Logotipo de TADEGa.net




Artigos do mes de Abril de 2008

Acción Mundial pola Educación

Edición: 21 de Abril de 2008 por Felo.

semana mundial educacion[D-442]

Baixo o lema “Superemos a exclusión, Calidade no ensino” ¡Pon a túa peza! Todas contan. Este 23 de abril ás 12h, nas cidades de Vigo, A Coruña e Santiago, centos de alumnos, alumnas, mestres, organizacións, autoridades políticas e público en xeral, uniranse para construír un puzzle de grandes dimensións no que se escribirán as demandas e propostas que buscan mellorar a situación educativa de 77 millóns de nenos e nenas aínda non escolarizados no mundo.

Para confirmar o lugar de realización, escribir a mbeltran@intermonoxfam.org

Notas para a accesibilidade web (VI)

Edición: 18 de Abril de 2008 por Juan.

Ser accesible non é o mesmo que certificarse

Imaxe alegórica dos cartos en euros costa arriba.[D-437]

Dende o comezo da vida de TADEGa, estivemos a traballar duro porque as nosas páxinas web (as centrais, as da bitácora, as do foro, e demais) foran o máis accesible posible. Non o facíamos para agradar nin para presumir. Sinxelamente é de seu que sexa así (máxime á vista dos obxectivos da asociación). Cremos que fixemos un bo traballo, e cremos tamén que aínda nos queda moito por arranxar.

Cando chegamos a un certo nivel no que xa había capacidade para poder dicir publicamente que algúns destes módulos xa eran accesibles conforme ao nivel doble A ou incluso (nalgúns casos) ao nivel triplo A das directrices de accesibilidade para o contido da Web 1.0 do W3C-AI, comezamos a traballar nun doble obxectivo:

  • Atrevernos, coa experiencia acadada, a ofrecela a outros para asesoralos en accesibilidade web. Por exemplo, por ter acadado o premio en accesibilidade do consorcio EGANET no 2007, é posible que na convocatoria deste ano poidamos formar parte do xurado desta modalidade.
  • Acadar a certificación de accesibilidade correspondente, tal e como a normativa legal vixente pide, especialmente, cando os sitios de internet teñen un carácter educativo, sanitario ou de servizos sociais (*). Incluso, aínda deixando o mandato legal a un lado: Como poderiamos esixir ou reclamar a alguén externo a nós que sexa accesible se nós mesmos non nos certificamos como tales?

Pois aí comeza o problema e a causa do artigo de hoxe: Quere vostede certificar a súa web? Non se preocupe, en España hai dúas opcións ata o de agora:

  • Opción A. Cita literal tomada da súa web: AENOR es una entidad sin ánimo de lucro dedicada al desarrollo de la normalización y la certificación (N+C) en todos los sectores industriales y de servicios. e máis adiante di: Internet es para todos.
  • Opción B. Cita literal tomada da súa web: Technosite, empresa especializada en tecnología y discapacidad de Fundación ONCE, ha certificado la accesibilidad de más de 50 sitios web en base a las Pautas de Accesibilidad al Contenido en la Web 1.0 (WCAG 1.0) del W3C/WAI. e máis adiante indica: Fruto de UWEM, en 2007 nace Euracert, marca europea de certificación de sitios web accesibles, convirtiendo a Technosite en la única organización española que expide este certificado de reconocimiento internacional.

Faranos falla un Robin Hood ou un Curro Jiménez? (**)

Pois tanto ten que sexa unha entidade sen ánimo de lucro como unha empresa especializada, a ambas lles pedimos un presuposto para certificarnos co resultado de que (incluíndo o IVE) por certificarnos achégannos presupostos que exceden, e bastante, do antigo millón de pesetas (6.000 euros) e para iso ¿só no nivel doble A e non da triplo A, e cunha certificación de só 2 anos de duración (xa que se inclúen revisións periódicas que deben ser pagadas). Podemos como asociación sen ánimo de lucro asumilo? Nin en soños. Ao mellor se fósemos un banco…

É certo que recentemente a Resolución de 22 de febreiro de 2008 (BOE número 71, de 22 de marzo de 2008), polo que se publica o convenio marco entre o antigo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (hoxe Ministerio de Traballo e Inmigración) e a Fundación ONCE se podería acceder a unha subvención parcial para certificarse, aínda así, estableceuse como criterio xeral que o importe subvencionable sería de dúas terceiras partes do total polo que, a entidade solicitante, debería achegar o terzo restante, hoxe imposible para nós, e que ademais, debemos ter en conta que que só subvencionarían certos proxecto escollidos xa que o orzamento non dá para todas as solicitudes.

Non sacamos conclusións, facédeo vós mesmo ¿Certificarse en accesibilidade web é so cousa a/de/entre/para ricos?

Citas e notas

  • [*] Real Decreto 1494/2007, de 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para o acceso das persoas con discapacidade ás tecnoloxías, produtos e servizos relacionados coa sociedade da información e medios de comunicación social, BOE do 21 de novembro de 2007.
  • [**] O título non pretende ser unha incitación á rebelión violenta nin nada polo estilo (un síntese obrigado a facer aclaracións estúpidas porque sempre pode haber alguén algo retorcido) senón unha incitación á reflexión da situación inxusta e sen saída que se está a xerar coas certificacións: doadas para ricos e imposibles para os outros.
  • Imaxe libre tomada do sitio web: www.freepixels.com
  • Como ven sendo habitual nos artigos desta serie, aquí tedes este artigo en español: www.opentrad.org/tradurl.php…

Notas para a accesibilidade web (V)

Edición: 11 de Abril de 2008 por Juan.

O ‘ABC’ da accesibilidade web

‘Palabras ao vento’: a frol dun ‘dente de león’ cando sopramos sobre ela.[D-434-1]

Nesta longa tempada na que ando a falar de accesibilidade web deixando sementes, avisos, ou mesmo un par de incómodas preguntas nalgunha bitácora, atópome con caras raras, de asombro, de xente que parece dicir E como é iso? Eu non sabía nada. E parece difícil: paga a pena? Estas preguntas nun faladoiro de café non nos deberan estrañar ata certo punto, porque ata o que crava puntas (que me desculpe polo atrevemento de citalo así) capta sen dificultade o propósito dun signo braille nos botóns do ascensor ou o da rampla de acceso dun portal e, mire vostede, lles parece estupendo, polo que non se asombran moito cando se razoa que o mesmo coidado precisa o uso da palabra física ou virtual (iso é o de menos).

O que me deixa algo abraiado é que estas preguntas chas fagan dende a propia Educación, dende o profesorado supostamente máis avantaxado e posto ao día. E aí esnaquízome.

No fondo, que é a accesibilidade web?

Un muro branco de espuma non pode co verdor dun vello tronco.[D-434-2]

Todo isto ven a que sempre remato estas pescudas caendo na conta de que, no fondo, non entendemos de verdade o que é a accesibilidade web. Vémola como a incómoda imposición virtual da ética, que bate contra liberdade de expresión porque coarta a nosa expresividade pública, etc., etc., etc.

O difícil está en explicar axeitadamente (facéndose entender) que a accesibilidade web non é nada diso, é outra cousa diferente e fundamental que reside mesmo no medula da docencia. Non sabía como explicalo (son así de torpe) ata que lembrei unhas palabras de Lázaro Carreter que traio aquí de xeito literal para non contaminalas (por aquelo de que onde hai patrón non manda mariñeiro):

Hablar, responder bien, es hacerlo juiciosamente, meditando lo que se dice, sin caer, claro, en el extremo de la apremiosidad. Nos falta por completo una pedagogía generalizada de la expresión oral pública. Todo educador francés recibe al obtener su título un memorándum ministerial en el que se contiene, entre otras muchas, la siguiente advertencia: Hablar bien no es hablar con elocuencia, ni siquiera con facilidad. De ordinario, el que habla fácilmente tiene pocas cosas que decir. Es que su pensamiento no le ofrece resistencia y lo viste con trajes confeccionados. Hablar bien no es hablar con fluidez sino hablar con precisión. Puede titubearse cuando el titubeo obedece al deseo de ser fiel a los hechos y a las ideas. Habla bien […] el que actúa como árbitro entre su pensamiento y su expresión. Hay que habituar a nuestros alumnos, cuando hablan, a ser severos consigo mismos, a dudar, a tantear, en lugar de decir cualquier cosa.

Grazas mestre, grazas D. Lázaro.

Non creo que os listiños da clase deberan tardar moito en razoar que, o dito para a expresión oral pública haberá que facelo extensivo á expresión dixital pública, onde a palabra non é a única forma a arbitrar xa que tamén temos inxentes e renovados medios multimedia que entran nesa regulación, que non só se prestan a fiar o discurso, senón que tamén moldean o seu entramado e ata parte das regras de xogo. E por favor, non o esquezamos nunca: expresión dixital pública significa que é PARA TODAS E TODOS incluíndo tamén as persoas con discapacidade ou as que teñen un computador antigo e lento, etc., etc., etc.

Como dixo o da canción No estaré ni un sólo día cansado de soñar…

Citas e anotacións

  • As imaxes deste artigo (o dente de león esparexendo a súa semente ao aire, e o muro branco abaténdose sobre o cepo verde) proveñen da bitácora mimesis.perublogs.com a que lle agradecemos a súa xentileza.
  • A cita de Lázaro Carreter provén do libro: ‘El dardo en la palabra’ de Fernando Lázaro Carreter da editorial ‘Galaxia Gutenberg’, 4ª edición, Barcelona, 1999.
  • Como ven sendo habitual nos artigos desta serie, aquí tedes este artigo en español: www.opentrad.org/tradurl.php… Aviso, ao haber citas literais en español no propio artigo, e ao ser a tradución deste enlace feita por unha máquina, o resultado pode resultar algo confuso. Invitamos dende aquí a unha lectura directa do orixinal que non custará moito traballo. Graciñas e desculpade as molestias.

A Santiago de Chile

Edición: 9 de Abril de 2008 por Ana.

Imaxe da Universidade de Santiago de Chile.[D-426]

Seguimos a estela de profesionais cunha traxectoria de calidade tan fascinante como a de Manuel Gómez Villa, Emilio Ivars Ferrer e Francisco Javier Soto Pérez, da Consejería de Educación, Ciencia e Investigación do Goberno de Murcia, e os atopamos en Santiago de Chile, cidade onde desenvolverán o seminario “Herramientas TIC para la Comunicación Aumentativa en Educación Especial”. Isto terá lugar do 21 ao 25 de abril, na escola de Psicoloxía de San Xaquín.

O seminario, formulado cun deseño teórico-práctico, ten como fin dar a coñecer formas de comunicación aumentativa, que permiten, dunha parte, promover e apoiar a fala e, doutra, garantir un sistema de comunicación alternativo á fala cando ésta non é posible.

Todo un exemplo de cando as cousas se fan ben.

Máis información na páxina Web do CeDeti.

Competencias básicas

Edición: 8 de Abril de 2008 por Felo.

Logotipo do Centro de Formación e Recursos da Coruña.[D-424]

O Centro de Formación e Recursos da Coruña, organiza un curso que se celebrará en xuño sobre competencias básicas e no que contarán cun programa moi interesante:

  • 3 de xuño: Competencias básicas e práctica educativa: avalición das competencias por Don José Graña Carrodeguas, Subdirector Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do sistema educativo.
  • 4 de xuño: Metodoloxía na aula e desenvolvemento de competencias básicas: unha interesante relación por Dona Estela D’Angelo Menéndez da Universidade Complutense de Madrid e Presidenta da Asociación Española de Lectura e Escritura.
  • 5 de xuño: Repensar a aprendizaxe das matemáticas: competencia matemática para comprender o mundo por Don Ángel Carlos Gallego Lázaro da Universidade Ramón Llull de Barcelona.

Así que animádevos, difundídeo e matriculádevos.

Referencia para inscribirse na páxina web do Sistema de Xestión da Formación do Profesorado (FPROF): C0702009