou nena, tal e como defenden os partidarios dun modelo condutual, como Rodríguez Olivares (1999) ou Calvo Mauri (2001).

Ao marxe do exposto, é importante mencionar a presenza de certas terapias coma a do arte, a da música ou a da danza, que, segundo as experiencias descritas por algúns autores, como Monras (1984), conseguen resultados moi positivos, se ven son poucos os casos que foron descritos.

Conclusións

Do mesmo xeito que acontece perante outros trastornos, cando os especialistas temos que formular un programa de intervención para un neno ou unha nena con mutismo selectivo atopámonos con certas trabas teóricas.

Dunha parte están aquelas que enfrontan a diferentes profesionais cando o problema está nas lindes que tocan diferentes disciplinas. No caso do mutismo selectivo estamos ante un trastorno que pode ser abordado dende diferentes ámbitos: psicolóxico, pedagóxico e logopédico.

Doutra parte, atopamos trabas á hora de adoptar un modelo de intervención, posto que existe unha diferenza significativa entre o que os modelos teóricos consideran que debe ser a intervención do caso e a validez de certos aspectos levados ao neno ou nena que precisan da nosa intervención.

Ambas cuestións, por sorte, soen ter arranxo grazas ao sentido común, que non require de títulos e que fai que as trabas teóricas queden no papel. Ao fin e ao cabo, a nosa labor non é lidar con ideas, senón actuar, e a pista para atopar as armas para a nosa guerra particular nola dá o pequeno que está diante de nós.

Bibliografía empregada

  • Artigo de J.C. Calvo Mauri: “Técnicas de modificación de conducta en la infancia. A propósito de un caso de mutismo selectivo”, no que se resume a intervención dun caso de mutismo selectivo baixo o enfoque do paradigma do condicionamento operante.
  • Barbero, F., Maroto, G., Fernández, A. (1994). Tratamiento conductual en el colegio del mutismo electivo de una niña de 5 años, Análisis y modificación de conducta, 74, 989-921.
  • Cambra, J. (1988). Mutismo electivo escolar: diagnóstico y estrategias de intervención, Informació Psicológica, 33, 48-52.
  • Manual diagnóstico y estadístico de los trastornos mentales (DSM-IV). Barcelona: Masson.
  • Monras, C. (1984). Consideraciones en torno al mutismo electivo. Revista de Logopedia, Foniatría y Audiología, 3, 224-231.
  • Olivares, J., (1999).El niño con miedo a hablar. Madrid, Pirámide.
  • Trastornos mentales y del comportamiento (CIE-10). Meditor, Madrid, 1994.