O Real Decreto

Moneco con cartel: crea webs accesibles.[D-247-1]

Real Decreto 1494/2007. do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social. (BOE, 21 de novembro 2007)

Introdución

Dende hai xa bastante tempo, as persoas implicadas dalgún xeito en todo o relativo ao mundo das necesidades educativas específicas e de apoio educativo estabamos agardando a publicación dunha lei que dunha vez por todas cubrise ou amparase as necesidades e os dereitos de acceso pleno aos servizos cidadáns, especialmente aos da información e comunicación (TIC) de todos os colectivos implicados, especialmente os vinculados ao mundo da discapacidade.

Non fai moitos días que se publicou este Real Decreto (ampliamente agardado e do que xa tiñamos noticia de borradores previos dende fai case un ano). A continuación faremos unhas breves reflexións sobre os seus contidos avaliando dende un punto de vista crítico aqueles aspectos que consideramos de especial importancia na comunidade educativa.

2. Antecedentes lexislativos

[D-247-2]

Na primeira parte do presente Real Decreto faise un limiar de todas aquela leis anteriores relacionadas coa igualdade de oportunidades e a accesibilidade universal, así por exemplo, cítase:

  • A Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal (LIONDAU) na que se encomendaba ao goberno fixar nun prazo de dous anos unhas condicións básicas de accesibilidade.
  • Tamén se cita a Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico (LSSICE) que na disposición adicional quinta obriga ás administracións públicas a adoptar as medidas necesarias para que a información dispoñible nas súas páxinas poida ser accesible, asignando o prazo para antes do 31 de decembro do 2005.
  • Igualmente se cita a Lei 10/2005, do 14 de xuño, de medidas urxentes para o impulso da televisión dixital terrestre na que se recolle a necesidade de atender ás persoas con discapacidade para garantir os seus dereitos e garantir a accesibilidade dos mesmos seguindo os principio de deseño para todas as persoas.
  • Outra Lei antecedente do Real Decreto que estamos a avaliar é a 32/2003, do 3 de novembro, ou Lei Xeral de Telecomunicacións que, no seu artigo 3, contempla a defensa dos intereses e a satisfacción das necesidades das persoas con necesidades especiais fronte a un servizo telefónico en condicións equiparables co resto dos usuarios.
  • No Real Decreto 424/2005 do 15 de abril, concreta o ámbito do servizo universal telefónico con maior precisión e detalle
  • Posteriormente cítase a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos por medios electrónicos no que se incide entre outras cousas na obriga de garantir a accesibilidade universal e o deseño para todos os soportes, canais e contornos co obxectivo de que todas as persoas poidan exercer os seus dereitos en igualdade de condicións.
  • Finalmente faise referencia ó Plan Nacional de Accesibilidade 2004-2012, adoptado polo Acordo do consello de Ministros do 5 de xullo de 2003, no que se pon de relevo que o uso que as persoas con discapacidade fan das tecnoloxías, sistemas, produtos e servizos relacionados coa comunicación, a información e a señalización, é superior á media española

3. Deseño universal

Comunicador móvil en PDA [D-247-3]

O Real Decreto está inspirado nos principios establecidos na Lei 51/2003 do 2 de decembro baseado na accesibilidade universal e deseño para todos. Os criterios que se recollen son os que a nivel internacional leva a Iniciativa de Accesibilidade na Web (Web Accesibility Iniciative) do Consorcio Mundial (World Wide Web Consortium) tamén coñecida como W3C. Este consorcio elaborou unhas pautas que determinan tres niveis de accesibilidade:

  1. A.
  2. AA (dobre A).
  3. AAA (triple A).

En España, estas pautas incorpóranse a través da Norma UNE 139803:2004 que establece tres niveis de prioridades perfectamente compatibles cos 3 niveis ou criterios da W3C.

O Real Decreto que estamos a analizar especifica o grao de accesibilidade aplicable ás páxinas de internet das administracións públicas, dos organismos sostidos con fondos públicos, así como os de aquelas institucións privadas que aspiren a recibir axudas ou investimentos públicos; establecendo como nivel mínimo obrigatorio o cumprimento das prioridades 1 e 2 da citado Norma UNE nunha serie de prazos que establece a propia norma.

4. Aprobación do Regulamento

Para a aprobación do regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación fanse referencias á prestación de servizos de comunicacións electrónicas, o servizo universal, e a protección de datos dos usuarios.

Entre outras cousas, sinálase a necesidade de que se deberá ofrecer acceso ás guías telefónicas a través de internet en versión accesible no mesmo prazo establecido para as páxinas de internet das administracións públicas, é dicir, dende o 4 de decembro de 2009. Ao mesmo tempo recóllense outro tipo de medidas para que os usuarios con discapacidade teñan oferta suficiente en tecnoloxía, terminais, periféricos, etc en igualdade de condicións que o resto da poboación, así como o dereito destas persoas e as súas familias par beneficiarse das subvencións e axudas económicas que establezan as administracións públicas para a adquisición de servizos ou elementos necesarios para o acceso á información.

5. Prazos

A partir da entrada en vigor do Real Decreto, que é o día seguinte á súa publicación, é dicir, o día 22 de novembro do 2007, as páxinas de internet das administracións públicas ou con financiamento público que se elaboren a partir dese momento, deberán adaptarse ao disposto e axustarse á prioridade 1 da Norma UNE 139803; 2004 e deberán acadar o nivel 2 antes do 31 de decembro do 2008.

As páxinas existentes teñen un prazo de seis meses dende a entrada en vigor para acadar o nivel 1 e deberán acadar o nivel 2 antes do 31 de decembro do 2008.

A partir do 4 de decembro de 2009 para todos os produtos e servizos novos incluídos nas campañas institucionais que se difunden en soporte audiovisual serán esixibles estas medidas e dende o 4 de decembro do 2013 para todos aqueles existentes que sexan susceptibles de axustes razoables.

6. Os nosos comentarios. Capítulo III Comentado

1 millón de firmas pola non discriminación [D-247-4]

No punto 1 do artigo 5, fálase dos criterios de accesibilidade aplicables ás páxinas de internet das administracións públicas ou con financiamento público. A información dispoñible en internet debe ser accesible ás persoas maiores e persoas con discapacidade, cun nivel mínimo de accesibilidade que cumpra as propiedades 1 e 2 da Norma UNE 139803; 2004.

O primeiro que nos preocupa seriamente ante a lectura de este punto é onde podemos atopar información sobre ese mínimo de accesibilidade ¿a que se refire? Porque ese mínimo de accesibilidade teremos que concretalo dalgún xeito. Pola mesma banda dise: un nivel mínimo que cumpra as prioridades 1 e 2, isto desorienta máis ao lector xa que si ten que cumprir as prioridades… ou se cumpren, ou non se cumpren, o que parece insinuarse nesta liñas é a flexibilidade que a administración vai a ter na valoración destes procesos. Todo parece indicar que se van a aplicar eses mínimos a conveniencia do programador ou deseñador de contidos valorando sempre o custo que poida supoñer o facer ou non a páxina accesible. Como despois se aclara no mesmo punto

… Esta obrigación no será aplicable cando unha información, funcionalidade ou servizo non presente unha alternativa tecnolóxica economicamente razoable e proporcionada que permita a súa accesibilidade…

No punto 2 do artigo 5, fálase de que excepcionalmente, as administracións públicas poderán recoñecer a accesibilidade de páxinas de internet conforme a normas técnicas distintas das que figuran no apartado 1 deste artigo, sempre que se comprobe que alcancen unha accesibilidade similar á que estas normas garanten…

A interpretación deste punto, parece transmitir que o importante é a intención, xa que, pretende xustificarse ao amparo deste decreto que, cando se presente unha páxina web, puidera ser que realmente non fose accesible, pero pódense facer determinadas melloras que acaden que a accesibilidade sexa similar ao que se podería facer se as cumprise… Así en abstracto, un lector a primeira vista diría: ¿para que se pide que se cumpran as normas se se permiten tomar medidas alternativas? ¿A lei non está para aclarar e definir o que é aceptable e o que non? Ademais o termo co que se inicia a frase excepcionalmente é o suficientemente confuso como para despistar ao lector mais experto ¿Ate que punto chegan esas excepción en 50, 100, 1000 páxinas?, ¿Quen determinará cando é excepcional a situación?

No punto 3, dise que as páxinas de internet das administracións públicas deberán conter de forma clara a información sobre o grao de accesibilidade ao contido das mesmas que se lles aplicara así como a data na que se fixo a revisión do nivel de accesibilidade expresado e, en principio, parece non presentar problemas de interpretación este punto.

Resulta curioso observar coma no punto 4, de dito capítulo se di que para acceder ao financiamento público para o deseño e mantemento de páxinas de internet será necesario asumir o cumprimento dos criterios de accesibilidade previstos no apartado 1 do presente artigo, é dicir, remítenos a que se a funcionalidade non presenta unha alternativa tecnolóxica economicamente razoable, poderanse aplicar ese mínimos indefinidos, caixón de xastre no que se pode xustificar absolutamente todo porque como o mínimo non está definido cada un fará e refará ao seu antollo.

Tamén se di neste mesmo punto que, do mesmo xeito, serán esixibles , e nos mesmos prazos, estes criterios para as páxinas de internet de entidades e empresas que se encarguen (por vía concesional ou a través doutra vía contractual) de xestionar servizos públicos, en especial, dos que teñan carácter educativo, sanitario e servizos sociais. Asemade será obrigatorio o expresado neste apartado para as páxinas de internet e os contidos dos centros públicos educativos, de formación e universitarios, así como, dos centros privados sostidos, total ou parcialmente con fondos públicos.

No punto 5, fálase de que as páxinas de internet das administracións públicas deberán ofrecer ao usuario un sistema de contacto para que poidan transmitir as dificultades de acceso ao contido ou formular calquera queixa, consulta ou suxestións de mellora. Os órganos competentes realizarán periodicamente estudios de carácter público sobre as consultas, suxestións e queixas formuladas.

Este apartado é interesante, pero non di nada relativo a que se deberán emendar os posibles erros nin que se deberá deseñar de novo a páxina para que se cumpra o esixido. Ademais sempre se pode argumentar que é un caso excepcional como se indica no punto 2 ou ben que no caso que se denuncia ou presenta a queixa, realmente non hai unha alternativa tecnolóxica económicamente razoable e proporcionada que permita a súa accesibilidade, como se indica no punto 1 deste artigo 5, do capítulo III.

E o que se sempre se pode argumentar é o parágrafo que aparece anteriormente no apartado 5, prazos:

A partir do 4 de decembro de 2009 para todos os produtos e servizos novos incluídos nas campañas institucionais que se difunden en soporte audiviosual serán esixibles estas medidas e dende o 4 de decembro do 2013 para todos aqueles existentes que sexan susceptibles de axustes razoables.Por suposto, o de axustes razoables, terá que ver coa capacidade de razoar de quén? do usuario?, do deseñador? do administrador? Ou do político do momento?

7. Conclusións

En xeral o Real Decreto desenvolve o relativo ao acceso a televisión, televisión dixital, e aos servizos de telefonía dun xeito xeral falando incluso da elaboración das facturas e a defensa dos dereitos dos usuarios.

A nivel educativo, que é o que mais non interesa aos docentes, realmente non acaba de ser clara e contundente na súa implantación. Deixa moito marxe para non cumprir os requisitos esixidos con argumentos claramente manifestos na redacción do propio decreto … excepcionalmente… poderanse tomar medidas alternativas… cando non exista unha alternativa tecnolóxica economicamente razoable…, susceptibles de axustes razoables…, etc

Agardamos a que se tomen medidas para a formación xunto cos medios e recursos para que isto se cumpra, e que todos os aspectos sinalados anteriormente se solventen e aclaren coas medidas oportunas legais para que o dereito á información e os dereitos de todos os usuarios da rede se cumpran sen discriminación de ningún tipo.

A comunidade educativa, asemade, debe estar atenta ao cumprimento deste decreto xa que, como del se desprende, as páxinas web de todos os centros docentes públicos ou sostidos con fondos públicos, están obrigadas a ser accesibles no prazo de tempo marcado, sendo ademais as webs educativas e as sanitarias, de atención preferente.