1 millón de firmas pola non discriminación. [D-345]

Veño de visitar algunhas bitácoras, costume diario, para ver que é o que se está a cocer nos foros docentes máis relevantes de fala tanto galega como castelán. Lamentablemente, o panorama resulta bastante empobrecedor: hoxe en día, asistimos con certa emoción á explosión da coñecida como web 2.0: hai unha efervescencia explosiva de comunidades educativas (pais, centros, alumnos e profesores) que se lanzan á construción de webs baixo diversos formatos de nova acuñación (bitácoras, wikis, webquest, etc.) incluso hai algún manifesto (declaración de Roa) para ser asinado sobre o uso de toda esta tecnoloxía nas aulas e de como vertebralas axeitadamente. En cambio, ninguén fala da accesibilidade que todos istes contidos deben cumprir (máximo a partires da publicación do Real Decreto 1494/2007 de 12 de decembro) pero xa sabemos que, a nós, nin os reais decretos nos moven.

O caso e que temos milleiros de novas webs creadas dende as escolas e os institutos, case ningunha accesible a persoas con discapacidade, case todas sen saber qué é a accesibilidade web e, polo tanto, despreocupados 100% de tal asunto. Incluso algunhas ata manifestan que asistimos ao peche da fenda dixital, cando eu, nestas visitas, ao que asisto é ao seu axigantamento.

Nota: non quero ferir por ferir, o meu obxectivo non é o sangue. Sei da moi boa vontade de moitos redactores destas e doutras milleiras de páxinas máis, pero, se as nosas actitudes provocan discriminacións, non cabe outro recurso que facelo saber, sen panos quentes, máximo cando os danados, son danados sen voz.