Logotipo de TADEGa.net




Artigos do tema ‘Opinión’

A fenda dixital medra

Edición: 20 de Febreiro de 2008 por Juan.

1 millón de firmas pola non discriminación. [D-345]

Veño de visitar algunhas bitácoras, costume diario, para ver que é o que se está a cocer nos foros docentes máis relevantes de fala tanto galega como castelán. Lamentablemente, o panorama resulta bastante empobrecedor: hoxe en día, asistimos con certa emoción á explosión da coñecida como web 2.0: hai unha efervescencia explosiva de comunidades educativas (pais, centros, alumnos e profesores) que se lanzan á construción de webs baixo diversos formatos de nova acuñación (bitácoras, wikis, webquest, etc.) incluso hai algún manifesto (declaración de Roa) para ser asinado sobre o uso de toda esta tecnoloxía nas aulas e de como vertebralas axeitadamente. En cambio, ninguén fala da accesibilidade que todos istes contidos deben cumprir (máximo a partires da publicación do Real Decreto 1494/2007 de 12 de decembro) pero xa sabemos que, a nós, nin os reais decretos nos moven.

O caso e que temos milleiros de novas webs creadas dende as escolas e os institutos, case ningunha accesible a persoas con discapacidade, case todas sen saber qué é a accesibilidade web e, polo tanto, despreocupados 100% de tal asunto. Incluso algunhas ata manifestan que asistimos ao peche da fenda dixital, cando eu, nestas visitas, ao que asisto é ao seu axigantamento.

Nota: non quero ferir por ferir, o meu obxectivo non é o sangue. Sei da moi boa vontade de moitos redactores destas e doutras milleiras de páxinas máis, pero, se as nosas actitudes provocan discriminacións, non cabe outro recurso que facelo saber, sen panos quentes, máximo cando os danados, son danados sen voz.

Postaniversario…

Edición: 13 de Febreiro de 2008 por Abraham.

Meu deus! un xiz na pizarra! Canto tempo! [D-331]

Quen o diría…

O da imaxe do xiz, mira ti por onde, foi o noso primeiro artigo na bitácora. Pero, ao que íamos:

Remexendo e remexendo no ordenador atopo isto:

De Abraham a Juan:

—– Original Message —–
From: Abraham Dominguez
To: juan@TADEGa.net
Sent: Sunday, February 11, 2007 8:39 PM
Subject: Colaboración Tadega

Estimado compañeiro:

Antes de nada darvos a noraboa polo proxecto, a iniciativa pareceme moi interesante; é por iso que estou interesado en formar parte da vosa comunidade se é posible, así como cales serían os pasos.

Abraham Domínguez Cuña: CEIP de LAREDO (Pontevedra)

Un saúdo.

De Juan a Abraham:

—– Original Message —–
From: Juan José Fernández García
To: Abraham Dominguez
Sent: Sunday, February 11, 2007 9:16 PM
Subject: Re: Colaboración Tadega

Estimado Abraham:

Grazas pola túa aportación, no tocante a formar parte do grupo, non creo que haxa problema algún, de todos modos dame un día para confirmalo. Vexo que ademáis deixache unha proposta no foro sobre a creación dun blog. Algo no que xa matinamos algunha que outra vez, someterémolo a sondeo entre foreros e membros de TADEGa aínda que será preciso contar con alguén que se ocupe ou coordine as subidas de datos ao servidor e telo ao día (a min xa me vai chegando coa web e co foro)… pois como ben sabes, un blog que non se actualice a cada pouco perde o seu encanto ¿Preséntaste voluntario? je, je.

Sexa como sexa, benvido e grazas pola túa participación.
Juan.

De Abraham a Juan:

—– Original Message —–
From: Abraham Dominguez
To: Juan José Fernández García
Sent: Monday, February 12, 2007 4:06 PM
Subject: Re: Colaboración Tadega

Ola Juan,

Grazas pola benvida, …sobre o asunto do BLOG, sería un pracer instalar, administrar e coordinar o mesmo, pois sería unha ferramenta moi interesante para colgar as experiencias que estamos a realizar na aula, propostas…onde dun xeito moi sinxelo todos poden colaborar.

Co gallo do uso das PDI fixemos un BLOG que coido que cun toqueteo de deseño podería encaixar coa proposta de BLOG TADEGA: http://www.ediga.net

Un saúdo
Abraham.

Oh, meu deus! Que ben queda isto por estas datas! :)

Grandes cosas en dous días e tres clics… só fai falla dar o paso.

O demais xa o coñecedes.

Cumprimos 1 ano

Edición: 12 de Febreiro de 2008 por Juan.

Tarta de cumpreanos (como son poucos anos, só é unha madalena).[D-326-1]

A bitácora de TADEGa cumpre 1 ano

12 de febreiro de 2008, no día de hoxe esta bitácora está de cumpranos, o noso primeiro ano. E a verdade é que é para estar contentos. Este artigo é o número 326 o que di moito desta andadura xa que son moitos para ser o primeiro ano.

Dende aquí vaia un especial agradecemento a Abraham, o noso incansable das bitácoras que empurrando, empurrando, advertiunos do moito que íamos gañar se iniciabamos ista andadura, e vaia que tiña razón. Grazas Abraham. A él lle toca soprar as velas.

E vaia tamén un agradecemento a todos os editores dos artigos que traballan arreo para que isto funcione: Rosa, Abraham, Belén, Felo, Susana, Antonio…

Pero témosvos unha sorpresa, un regalo de cumpreanos, porque levamos un ano querendo acordarnos de todos, e traemos aquí un recordo especial polos que ninguén se acorda deles:

Un neno da India con VIH ledo co seu lapis na escola.[D-326-2]

TADEGa naceu para que nos lembremos de todos, para que as tecnoloxías que se nos achegan, sexan para todos e sen favoritismos, mellor dito, rectifiquemos, que sexa con favoritismos de tal xeito que os máis esquecidos cheguen a ser os nosos favoritos. O rapaz desta foto é un neno do colexio ‘Gokul’ en Bhugaon, a 130 kilómetros de Mumbai, na India. El e os seus 52 compañeiros teñen en común: que son orfos, que están nesta escola, que teñen o VIH e que xa saben o que é ser rexeitado por case todos.

Pero nesta escola coas súas TIC tan ‘clásicas’ (aquí lle vemos lapis e regra) estanche moi contentos, ilusionados porque lles da o que os demais lles negan. Non coñezo a quen fixo esta foto, pero seguro que leva un bule bule no peito. Ben, déixome de liortas; se queredes saber a historia toda, tedes no Diario El Mundo a historia completa e outras fotografías. Vaia desde aquí o noso máis profundo respecto por todos eles, pola escola, polo proxecto, precisamente no noso primeiro aniversario.

Enlace que se cita: www.elmundo.es/albumes/2008/02/06/colegiopositivo

Informacións do BETT

Edición: 18 de Xaneiro de 2008 por Felo.

Imaxe da 'info_bett'.[D-291-1]

Xa de volta do BETT, atópome tamizando todo o que alí miramos (que non foi pouco) e a información que trouxen non só sobre o seminario que organizaba SMART sobre pizarras dixitais (Learning Matters) senón sobre todo o relacionado coas Special Needs

Deste xeito, ademais de por suposto a aposta polas pizarras dixitais interactivas como facilitadoras dun cambio metodolóxico nas aulas, eu destacaría os sistemas tecnolóxicos de apoio para unha escola de futuro: As plataformas escolares online, integradoras de tódolos contidos multimedia coñecidos en tódolos soportes e o software cada vez mais específico para un colectivo ou unha área temática:

Plasma[D-291-2] keyboards[D-291-3] bett[D-291-4] widgit[D-291-5]

Un éxito… daquela, haberá que ir pensando na edición do 2009… imos? ;)

Second Life… virtualiza a esquizofrenia!

Edición: 20 de Decembro de 2007 por Abraham.

Alucinacións en 'Second Life'.[D-273]

Cada día sorpréndeme máis esta ferramenta; a cotío intento adicarlle un tempo para deixar que me deixe pampo.

Pois esta vez quixen alucinar no sentido máis estricto e dirixinme á web da UC Davis Virtual Hallucinations facility en Second Life (SLurl).

O mencionado sitio esta deseñado para darlle aos vistantes unha mellor comprensión sobre a esquizofrenia grazas a unha simulación das súas alucinacións auditivas e visuais. Despois dun periodo onde vives estas doenzas, e en base a túa experiencia esquizoide, ofrécenche a posibilidade de practicar entrevistas a pacientes virtuais e facer diagnósticos.

Incrible as posibilidades didácticas que ten todo isto, o poñerse na pel de está máis que ofrecida, así como anticiparse e planificar respostas educativas axeitadas en base a esta experimentación da doenza.

Xa sabes se queres alucinar! :)

Nota: En breve máis apuntamentos sobre Second Life e necesidades educativas especiais.