Logotipo de TADEGa.net




Artigos do mes de Outubro de 2008

Pregúntame sobre accesibilidade e axudas técnicas.

Edición: 25 de Outubro de 2008 por Felo.

Libro Accesibilidade. [D-573]

Esta Guía pretende dar resposta á demanda de información técnica e de orientación sobre como facer accesibles determinadas situacións, espazos, servizos e actividades dentro do campo da discapacidade e as persoas maiores; a Guía contou co apoio do IMSERSO , da Obra Social Caixa Madrid e de Telefónica, contando para a súa elaboración cos profesionais de “Alianzas para el Desarrollo Económico y Social” (ALIDES), do Centro Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (CEAPAT-IMSERSO) e do Instituto de Biomecánica de Valencia.

Enlaces de interese

A Istoria de vida de Ángel

Edición: 23 de Outubro de 2008 por Avespa con mantelo.

Libro Angel. [D-569]

A autora deste libro, Lourdes, ten moito interese en amosarnos e informarnos de que, ¡por fin!, saíu publicado o libro da Istoria de Vida de Ángel. Parálise cerebral, normalidade e comunicación (produto dunha parte da súa tese).

Esta publicación é importante para Lourdes e para P. Ángel (protagonista da Istoria). Non só polo que supón a nivel persoal, senón porque, cando empezaron con este proxecto, un dos seus desexos (que se converteu en compromiso) era facer todo o que fose posible para que a Istoria de Vida fose publicada. Porque é un texto máis (sabemos que aínda son insuficientes) que pretende axudar a ter unha mirada máis normalizadora ante as persoas con discapacidade - diversidade funcional (en particular, a derivada da parálise cerebral).

Por iso, porque queremos que se divulguen as súas vidas desde as súas propias miradas, deixou atrás o pudor e aquí nos comenta o libro. De seguro que hai mais casos como o voso de familias que ao mellor non escriben libros, pero que teñen o compromiso de loitar ata as últimas consecuencias pola dignidade da súa filla, ou de seu fillo.

Parabéns.

Enlaces de interese

Curso de dislexia

Edición: 21 de Outubro de 2008 por miguez99.

Libro dislexia. [D-567]

Pois ahí vai o prometido, finalmente asistín ao I curso de verán: “Dislexia: novos retos na súa intervención interdisciplinar”, que se celebrou en Vilagarcía do 15 ó 19 de setembro e do que vos fago un pequeno resumo.

  1. Definición de dislexia e tipos
  2. Avaliación psicopedagóxica da dislexia
  3. Pautas de intervención na dislexia
  4. Conclusións finais e referencias bibliográficas

Definición de dislexia e tipos

En termos xerais, dislexia pode definirse como un trastorno específico e persistente da linguaxe escrita, caracterizado principalmente por dificultades na exactitude e automatización lectora e escritora. É, unha dificultade conxénita, hereditaria, cunha base neurolóxica, non pode ser explicada por deficiencias visuais ou auditivas, por trastornos emocionais ou condutuais, por retraso mental, nin por situacións educativas “anormais” (ausencias prolongadas ou repetidas a clase, metodoloxía de ensinanza inapropiada, cambios frecuentes de profesores ou centros,…).
Dislexia non ten nada que ver coa intelixencia, non se relaciona so con dificultades para ler e escribir con fluidez, é unha forma de tratar a información.
De seguido unhas alternativas terminolóxicas para que nos fagan reflexionar da importancia de usar unhas expresións ou outras:

  • Neurodiversidade versus Dislexia
  • É disléxico vs Ten dislexia
  • Foi identificado como disléxico vs Foi diagnóstico como disléxico
  • Adaptacións para disléxicos vs tratamento para disléxicos
  • Diferenzas específicas de aprendizaxe vs dificultades específicas de aprendizaxe
  • Traballo mellor se uso vs teño medo de precisar unha gravadora/papel pautado,…

Existen varios tipos de dislexia:

  • Dislexia evolutiva ou madurativa: cando aparecen dificultades no alumnado que inician a aprendizaxe, e que persisten mais alá dos primeiros anos de instrución.
  • Dislexia adquirida: trátase dunha perda das funcións lectoras que inician a aprendizaxe producida por unha lesión cerebral. Existen 3 tipos: fonolóxica, superficial ou mixta.

Atraso lector: a diferenza da dislexia evolutiva, aquí xa existe unha causa concreta. A dificultade lectora pode ter unha orixe intelectual unha falta de motivación ou unha precaria escolarización.

Avaliación psicopedagóxica da dislexia

Antes dos 5 anos de idade, resulta moi arriscado a identificación. A partir de esta idade pódese identificar “sinais de risco para a aprendizaxe da lectoescritura” e iniciar un traballo de estimulación da linguaxe.

Recollerase información sobre: datos da linguaxe escrita (falta de exactitude lectora e escritora, velocidade lectora, unión e fragmentación de palabras, dificultades de comprensión lectora,…), datos da linguaxe oral ( retraso na adquisición da fala, linguaxe espontáneo confuso, dificultade no etiquetado verbal ou capacidade para nomear automáticamente obxectos coñecidos, …), e outros indicadores ( dificultades para seguir instrucións, confusión co vocabulario que ten que ver a orientación espacial, dificultades para aprender a ler o reloxo e usar o diñeiro,…).

Instrumentos de avaliación: WISC , Raven , Bady-G , TALE , PROESC, , DN-CASS , PPIC , CUMANIN.

Pautas de intervención na dislexia

  • Necesidade dunha adaptación na avaliación en canto a tempo e modalidade: oral ou escrita.
  • Método Orton-Gillingham: diccionario clasificado por cores, aprendizaxe das letras por cores e sons, ensinanza multisensorial, letra de imprenta (mellor que ligada).
  • Utilización do Tablet PC e do encerado dixital interactivo para potenciar certos aprendizaxes así como os audiolibros da ONCE.
  • Utilización de materiais e clubes de lectura fácil (Editorial Almadraba)

Conclusións finais e referencias bibliográficas

Existen varios tipos de intervención: preventiva (antes do inicio da aprendizaxe da lectoescritura, mellorar as habilidades perceptivo-motrices e lingüísticas), directa (durante o proceso de aprendizaxe da lectoescritura, mellorar a velocidade e comprensión lectora) e correctiva ou compensatoria (eficacia lectora, ortografía arbitraria, discurso escrito).
Entre outras referencias bibliográficas, hai que destacar:

  • Outón Oviedo, Paula (2004). Programas de intervención con disléxicos. Diseño, implementación y evaluación. Madrid. CEPE.
  • Outón Oviedo, Paula (1996). Adaptación del test de dislexia Bangor al castellano y al gallego. Tese de Licenciatura. Facultade de Filosofía e CC da Educación. Universidade de Santiago de Compostela.
  • Web da Asociacion Lectura Fácil: www.lecturafacil.net
  • Portal de recursos SoloProfes: www.soloprofes.com
  • Web do congreso: www.ladislexia.es
  • Editorial Almadraba: www.almadrabaeditorial.com/

Hai que destacar a intervención entre outros ponentes de Paula Outón (Profesora da Facultade de Ciencia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela) e de José Antonio Portellano Pérez (Profesor da Facultade de Psicoloxía da Universidade Complutense de Madrid) así como de representantes da Asociación Catalá de Dislexia, Asociación Portuguesa de Dislexia e a Asociación Galega de Dislexia.

Como remate unhas frases (en castelán):

“No importa en que idioma, no importa en que país, no importa a que edad, la dislexia está en todas partes”. Asociación Europea de la Dislexia.
“Educar es encontrar y hacer que se desarrolle el tesoro escondido que hay dentro de cada niño y niña”. Jacques Delors.

Enlaces de interese

  1. Ligazón ao artigo do Congreso Nacional de Dislexia: TADEGa
  2. Ligazón á web do Curso de Verán sobre Dislexia: Curso de Verán en Vilagarcía-Programa
  3. Ligazón á información do Curso na USC: Información do Curso de Verán na USC

Sclera pictos

Edición: 16 de Outubro de 2008 por Felo.

Sclera. [D-565]

Pois mira ti que casualidade que buscando, buscando… hai coma dous meses que os amigos de (1) Sclera, actualizaron o seu banco de imaxes engadindo o castelán e chegando agora ata os 1126 elementos.

Xa os temos no (2) Banco Multimedia de TADEGa.

Grazas

Referencias que se citan

(1) Páxina web de Sclera Picto’s: www.sclera.be

(2) Banco multimedia de TADEGA: www.tadega.net/Fotos

Congreso Inico

Edición: 13 de Outubro de 2008 por Felo.

congreso inico [D-561]

Un ano mais recibimos a interesante información (1) do Congreso do INICO, que iste ano leva por título “Mellorando resultados persoais para unha vida de calidade”. Será o vindeiro 18 de marzo en Salamanca e como poderedes ver (2) haberá conferencias, mesas de Ponencias, comunicacións, obradoiros e reunións de profesores de universidade do ámbito de la diversidade.

Enlaces que se mencionan

(1) http://inico.usal.es/jornadas2009
(2)Documento coa lista de ponentes confirmados

Unha loita… na guerra.

Edición: 8 de Outubro de 2008 por Felo.

tadega on demand [D-558] Se vos fixades na nosa canle de Televisión (1), veredes que xa se poden pedir vídeos a demanda en lugar de mirar a programación completa.

Dentro deses vídeos podedes ver un exemplo do que hoxe reivindicamos como un dereito: a asistencia persoal.

A un rapaz que se lle anula o seu dereito á asistencia personal, o están a facer coa ferramenta que lle permitiría aceder ás mesmas oportunidades que os outros rapaces. Menoscaban a súa dignidade mentras baixan a mirada. As familias teñen que interpoñer recurso de alzada, o Defensor do Pobo, apelar á competencia de Nacións Unidas (con jurisdición na materia porque España adheriuse ao Protocolo)… e que un rapaz non precisa unha compensación económica de 800 ou 1000 euros.

Dentro da canle de TADEGA, hai un paquete completo formado por 4 videos da ULOBA (2)… que é un proxecto de asistencia desexado, que non fala de utopías e que agardamos que algún día… algún día… sexa posible aquí. Agardo que o vídeo de Brita (11 anos) axude a comprender a loita de moitas persoas que seguro temos ao carón.

As loitas de cadaún de nós, é a guerra de TADEGA.

Enlaces que se mencionan

(1) http://www.tadega.net/tv.php
(2)Paxina web de www.uloba.no (en inglés)

Aplicación recoñecemento de señas.

Edición: 6 de Outubro de 2008 por Ana.

Unha iniciativa premiada

Mans enlazadas [D-552]
Foron Juan Pablo Hernández Vogt, Pablo Novara e Javier Godoy; todos eles estudiantes da Facultade de Inxeniería e Ciencias Hídricas ou FICH, en Santa Fe (Arxentina).

Os tres foron os responsables do traballo que obtivo o primeiro premio do Concurso EST 2008 que se fai con motivo de difundir as actividades académicas realizadas no marco das carreiras universitarias de Informática e Ciencias da Computación, en Santa Fe.

O programa creado é un software que emprega elementos de baixo custe, como é unha cámara web de resolución media, que está adaptado a situacións cotidianas, de luz común, e que non ten necesidade de utilizar guantes. Así, en contextos naturais, a cámara web capta os xestos manuais feitos polo usuario, que son procesados, recoñecidos e interpretados no ordenador en tempo real, cunha eficacia demostrada superior ao 87 por cento.

Os xestos recoñecidos poden ser empregados de moitas formas e para diversos fins. Con algunhas modificacións, mesmo podería controlar toda unha presentación audiovisual a distancia, prescindindo de teclado e rato, e ata podería derivar nun software de recoñecemento de lingua de señas para as persoas xordas.

A cousa promete, dende logo, posto que se a aplicación tivera a difusión necesaria e contase co equipo preciso, moitas persoas con necesidades específicas no acceso ao ordenador e/ou á comunicación poderían verse favorecidas.

Así pois, desexámoslle a mellor das sortes.