Logotipo de TADEGa.net




Artigos do tema ‘A. Lexislación’

Notas para a accesibilidade web (VI)

Edición: 18 de Abril de 2008 por Juan.

Ser accesible non é o mesmo que certificarse

Imaxe alegórica dos cartos en euros costa arriba.[D-437]

Dende o comezo da vida de TADEGa, estivemos a traballar duro porque as nosas páxinas web (as centrais, as da bitácora, as do foro, e demais) foran o máis accesible posible. Non o facíamos para agradar nin para presumir. Sinxelamente é de seu que sexa así (máxime á vista dos obxectivos da asociación). Cremos que fixemos un bo traballo, e cremos tamén que aínda nos queda moito por arranxar.

Cando chegamos a un certo nivel no que xa había capacidade para poder dicir publicamente que algúns destes módulos xa eran accesibles conforme ao nivel doble A ou incluso (nalgúns casos) ao nivel triplo A das directrices de accesibilidade para o contido da Web 1.0 do W3C-AI, comezamos a traballar nun doble obxectivo:

  • Atrevernos, coa experiencia acadada, a ofrecela a outros para asesoralos en accesibilidade web. Por exemplo, por ter acadado o premio en accesibilidade do consorcio EGANET no 2007, é posible que na convocatoria deste ano poidamos formar parte do xurado desta modalidade.
  • Acadar a certificación de accesibilidade correspondente, tal e como a normativa legal vixente pide, especialmente, cando os sitios de internet teñen un carácter educativo, sanitario ou de servizos sociais (*). Incluso, aínda deixando o mandato legal a un lado: Como poderiamos esixir ou reclamar a alguén externo a nós que sexa accesible se nós mesmos non nos certificamos como tales?

Pois aí comeza o problema e a causa do artigo de hoxe: Quere vostede certificar a súa web? Non se preocupe, en España hai dúas opcións ata o de agora:

  • Opción A. Cita literal tomada da súa web: AENOR es una entidad sin ánimo de lucro dedicada al desarrollo de la normalización y la certificación (N+C) en todos los sectores industriales y de servicios. e máis adiante di: Internet es para todos.
  • Opción B. Cita literal tomada da súa web: Technosite, empresa especializada en tecnología y discapacidad de Fundación ONCE, ha certificado la accesibilidad de más de 50 sitios web en base a las Pautas de Accesibilidad al Contenido en la Web 1.0 (WCAG 1.0) del W3C/WAI. e máis adiante indica: Fruto de UWEM, en 2007 nace Euracert, marca europea de certificación de sitios web accesibles, convirtiendo a Technosite en la única organización española que expide este certificado de reconocimiento internacional.

Faranos falla un Robin Hood ou un Curro Jiménez? (**)

Pois tanto ten que sexa unha entidade sen ánimo de lucro como unha empresa especializada, a ambas lles pedimos un presuposto para certificarnos co resultado de que (incluíndo o IVE) por certificarnos achégannos presupostos que exceden, e bastante, do antigo millón de pesetas (6.000 euros) e para iso ¿só no nivel doble A e non da triplo A, e cunha certificación de só 2 anos de duración (xa que se inclúen revisións periódicas que deben ser pagadas). Podemos como asociación sen ánimo de lucro asumilo? Nin en soños. Ao mellor se fósemos un banco…

É certo que recentemente a Resolución de 22 de febreiro de 2008 (BOE número 71, de 22 de marzo de 2008), polo que se publica o convenio marco entre o antigo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (hoxe Ministerio de Traballo e Inmigración) e a Fundación ONCE se podería acceder a unha subvención parcial para certificarse, aínda así, estableceuse como criterio xeral que o importe subvencionable sería de dúas terceiras partes do total polo que, a entidade solicitante, debería achegar o terzo restante, hoxe imposible para nós, e que ademais, debemos ter en conta que que só subvencionarían certos proxecto escollidos xa que o orzamento non dá para todas as solicitudes.

Non sacamos conclusións, facédeo vós mesmo ¿Certificarse en accesibilidade web é so cousa a/de/entre/para ricos?

Citas e notas

  • [*] Real Decreto 1494/2007, de 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social, BOE do 21 de novembro de 2007.
  • [**] O título non pretende ser unha incitación á rebelión violenta nin nada polo estilo (un síntese obrigado a facer aclaracións estúpidas porque sempre pode haber alguén algo retorcido) senón unha incitación á reflexión da situación inxusta e sen saída que se está a xerar coas certificacións: doadas para ricos e imposibles para os outros.
  • Imaxe libre tomada do sitio web: www.freepixels.com
  • Como ven sendo habitual nos artigos desta serie, aquí tedes este artigo en español: www.opentrad.org/tradurl.php…

Cambiemos os estándares da UNESCO

Edición: 10 de Marzo de 2008 por Juan.

Imaxe de portada do documento que é obxecto de debate neste artigo. [D-392]

Un documento atrevido, importante e incompleto

Recentemente chegou ás nosas mans un substancioso documento en formato PDF titulado Estándares de competencia en TIC para docentes cuxa autoría é da UNESCO. Trátase dun documento consensuado con data recente (Londres, 8 de xaneiro de 2008) e nel se recollen os deseños de estándares / directrices / orientacións de competencias TIC destinadas aos docentes e máis aínda aos programas formativos dos docentes.

Que a UNESCO se atrevese a tanto xa é digno de eloxio, sobre todo se pensamos que de xeito automático se convirte nun referente universal para toda formación do profesorado sexa do país que sexa. O problema ven de que, ao noso xuízo, iste documento di moitas verdades, certo, pero cala outras e isto é grave. E de aí nace a nosa proposta para que sexa reformado de xeito que nel se recollan todos os elementos que, ao noso xuízo deben figurar nel.

A esencia do que falta

En síntese, que non se menciona en ningún sitio:

  • A atención á diversidade
  • A esencia da accesibilidade web como parte crucial de todo deseño para que no sexa excluínte para as persoas con discapacidade.
  • A esencia do deseñado para todos como etiqueta de toda construción dixital para que ninguén quede excluído do seu acceso.
  • A necesaria formación do alumnado nestes conceptos como parte da súa formación tanto ética como técnica.

¿Cambiamos isto?

Ben. Agora se trata de ampliar, afondar, mellorar, arranxar ises puntos para rematar construíndo unha proposta ben vertebrada de mellora deste documento ¿Quen se anima? Admítense suxestións.

Documentos que se citan

Lectura crítica do Real Decreto de accesibilidade

Edición: 2 de Decembro de 2007 por Antonio.

O Real Decreto

Moneco con cartel: crea webs accesibles.[D-247-1]

Real Decreto 1494/2007. do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social. (BOE, 21 de novembro 2007)

Introdución

Dende hai xa bastante tempo, as persoas implicadas dalgún xeito en todo o relativo ao mundo das necesidades educativas específicas e de apoio educativo estabamos agardando a publicación dunha lei que dunha vez por todas cubrise ou amparase as necesidades e os dereitos de acceso pleno aos servizos cidadáns, especialmente aos da información e comunicación (TIC) de todos os colectivos implicados, especialmente os vinculados ao mundo da discapacidade.

Non fai moitos días que se publicou este Real Decreto (ampliamente agardado e do que xa tiñamos noticia de borradores previos dende fai case un ano). A continuación faremos unhas breves reflexións sobre os seus contidos avaliando dende un punto de vista crítico aqueles aspectos que consideramos de especial importancia na comunidade educativa.

(more…) [Art. Nº 247]

Aprobada a lei da lingua de signos

Edición: 21 de Outubro de 2007 por Juan.

Fotografía tomada con motivo da aprobación desta lei.[D-199]

Aprobada a lei que recoñece a lingua de signos e os sistemas de apoio á comunicación oral

Seguindo unha atenta lectura do que se publica nos cadernos de bitácora amigos, atópome hoxe domingo con que o noso amigo Domingo (curiosa homofonía) ben de publicar unha noticia moi salientable no seu caderno de bitácora ( http://domingomendez.blogspot.com ). O pasado 10 de outubro aprobouse por unanimidade a lei que recoñece a lingua de signos e os sistemas de apoio á comunicación oral.
Facendo unha sinopse a vista de paxaro poderíamos sintentizala nos seguintes puntos:

  • Recoñécese legalmente a lingua de signos española.
  • As administracións educativas facilitarán a aprendizaxe da lingua de signos española e dos sistemas de apoio á comunicación.
  • As persoas xordas e con discapacidade auditiva poderán solicitar intérpretes e medios de apoio á comunicación nos servizos básicos.
  • Créase o Centro de Normalización da Lingua de Signos.
  • O Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción, xa en funcionamento, impulsará a accesibilidade dos produtos audiovisuais.

Dentro do que máis nos afecta aos educadores debemos indicar que, tal e como se informa na web do MTAS (Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais):

Polo que se refire á aprendizaxe, o proxecto de lei establece que as administracións educativas disporán o necesario para promover a aprendizaxe da lingua de signos española ao alumnado xordo, con discapacidade auditiva ou xordocego que libremente opte por esta lingua. No caso de que esta persoa sexa menor de idade ou estea incapacitada, a elección corresponderá aos pais ou representantes legais. Ademais, garantirase a aprendizaxe da lingua oral e dos medios de apoio á comunicación ás persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas usuarias destes sistemas.

Máis información:

25 aniversario da LISMI

Edición: 7 de Maio de 2007 por Felo.

camiño non adaptado [D]

O Congreso dos Diputados ven de acoller unhas xornadas para conmemorar istes 25 anos da lei que se ben supuxo o primeiro esforzo pola non discriminación, integración escolar, igualdade de oportunidades, prestacións económicas, accesibilidade (lexislación), etc. das mulleres e homes con algunha discapacidade, en moitos ámbitos semella que os 25 anos non chegaron para moito.

Coido que aínda queda un longo camiño…

A accesibilidade nas Cortes

Edición: 16 de Abril de 2007 por Juan.

Un dos logotipos de accesibilidade [D]

Segundo se veñen de facer eco nos distintos medios de comunicación, este venres (13 de abril) o Consello de Ministros acaba de remitir ás Cortes o

Proyecto de Ley de Medidas de Impulso de la Sociedad de la Información

E, dentro das numerosas medidas que nel se establecen figura:

Internet más accesible para discapacitados y personas de edad avanzada.
Se establece que las páginas de Internet de las Administraciones Públicas satisfarán el nivel medio de accesibilidad, según los criterios de accesibilidad generalmente reconocidos, antes del 31 de diciembre de 2008.
Este mismo requisito será aplicable a las páginas con financiación pública, a las páginas de las empresas que gestionen servicios públicos y a las empresas obligadas a facilitar un medio de interlocución telemática con sus clientes.

Para algúns podería pasar desapercibido este asunto, aínda que é da máxima revelancia ¿Por qué? Aínda que a accesibilidade (web ou de calquera outro tipo) está contemplada pola ONU como un dereito universal e España está adherida a esta convención, e aínda que tamén a Unión Europea establece esta máxima, en España aínda non se lle deu “forma legal precisa” á accesibilidade, e menos aínda, á accesibilidade web. Ata agora, as únicas normas legais que fixan, no estado español, a accesibilidade web son:

  • A LIONDAU (LEY 51/2003, de 2 de diciembre, de igualdad de oportunidades, no discriminación y accesibilidad universal de las personas con discapacidad).
  • A LSSICE (LEY 34/2002, de 11 de julio, de servicios de la sociedad de la información y de comercio electrónico).

O conto é que estas leis abordan a accesibilidade de xeito xeral, e demandan a accesibilidade web de xeito obrigatorio para todas as administracións públicas e para todos os organismos e entidades sostidos con fondos públicos. Pero sen prazos de tempo para cumprirse nin xeitos de decir exactamente qué tipo de accesibilidade nin qué nivel.

Todos agardabamos a que aparecese unha norma que explicitase estes termos e, segundo os borradores aos que tivemos acceso, exixíase:

  • Que este nivel de accesibilidade se acadase no 2007.
  • Que fose baixo a normativa WAI-W3C nivel AA.
  • Que fose certificable mediante un organismo externo como pode ser, por exemplo, AENOR.

Sexa como fose agora aparece este proxecto a debater nas Cortes ¿Será esta a concretización agardada? ¿Terá ese nivel de concretización ou buscarán portas traseiras para burlala? Non é baladí o resultado final que poidan deliberar “as súas señorías” e tanto os medios de comunicación como os “cidadáns de a pé” non parecen estar moi preocupados por este “asuntiño” á vista doutros aparentemente máis relevantes ¡Escoita que chove!

Para máis información, consultar en: