Logotipo do Congreso ‘TecnoNEEt 2008′.[D-312]

Unha magnífica noticia

Como xa recollen nos seus respectivos cadernos de bitácora de Javier Soto, Domingo Méndez ou Celestino Arteta, TADEGa súmase cargada de ilusión ao lanzamento do V Congreso Nacional de Tecnoloxía Educativa e Atención á Diversidade (TecnoNEEt) e que este ano conflúe coas III Xornadas Nacionais de Logopedia Dixital.

Baixo o lema A igualdade de oportunidades no mundo dixital, o Congreso celebrarase no Campus da Muralla do Mar da Universidade Politécnica de Cartaxena (Cartaxena, Murcia, España), os días 18, 19 e 20 de setembro de 2008.

Trátase, sen ningunha dúbida, dunha cita imprescindible para todos aqueles que traballan no ámbito das TIC e a diversidade, do obradoiro de encontro e discusión para profesionais, usuarios e familias e que, xa na súa anterior edición (2006), congregou a máis de 600 profesionais de España e América Latina. E permitídenos un apunte final algo doce: foi precisamente o congreso que facilitou as vimbias para o nacemento de TADEGa, pois os galegos que alí estabamos, sentimos que xa era hora de que a nosa terra tamén tivese o seu referente no mundo das TIC para a Atención á Diversidade.

É unha cita obrigada como ben din estes compañeiros. Alí estaremos e alí esperámosvos.

Áreas temáticas

Vede aquí unha escolma das súas áreas temáticas para facervos unha idea das calidades postas en marcha desde este magnífico congreso:

  • Contorna educativa
    • Tecnoloxías para o desenvolvemento das competencias básicas.
    • Tecnoloxías para a estimulación multisensorial.
    • Tecnoloxías para a rehabilitación/habilitación da linguaxe.
    • Tecnoloxías para a Comunicación Aumentativa.
    • Tecnoloxías para as necesidades educativas especiais.
    • Tecnoloxías para o alumnado con altas capacidades intelectuais.
  • Contorna asistencial, laboral e de lecer
    • Tecnoloxías para a vida independente: domótica, robótica e teleasistencia.
    • Tecnoloxías para a inserción laboral.
    • Tecnoloxías para o lecer e o tempo libre.
  • Contorna profesional
    • Interacción da persoa coa tecnoloxía.
    • Tecnoloxías e protocolos para a avaliación funcional da persoa.
    • Integración curricular das TIC.
    • Investigación, innovación e formación en tecnoloxías de apoio.
    • Contornas virtuais de ensino e aprendizaxe.
    • Redes sociais en internet sobre tecnoloxías de apoio.
  • Marco teórico e institucional
    • Accesibilidade universal, deseño para todos, e igualdade de oportunidades.
    • Políticas educativas sobre tecnoloxía e atención á diversidade.
    • Novos paradigmas e tecnoloxías emerxentes.

Non vos esquezades; é unha cita imprescindible:
http://congreso.tecnoneet.org/