A historia

Fai tempo dabamos conta nesta bitácora de que se premiaba o vídeo de Iago titulado Yo también tengo derechos. De todos modos, con premio ou sen el, este esforzo non cae en saco roto.

No noso centro, o alumnado do que son titor aprendeu e serviuse de Xandre, o elefante sen sombra e que xa coñecedes todos da nosa web. Impactoulles e gustoulles moito, pero a cousa non quedou aí. Resulta que aquelo de comunicarmos con pictogramas resultaba algo moi abstracto que non acababan de entender moi ben pois nunca viviran unha experiencia similar nin coñecían a ninguén que precisase este sistema de comunicación.

Así pois non quedaba outra que puideran coñecer a alguén que empregase este sistema comunicativo, polo que lles amosamos o vídeo de Iago no que se pode ver con moita claridade como o usa e precisa comunicarse con el.

Unhas cousas levan a outras, e o alumnado pediu darlle resposta a este rapaz usando o seu mesmo idioma. Así que armado cunha cámara de vídeo e imprimindo e preparando os pictogramas correspondentes, aquí tedes o resultado da resposta para Iago. Oxalá lle guste.

Unha aperta moi moi grande para Iago, para a súa nai, e para estas rapazas e rapaces do CEIP Sal Lence de A Coruña que moito se acordan del, e que xa o queren coñecer.

O video orixinal de Iago

Pé de media (e descrición alternativa): Vídeo de Iago elaborado pola súa mai no que Iago nos amosa, con moitísimo esforzo, unha mensaxe que nos conta con xestos e pictogramas que, pasado a palabras di: Hola, yo quiero que tú, me esuches, me veas, me hables y me ames.

A resposta do CEIP Sal Lence, A Coruña

Nota provisional: Lamentablemente a xente de Youtube entende que o audio que acompaña a este vídeo, aínda tendo explicacións orais do narrador para a súa comprensión, vulnera os dereitos de autor por levar unha musiquiña de fondo. Por tal motivo silenciou totalmente o audio que agora non se pode escoitar sen aviso previo nin dar audiencia. No momento en que podamos, faremos unha versión idéntica con música libre que substituirá a actual. Desculpade as molestias.

Pé de media (e descrición alternativa): Un vídeo coa montaxe audiovisual do alumnado do CEIP Sal Lence da Coruña, en resposta a Iago polo seu vídeo. Nel podemos ver e escoitar o proceso que se seguiu así como a parte principal na que o alumnado deste 2º curso de primaria respota a Iago con audio, subtítulos, pictogramas e xestos.

Enlaces de interese

  1. A nosa nova sobre o premio de Iago:
    tadega.net/Bitacora/?p=1250
  2. A web de Xandre:
    www.ContosDeXandre.net
  3. A páxina do concurso de curtos:
    www.yotambientengoderechos.com/…
  4. O caderno dixital de Mamiago:
    HablaPorMiDiceIago.blogspot.com
  5. Sitio de Internet do CEIP Sal Lence:
    centros.edu.xunta.es/ceipsallence