O ensino en Galego

Presentación

Ola, son Juan e teño o pracer de presentarvos o primeiro artigo que Iago Pérez Santalla nos remite a esta bitácora. Pensei nun principio non facer presentación previa ningunha e que este artigo fose seu de principio a fin. Pero dado o seu especial relevo (é unha parte da súa tese doutoral na que agora traballa sobre o movemento estudantil) e de que non todos e todas ao mellor o recoñecedes na primeira de cambio, penseino mellor e preséntovolo novamente.

Iago presentándose a si mesmo na galega

Pé de media (e descrición alternativa): Vídeo no que a canle de televisión galega entrevista a Iago Santalla sobre o seu libro O ilímite de pensarte libre así como explicando polo aire algúns dos seus proxectos e ideas vitais.

Máis datos

Fotografía de Iago Pérez Santalla.

Pé de media (e descrición alternativa): Fotografía de Iago Pérez Santalla.

Por medio de Luluxa coñecémolo neste caderno dixital ou bitácora en setembro de 2009 ao presentar o seu libro O ilímite de pensarte libre Tedes o artigo no seguinte enlace: tadega.net/Bitacora/?p=1151 e penso que, xa de aquela, descolocounos a moitos e admirámolo. Dende aqueles días pedímoslle máis letras súas, e como home de compromiso, aquí nos chega cunha nova entrega. Graciñas Iago.

E agora aquí vos deixo con Iago

O ensino en Galego, por Iago Santalla

Deixaron ó neno deprender a andare,
deixaron que o peixe puidera nadare,
e legalizaron que o trono tronare,
¡e os nenos galegos, galego falare!
(Saraibas)

Manuel María no Correlingua (A Coruña, maio de 2001). Foto de Xulio Cuba.

Pé de media (e descrición alternativa): Manuel María no Correlingua (A Coruña, maio de 2001). Foto de Xulio Cuba.

No ano 1980 o grupo coruñés Saraibas, cantaba a xeito de pandeirada o que semellaba ser unha lexislación favorable ao ensino en galego. Non era unha concesión xenerosa do estado, que nunca tivo ningunha con Galicia. Era froito dunha loita que viña de atravesar unha longa noite de pedra. Hoxe dise que dende Madrid se cedeu moito. Non é certo, como tampouco o é que todo o que se recolleu no marco xurídico a prol da nosa cultura fose froito dunha idea plural de España. Esta idea xa viña da tradición republicana que o franquismo tratou de esmagar en todos os sentidos (especialmente no cultural). Se reparamos en ler as crónicas da transición, sobre todo do movemento estudantil e da canción protesta, caeremos na conta de que naquela época había un interese por coñecerse e recoñecerse que hoxe desgraciadamente non existe.

Cantar en galego, catalán ou euskera, non supuña unha barreira, senón todo o contrario. Están ben documentados os concertos de Voces Ceibes en Madrid, Barcelona, Asturias e outras cidades; pero tamén por países como Portugal ou Francia, onde enchían locais sociais, campus, e nalgún caso, teatros. Cantaban sempre en galego! E daquela eran recoñecidos pola súa calidade. Isto non lles impedía colaborar, con outros cantautores cataláns, portugueses e tamén casteláns.

Como é ben sabido o que unía a Voces Ceibes era a loita pola dignificación da lingua e cultura galega. Pero ademais conseguiron establecer vínculos de comunicación tanto con cantautores vascos e cataláns como cos casteláns. Pódense lembrar aquí as xiras europeas de Paco Ibáñez e Miro Casabella, ou as distintas edicións do Festival dos pobos ibéricos que unía a cantautores que desenvolvían a súa laboura nos distintos idiomas da península. Habíaos monolingües como Lluis Llach, Inmanol (que se tería que ir de Euskadi ao introducir no repertorio textos de poetas españois como Celaya, que non eran do gusto da esquerda abertzale, que, por certo! Profanou a tumba deste gran poeta.) ou o mesmo Miro; e bilingües como é o caso de Serrat, ou o propio Paco Ibáñez que na súa evolución artística chegou a levar no seu repertorio cancións nos cinco idiomas peninsulares.

Todo isto pasaba nun estado non democrático. Onde os grises remataban violentamente calquera acto cultural ou social que soara a democracia ou a liberdade, sendo aínda máis severos se era desenvolvido nunha lingua distinta á castelá.

Nestas circunstancias grupos estudantís como ERGA (ligada á UPG) foron capaces de reivindicar espazos educativos e culturais para o galego. Reclamaban un ensino popular, científico, democrático e en galego (como rezan os seus panfletos). A súa loita, e non aos abandeirados da transición, o marco xurídico actual é o que é. E débese lembrar que está feito de acordo coa constitución, e dicir, que respecta ás regras do xogo impostas dende Madrid.

De toda aquela loita nace un marco xurídico que parece favorecer as minorías culturais. Así por exemplo, o Art. 3.3 de dita constitución establece o respecto e a especial protección para as linguas minoritarias do estado español, considerándoas parte do seu patrimonio cultural. Posteriormente, o Estatuto de Autonomía de Galicia (1981), no Artigo 5, define ao galego como a lingua propia de Galicia, comprometendo aos poderes públicos na súa conservación. Así, en 1981, o galego goza por primeira vez na historia de protección legal. Dous anos despois a Lei de Normalización Lingüística desenvolverá o Estatuto. Nesta situación non é comprensible os ataques actuais ao idioma galego. Non é comprensible a defensa dunha liberdade de elección na que vai impreso un descoñecemento total e absoluto. Cabe preguntarse, tal e como fixo a profesora da USC Montserrat Recalde, se existe o dereito á ignorancia. Porque se realmente existe, o que é antidemocrático é que a Constitución nos obrigue a aprender a lingua cervantina. Así, na situación actual, o alumno pode decidir ignorar o idioma no que se expresaron os seus antergos, os mesmos que lle deixaron en herdanza un gran tesouro cultural que se desenvolveu en lingua galega. Non podemos ignorar o que somos, de onde vimos e moito menos o entorno que nos rodea. Por iso, a ignorancia nunca pode ser un dereito, e menos nun país que concibe a educación como un piar básico dentro dun estado que se define como social.

Hai que fuxir por tanto de falsidades acientíficas como a que argumenta que a aprendizaxe do galego dificulta a do inglés, ou aquela outra (que máis ben semella unha barrabasada) que di que o galego non serve para nada. Quen isto mantén é o verdadeiro lastre da liberdade lingüística; pertence a aqueles que reclaman este concepto na rúa para logo insultar ao que elixe a lingua propia de Galicia. Lembro aquí unha pancarta naquela manifestación de Galicia Bilingüe que dicía el gallego es para hablar con las vacas. Non vou facer máis comentarios, aínda que ás veces prefiro falar coas vacas…

O Correlingua. (A Coruña, maio 2001). Foto de Xulio Cuba.

Pé de media (e descrición alternativa): O Correlingua. (A Coruña, maio 2001). Foto de Xulio Cuba.

Hoxe temos que defender a dignidade do noso idioma, a súa legalidade e o dereito dos galegos a vivir en galego. Estou convencido de que somos unha maioría silenciosa que non nos imos dar por vencidos, e por iso o idioma nunca morrerá se conservamos e coidamos o que somos: as nosas lembranzas, os contos e as cancións dos avós, as festas, as nosas tradicións máis peculiares e a nosa idiosincrasia. Se nada disto morre tampouco o fará o único idioma no que a cultura galega se entende na súa totalidade. Por iso remato cunha crenza fonda que sempre vai comigo: nunca acabarán con nós. E por máis que fagan, sempre escoitaremos aos nenos galegos, galego falare, como dicía a canción de Saraibas.

Iago Santalla

Comparte este artigo

3 Comentarios

  1. Felicidades polo artigo Iago.

  2. O outro día (día 7, creo) deixei un pequeno comentario de felicitación polo seu artigo a Iago. Ignoro -se alguén mo pode explicar- por que non aparece. Despois de envialo apareceu algunha indicación -creo que inglés- de que o comentario esperaba o prace do moderador. Grazas

    1. Nós tamén soubemos do comentario e despois vimos que desaparecera, non sabemos a causa, posiblemente que os automatismos o interpretaran como spam xunto con outros que realmente si eran spam. As nosas desculpas e o noso máximo acordo con vostede na felicitación de Iago, realmente un traballo magnífico da man dunha persoa magnífica.

Deixa una resposta a Javier Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes usar: HTML etiquetas e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>
*
*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.