Logotipo de TADEGa.net




Artigos do mes de Agosto de 2008

Na presentación do navegador ZAC

Edición: 17 de Agosto de 2008 por mamiago.

Así a sentín eu

Iago con Iago Seara na presentación do Navegador Zac. [D-511]

O pasado xoves, organizada pola asociación TADEGa, asistimos no MUPEGA en Santiago, á presentación do navegador Zac (1). Iago e Diego foron a miña sorpresa (2): Estiveron alí uns minutos antes de comezar. A pesar do diagnóstico de TEA, o meu fillo Iago é moi sociable, e deixouse querer.

Entre os asistentes estaban a tía e o tío dun meniño que tamén ten unha bitácora De la Mano Contigo (3) e dúas nais máis, unha delas conta a súa historia en La Sonrisa de Arturo (4). Tamén unha representación de Autismo Galicia (5).

Alegroume gratamente sentir novamente, pero en vivo e en directo, a través de Iago Seara, a bondade da aplicación creada por John LeSieur, o seu proxecto difúndese gratuitamente. Aledoume tamén saber que está posta en marcha a seguinte versión con importantes cambios, entre eles, a posibilidade de decidir que enlaces amosar, ou crear unha biblioteca mundial de enlaces onde a comunidade usuaria con perfil de administración (nais e pais, titores/as, profesorado… ) poderá buscar ou deixar, os que cada quen considere máis axeitados.

Iago expuxo o seu traballo dentro do equipo español do ZAC, enxalzando o labor doutras colaboracións e amosounos algo máis de John LeSieur, a súa mocidade e a súa inquietude por lograr novas versións máis elaboradas e accesibles.

A Iago vino como a unha persoa excepcional, familiar, agradable, doce, preocupado por resolver as inquietudes e concienciado en conseguir que este proxecto para nenos e nenas con autismo poida ser, como dicíamos alí, un navegador sen apelidos, para todas e todos. Simplemente, o Navegador Zac.

Enlaces relacionados

Fundación Adapta

Edición: 16 de Agosto de 2008 por Ana.

Logotipo de Adapta. [D-503]

O 24 de outubro do 2007 constituíuse a Fundación Adapta, unha organización sen ánimo de lucro creada por diferentes entidades e persoas, todas elas con experiencia no mundo das novas tecnoloxías de apoio. A través delas e da súa investigación científica, así como da cooperación cos países que o precisen, a Fundación Adapta ten como fin mellorar a calidade de vida das persoas con autismo e/ou con discapacidade intelectual. Con esta fin comprométese a destinar o 50% dos beneficios que obteña a Fundación a accións de apoio ao seu desenvolvemento.

E, tras a súa constitución, a súa páxina Web (1). Entre outros servicios, a través dela teremos acceso a dous portais de gran interese para os que estamos comprometidos e comprometidas coa atención á diversidade e as novas tecnoloxías. Ambos os dous portais están a piques de se abrir ao público tras varios anos de traballo: o portal Miradas de Apoio, do Grupo de Autismo e Dificultades de Aprendizaxe da Universidade de Valencia, e un portal de e-learning para cursos a distancia. Baixo a filosofía da Aprendizaxe Centrada na Persoa ou PCP, o portal Miradas de Apoio ofrece unha serie de servizos e ferramentas sostidos por grupos de apoio centrados na persoa. E, pola súa banda, o portal e-learning para a formación a través de internet ofrecerá información oficial para o emprego das diferentes ferramentas que nos ofrecen as novas tecnoloxías aplicadas ao trastorno autista e a discapacidade intelectual.

Así mesmo, través da páxina oficial da Fundación Adapta poderemos acceder a noticias e a publicacións científicas de interese no ámbito da atención á diversidade e as novas tecnoloxías.

A Web é, dende logo, unha páxina todavía en crecemento, ao igual ca Fundación que a xestou. Sen embargo, a calidade dos seus integrantes nos leva a pensar que en breve se ha de convertir nunha páxina de visita obrigada para todos os que participamos con eles do interese polas novas tecnoloxías e a atención a diversidade. E esperamos que así sexa.

(1) Enlace á páxina da Fundación Adapta

Campamento para infancia con autismo

Edición: 7 de Agosto de 2008 por Ana.

Campamento de verán [D-506]

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade colabora neste mes de agosto co programa “Nos vamos de campamento” da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista ou ASPANAES, que vai ter lugar no Poboado das Veigas, en As Pontes (A Coruña).

O programa está formulado co fin de desenvolver actividades de tempo libre para os participantes e dar un pequeno respiro as familias. Ten unha duración dunha semana e vai destinado a un total de 40 nenos e adultos con trastorno autista.

Así, mentres as familias poden descansar do forte estrés que supón o coidado destes nenos e nenas, os rapaces e rapazas, sempre acompañados por persoal especializado, poderán desfrutar dun tempo de lecer no que se desenvolverán actividades de xogo ao aire libre como sendeirismo, excursións á praia e a parques temáticos, deportivas, saídas culturais e mesmo sesións de cine.

Por outra banda, e sen descoidar o compoñente lúdico do campamento, coas actividades deseñadas tamén se pretende o traballo e fomento nos coidados persoais cotidianos, así como nos hábitos e nas costumes sociais, a través da convivencia e da participación activa de tarefas domésticas e de autonomía personal.

Esperamos que propostas como esta se xeneralicen ao resto de Galicia.

Presentación do navegador Zac

Edición: 2 de Agosto de 2008 por mamiago.

páxina de xogos no navegador Zac[D-504]

O próximo día 14 de agosto, no MUPEGA (1), en Santiago de Compostela, ás 10:30 da mañá, haberá una presentación informal do NAVEGADOR ZAC (2) a entrada é libre e gratuíta, está organizada pola xente de TADEGa e será Iago Seara quen en representación do equipo de traballo español para o ZAC, faranos unha presentación do mesmo, dun modo informal. Se alguén está interesado en ir, non ten máis que presentarse alí. (Museo Pedagóxico de Galicia, Rúa San Lázaro 107, Santiago de Compostela; aínda que se nos avisas mellor, para ter conta de que chegue o sitio).

A modo persoal teño que dicirvos que xa tan só pola bondade do proxecto vale a pena. Trátase dun navegador creado para que nenos con autismo poidan utilizar internet sen que iso supóñalles unha frustración. Trátase de facilitarlles o acceso a unha serie de enlaces que lles resultan amenos e divertidos, de modo sinxelo. Podedes informarvos máis amplamente na páxina do navegador Zac (2).

Como seguramente saberedes, Iago Seara, como cabeza visible deste proxecto en España e Galicia, está traballando tamén na tradución ao Galego desta ferramenta, onde ademais TADEGa está colaborando recompilando enlaces moi divertidos, á vez que didácticos.

Ligazóns de interese:

(1) Enlace á páxina do MUPEGA coa súa localización

(2) Enlace á páxina do navegador ZAC en castelán

V Edición Premio Internacional ONCE

Edición: 4 de Outubro de 2007 por Luluxa.

V Edición Premio Internacional ONCE de Investigación y Desarrollo en NNTT para ciegos y deficientes visuales

Convocados con periodicidad bienal, los Premios Internacionales ONCE de I+D en Nuevas Tecnologías para Ciegos y Deficientes Visuales se destinan al fomento de desarrollos tecnológicos que contribuyan de manera sustancial a facilitar la integración y normalización de las personas ciegas o deficientes visuales. La aportación económica tiene por objeto contribuir al desarrollo de proyectos de calidad, con viabilidad contrastada y con posibilidades de promover avances significativos que ayuden a corregir o superar las limitaciones que, por su discapacidad, tienen las personas afectadas por ceguera o deficiencia visual

El plazo de recepción de los trabajos se inicia el 1 de octubre de 2007 y concluye el 5 de septiembre de 2008.

Enlace a la documentación del Premio ONCE I+D