[D]

Recentemente un correo electrónico anda a circular por algúns centros docentes denunciando unha situación que, os asinantes, consideran inxusta. Aínda que non moi ben redactado, o texto di exactamente o seguinte:

Calidade educativa?
Segundo a LOE a Administración Educativa disporá de profesionais cualificados para a atención ao alumnado con necesidades específicas. Até o momento tiñan que demostrar os seus coñecementos a través de cursos de habilitación ou probas de oposición.
O Real Decreto 276/2007 de acceso á función docente continúa a contemplar, para o ingreso no corpo docente, a obriga de superar unha proba de oposición. O mesmo acontece cos funcionarios cando pretenden adquirir unha nova especialidade.
A partires do próximo curso, nos Centros educativos de Galicia atoparemos mestres que van ocupar prazas de Educación Especial sen teren coñecementos da citada especialidade, poisque a Administración váillelo permitir sempre que asinen, deixando en branco, o exame de oposición.
Vosté sabe o que é a Síndrome de Asperger, Síndrome de West, Síndrome X-Fráxil, Síndrome de Cornelia de Lange,....?
Sabería deseñar unha resposta educativa axustada a alumnos con estos trastornos? Sábeno os novos "especialistas"? Como profesionais de Educación Especial pensamos que esta medida repercute negativamente no alumnado e no prestixio da especialidade. E isto a que entende a Administración por calidade do ensino?
Profesionais de Pedagoxía Terapéutica.

A apariencia desta nota parece confusa: de todos modos e ata onde puidemos entender, parece referirse a que nas vindeiras eleccións de destinos provisionais, aqueles mestres interinos especialistas en materias ás que xa non se pode acceder por estar reservadas á ESO (matemáticas, socias, etc,) terían a obriga de presentarse este ano ás oposicións por outras especialidades que non teñen esta característica (audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica, educación física, educación musical, inglés e francés) xa que non hai oposicións á especialidade de educación primaria. De non presentarse, perderían a condición de interinos, polo que aqueles que se presenten pero non superen o concurso oposición si que continuarían a ser interinos e a Administración os considerará como habilitados na especialidade pola que se presentaron.

¿Cál é a novidade, e a polémica, deste ano? Que este colectivo específico de interinos/substitutos antes non tiñan esta obriga de se presentar para manter a condición de interino/substituto (a obriga estaba condicionada a que se convocasen vacantes da súa especialidade para que participasen por esa especialidade e continuasen nesa especialidade, aínda que si tiñan dereito a presentarse a outras). Agora en cambio é obrigatorio que se presenten a outra especialidade distinta a aquela pola que obtiveron o título de mestres. Polo tanto ésta é a única diferencia entre anos anteriores a iste: que o que antes era opcional (e case ninguén seguía esta opción) este ano sería obrigatorio para todos os afectados.

Quen está alporizado por esta situación? Quen está detrás desta nota? Difícil pregunta. De entrada claquera: para algúns compañeiros, podería ser non moi xusto ou non moi ético, que un mestre, polo simple feito de presentarse a unha oposición, ainda que deixe o exame en branco, poida impartir sen máis docencia como interino. Se resulta que é un mestre que leva nesta situación dende o ano 1986 (xa van 20 dende aquela) e sempre suspendendo (sen analizar agora se suspendendo cun 4.8 ou cun 0)… pois máis aínda. Na realidade quen puidera estar detrás desta nota serían os propios interinos especialistas de audición e linguaxe e de pedagoxía terapéutica que verían como interinos como eles pero máis antigos se farían cunha especialidade de PT ou de AL optando a vacantes e mermando, polo tanto, as súas opcións. Â¿É así? Non o sabemos, tan só é unha posibilidade que se reforza coas informacións de que esta parte do colectivo está a presionar aos sindicatos para desfacer esta disposición. ¿E os funcionarios? Pois non se verían afectados tanto en canto xa nos 2 concursos anteriores ningún non especialista podía optar a vacantes de PT/AL e este ano tampouco, mentres que os especialistas sempre elixirían vacante antes que os interinos.

Sexa como fose, estamos a tocar asuntos delicados nos que as opinións taxantes non valen e a polémica… pois está servida.

Nota: Temos remitido un correo ao remitente da nota en cuestión para que públicamente expoña as súas opinións e posturas sobre o asunto con total liberadade (éste é un foro onde todos podemos aportar as nosas opinións) pero polo de agora non tivemos resposta. A invitación continúa aberta.

Nota posterior a edición inicial deste artigo: Temos recibido un correo posterior que agradece e reforza o anterior. Lede con anterior os comentarios posteriores para estar ao tanto da situación.