Posible representación gráfica da 'web 2.0'. [D-385]

Non imos falar de web 2.0 ou de educación 2.0. Parece que iso xa está case dado por feito, sobre todo da web 2.0 pois xa é unha realidade. Non parece que vaia por bo camiño –polo menos parécemo a min- o que poderíamos chamar educación 2.0 –aínda que no mundo anglosaxón chaman a este fenómeno e-learning 2.0 (e-aprendizaxe 2.0). Por que motivo? Pois porque queda pouco daquel principio construtivista no que o alumno constrúe a súa aprendizaxe, pois agora mudou no mundo das TIC en algo así como querer acumular moito de todo sen unha mirada crítica ou un pensamento reflexivo.

Así a web 2.0 proporciona: blogs, procesadores de textos online para facer bitácoras ou calquera outra cousa, servizos RSS, Podcast, buscadores eficientes, Google maps, Bubbleshare ou Flickr, soft beta, o mundo Wiki,…..e xa hai algún que pensa que está todo feito; non estarán máis acertados os que chaman a este fenómeno e-aprendizaxe que os que o chaman educación?

E como queda enredado na rede algo hipotético, pero que eu penso que pode ser factible: integración 2.0 ou atención á diversidade 2.0. Poderíase manter na rede colectivos –como TADEGa- estables que redefiniran o uso de todas estas ferramentas e se implicaran na mellora dos proxectos e programas a nivel global sabendo o que se quere acadar e darlle un verdadeiro enfoque construtivista ao ensino aprendizaxe.

Porque pregunto eu: un alumno con parálise cerebral que ten necesidade de usar un ordenador con interface e periféricos adaptados para o seu traballo que é o que está utilizando, unha ferramenta ou unha prótese, porque se llo quitan non pode facer nada, úsao como quen usa lentes. Non o fai co mesmo propósito que o estou facendo eu agora. Outros confunden o medio co fin, saber ou poder manexar o ordenador non é o fin….

Sería bo sentar os principios da integración 2.0?

Colabora: Javier Martín