Logotipo de TADEGa.net




Artigos do tema ‘Opinión’

O proxecto ‘Ponte dos Brozos’

Edición: 13 de Marzo de 2008 por Juan.

A nosa noraboa e o noso agradecemento

Ponte romana que dá orixe ao nome do proxecto. [D-396]

A pasada semana dábamos peche provisional ao ciclo de obradoiros de accesibilidade básica de contidos web que estivemos a celebrar durante un longo mes. E digo que peche provisional, porque queda por celebrar o obradoiro de Lugo que aínda non ten data e porque estamos a argallar xeitos para darlle continuidade aos máis de 70 compañeiros e compañeiras que transitaron por estes obradoiros e que nos manifestaron o seu desexo de afondar nesta formación.

Pero non queríamos pechar esta nota sen antes transmitir o noso agradecemento e a nosa noraboa ás boas xentes de Arteixo que nos recibiron cos brazos abertos nesta última xuntanza.

Agradecemento pola exquisita acollida, e noraboa polo ambicioso proxecto no que están embarcados malia que non todo mundo aprecia na xusta medida o esforzo, e non falamos do económico ou do tecnolóxico, senón do esforzo persoal de máis dunha centena de compañeiros de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos implicados e empeñados, parafraseando a cita bíblica, en dar froito e que o seu froito permaneza.

Pór en alza o seu valor

Son 5 anos de experiencia acumulados no uso das TIC nas aulas, coas pizarras dixitais, con portátiles, con cuarenta mil trebellos pero, o mellor de todo é a experiencia acumulada, as conclusións ás que chegaron o que a todos nos interesa coñecer como un valor engadido que non se pode deixar escapar.

Tivemos amplas conversas para ver como vertebrar toda esa aposta de inmersión TIC de xeito que toda a comunidade educativa o poida coñecer, apreciar, e sacarlle proveito. Non ha de tardar moito en verse na rede algún xeito ese traballo, e como xa lles dixemos, contan coa nosa colaboración, seguro.

Novamente, grazas.

Cambiemos os estándares da UNESCO

Edición: 10 de Marzo de 2008 por Juan.

Imaxe de portada do documento que é obxecto de debate neste artigo. [D-392]

Un documento atrevido, importante e incompleto

Recentemente chegou ás nosas mans un substancioso documento en formato PDF titulado Estándares de competencia en TIC para docentes cuxa autoría é da UNESCO. Trátase dun documento consensuado con data recente (Londres, 8 de xaneiro de 2008) e nel se recollen os deseños de estándares / directrices / orientacións de competencias TIC destinadas aos docentes e máis aínda aos programas formativos dos docentes.

Que a UNESCO se atrevese a tanto xa é digno de eloxio, sobre todo se pensamos que de xeito automático se convirte nun referente universal para toda formación do profesorado sexa do país que sexa. O problema ven de que, ao noso xuízo, iste documento di moitas verdades, certo, pero cala outras e isto é grave. E de aí nace a nosa proposta para que sexa reformado de xeito que nel se recollan todos os elementos que, ao noso xuízo deben figurar nel.

A esencia do que falta

En síntese, que non se menciona en ningún sitio:

  • A atención á diversidade
  • A esencia da accesibilidade web como parte crucial de todo deseño para que no sexa excluínte para as persoas con discapacidade.
  • A esencia do deseñado para todos como etiqueta de toda construción dixital para que ninguén quede excluído do seu acceso.
  • A necesaria formación do alumnado nestes conceptos como parte da súa formación tanto ética como técnica.

¿Cambiamos isto?

Ben. Agora se trata de ampliar, afondar, mellorar, arranxar ises puntos para rematar construíndo unha proposta ben vertebrada de mellora deste documento ¿Quen se anima? Admítense suxestións.

Documentos que se citan

Mutismo selectivo

Edición: 10 de Marzo de 2008 por Ana.

Alegoría da incomunicación. [D-389]

Dende unha petición de axuda ata un artigo

Na nosa lista de distribución de correo xurdiu unha cuestión en determinado momento cando unha das nosas compañeiras precisaba axuda por mor dun caso de mutismo selectivo na súa aula. O caso é que, grazas a esa ferramenta humilde da lista de correo, foron xurdindo aportes de diversos compañeiros que ían definindo situacións, aclarando dúbidas e pouco a pouco construíndo entre todos unha estrutura que decidimos non podía quedarse inflada no aire para logo esmorecerse co tempo. Decidimos transvasar toda esta información a este pequeno artigo recompilatorio para que poida servir de axuda para outros. Agardamos que así sexa.

(more…) [Art. Nº 389]

Integración 2.0

Edición: 6 de Marzo de 2008 por Avespa con mantelo.

Posible representación gráfica da 'web 2.0'. [D-385]

Non imos falar de web 2.0 ou de educación 2.0. Parece que iso xa está case dado por feito, sobre todo da web 2.0 pois xa é unha realidade. Non parece que vaia por bo camiño –polo menos parécemo a min- o que poderíamos chamar educación 2.0 –aínda que no mundo anglosaxón chaman a este fenómeno e-learning 2.0 (e-aprendizaxe 2.0). Por que motivo? Pois porque queda pouco daquel principio construtivista no que o alumno constrúe a súa aprendizaxe, pois agora mudou no mundo das TIC en algo así como querer acumular moito de todo sen unha mirada crítica ou un pensamento reflexivo.

Así a web 2.0 proporciona: blogs, procesadores de textos online para facer bitácoras ou calquera outra cousa, servizos RSS, Podcast, buscadores eficientes, Google maps, Bubbleshare ou Flickr, soft beta, o mundo Wiki,…..e xa hai algún que pensa que está todo feito; non estarán máis acertados os que chaman a este fenómeno e-aprendizaxe que os que o chaman educación?

E como queda enredado na rede algo hipotético, pero que eu penso que pode ser factible: integración 2.0 ou atención á diversidade 2.0. Poderíase manter na rede colectivos –como TADEGa- estables que redefiniran o uso de todas estas ferramentas e se implicaran na mellora dos proxectos e programas a nivel global sabendo o que se quere acadar e darlle un verdadeiro enfoque construtivista ao ensino aprendizaxe.

Porque pregunto eu: un alumno con parálise cerebral que ten necesidade de usar un ordenador con interface e periféricos adaptados para o seu traballo que é o que está utilizando, unha ferramenta ou unha prótese, porque se llo quitan non pode facer nada, úsao como quen usa lentes. Non o fai co mesmo propósito que o estou facendo eu agora. Outros confunden o medio co fin, saber ou poder manexar o ordenador non é o fin….

Sería bo sentar os principios da integración 2.0?

Colabora: Javier Martín

Blackle: aforrando con fondo negro

Edición: 4 de Marzo de 2008 por Ana.

Imaxe onde se pode ler 'Blackle' escrito en cor gris sobre fondo negro.[D-356]

“Blackle”: o Google sobre fondo negro

A polémica acerca do emprego do fondo negro nas páxinas Web co fin de contribuír ao aforro enerxético nace cando Mark Ontkust, en xaneiro do 2007, suxire nun artigo da bitácora de ‘ecoIron’ que o cambio da cor do fondo da pantalla de ‘Google’ a negro diminuiría o consumo enerxético nuns 3000 megavatios-hora anuais. Estes datos de seguida foron re-axustados a 750 megavatios-hora anuais, para o cal se estableceron algúns parámetros, como foron a concreción do número de visitas por día (estimadas en 200 millóns) e a duración de cada visita (estimada en 10 segundos).

(more…) [Art. Nº 356]