O conto

Ilustración de Xandre, o elefante sen sombra.

Ilustración de Xandre, o elefante sen sombra.

A nosa asociación TADEGa síntese honrada en presentarvos esta pequena criatura que tanto traballiño nos costou poñer en pé, o conto: Xandre, o elefante sen sombra.

Trátase dun conto interactivo para nenos e nenas de 3 a 8 anos (aínda que pensamos que tamén é moi estensible a máis idades) e que se vos presenta en diferentes sistemas comunicativos e soportes: texto en Galego e Castelán, pictogramas WIDGIT (marca comercial moi estendida de signos e pictogramas) como sistema de comunicación aumentativa á lingua escrita, o sistema Braille, e a lingua de signos española e tamén na súa variante galega así como as respectivas lecturas en audio. Como podedes ver trátase dun conto escrito coa ansia de que sexa para todos e todas sen importar a discapacidade que se poda ter e de xeito que todos e todas podamos xogar, gozar e gañar.

Os obxectivos

O que se pretende con este conto é:

  • Contribuír á comprensión lectora.
  • Familiarizar a todos no uso de diferentes sistemas de comunicación.
  • Sensibilizar e fomentar do respecto á integración das alumnas e alumnos con necesidades específicas de apoio educativo.
  • Proporcionar ás familias e ao profesorado axudas técnicas e materiais adaptados.
  • Enseñarmos a todos e todas o mundo da diversidade funcional facendo visibles as realidades que, a moitos de nós, pasan desapercibidas e ás que a sociedade precisa ver e sentir.
  • Facermos ver a todos e todas que a accesibilidade e a adaptación dos contidos nas nosas comunicacións cotiás, non son conceptos simpáticos ou obxecto de intelectualismos baratos, son, máis ben, urxencias irrenunciables ás que non podemos fallar todas e todos nós. Dereitos humanos a fin de contas.

Onde?

Podedes fedellar no conto entrando nalgún dose seguintes enlaces:

  • Na nosa bitácora pensada para aloxar, tanto o conto como toda unha serie de actividades e propostas que iremos coleccionando ao longo do tempo xunto con máis contos. Todo no enlace: www.contosdexandre.net/sen_sombra/menu.html
  • Directamente ao propio conto en pantalla completa do voso navegador de Internet no enlace: www.contosdexandre.net

Anotacións

Entrando na sección principal do conxunto interactivo, tendes acceso ao conto Xandre, o elefante sen sombra, pero tamén a actividades interactivas e á guía didáctica de todo o material.

Se vos interesa coñecer máis sobre este recurso, ou tedes interese en adquirila para poder manexala ao voso antollo sen necesidade de depender de internet, poñédevos en contacto con Xandre a través da conta de correo xandre @ tadega.net

Estaremos encantados de escoitarvos e de mellorar este recurso.