Logotipo de TADEGa.net




Artigos do mes de Marzo de 2008

Cal é a maior discapacidade?

Edición: 18 de Marzo de 2008 por jolfaga.

Carátula do disco ‘Miss Saraievo’.[D-404]

A explicación

Miss Saraievo é unha canción (1) dun álbum sinxelo do conxunto U2. Foi composta por Bono e interpretada por el xunto a Luciano Pavarotti, The Edge e Brian Eno durante un concerto de Pavarotti en Verona, Italia. Destaca a voz de Pavarotti, xunto a de Bono e os violíns. A canción -e o videoclip- tratan dun suceso ocorrido durante a Guerra da antiga Iugoslavia, na cidade de Saraievo, Bosnia-Herzegovina. Esta cidade era atacada polos serbios, os musulmáns e os croatas. Neste conflito morrían diariamente centenares de persoas. No medio do caos, algúns cidadáns crearon un concurso de beleza. Gravaron o momento e transmitírono en vivo nun espectáculo de Verona, Italia (2).

Durante o videoclip que vos animamos a ver e escoitar no enlace de Youtube que vos engadimos ao final deste artigo (1), podemos ver como as participantes no concurso de Miss Saraievo mostran un cartaz co lema Don’t let them kill us (Non permitades que nos maten).

A reflexión

Cal é a maior discapacidade? Non é complexo respostar, cando unha persoa morre a mans doutra todo queda discapacitado, esnaquizado, nada queda no seu sitio. De todo o edificio do verdugo só queda en pé o que para nada vale, o resto desvaneceuse. Só se pode pedir unha cousa: non lle fagamos sitio á indiferencia, sería criminal.

Enlaces que se citan

  1. Enlace a Youtube para ver e escoitar o videoclip: www.youtube.com/watch?v=u4VM41immWI
  2. Información obtida da wikipedia no enderezo: es.wikipedia.org/wiki/Miss_Sarajevo

Asomarse ao autismo (II)

Edición: 17 de Marzo de 2008 por Juan.

Imaxe invitando a ver o autismo doutro xeito. [D-401]

Isto xa ven de atrás

Contaba eu non fai moito (1) a miña curiosidade infinita sobre sobre como viven as persoas con discapacidade ou como sinten, tanto eles como os seus familiares máis achegados, que podemos ou debemos facer, ou como nos debemos conducir. E, dentro de todo iste mar de interrogantes, o autismo:

Qué bule detrás deses ollos que rexeitan mirar aos meus? Como entende un coche de xoguete un rapaz que o usa para mover as rodas durante horas sen parar pero nunca para facelo rodar polo chan? Por que escapan á comunicación verbal? Por que insisten tanto, e que pracer lles causan, os movementos rítmicos, ou estar ordenando milimétricamente os obxectos, ou quedar pasmados mirando á luz ou á auga? Por qué fan como se non estiveses, aínda que saben de sobra que estás alí? Por qué prefiren cen mil veces coller un vaso de auga escalando mil obstáculos, no canto de pedircho a ti directamente que estás a só uns centímetros? Por qué nunca amosan os seus sentimentos pero si as súa ansiedade e excitación? Por que lles é moito máis doado expresarse con imaxes que coas palabras? Por qué…?

E agora a sorpresa

Así dicía eu máis ou menos entón, e as mesmas preguntas non paran de bulir. O caso é que hoxe, da man dunha das nosas bitacoreiras (moitas veces son os pais son quen nos abren os ollos) véñome a enterar a través da bitácora de Mi ángel sin voz da mamá de Daniel (2) do enésimo estudio que fala de como viven e pensan as persoas con autismo. Neste caso para dicirnos algo sorprendente.

El niño autista, lejos de haberse retirado de la realidad, está –según los autores de este texto– en hipercontacto con las actitudes de los otros, y esta hiperconexión es dolorosa, aterrorizadora: por eso, se defiende replegando una parte de sí.

Novamente, a estas mamis incansables, mesmo de aceiro, grazas.
Juan.

Enlaces que se citan

  1. Artigo desta mesma bitácora no que reflexionaba sobre o autismo: tadega.net/Bitacora/asomarse-ao-autismo
  2. Artigo da Bitácora de Mi ángel sin voz da mamá de Daniel: mara.blog.zm.nu/2008/03/17/el-nino-autista…

Notas para a accesibilidade web (I)

Edición: 14 de Marzo de 2008 por Juan.

As cousas non son o que parecen, aínda que deberían

Andaba eu matinando en como darlle continuidade aos obradoiros de accesibilidade web que tivemos estes días atrás e ocorréuseme a idea, ademais dun servizo virtual que estamos a preparar, de publicar nesta bitácora con periodicidade fixa (por exemplo todos os venres) e baixo o mesmo título: Notas para a accesibilidade unha colección de artigos sobre accesibilidade web que puideran ser entendidos por todo o mundo (ata para quen parte do nivel cero) e que se puideran ir apañando como se dun coleccionabre se tratase. -Pero que podería usar como primeiro artigo de estrea?- preguntábame. E velaquí que xa din con el.

En qué quedamos? a 20 ou a 50?

En que quedamos? A 50 ou a vinte? [D-393]

Esta foto queda perfecta. Cun título parecido foi tomada dunha das páxinas de José Antonio Alonso Martín (1). Dúas sinais sacuden a nosa vista cunha curiosa confusión por mor do gran parecido entre o nome da aldea e unha posible limitación de velocidade de tráfico.

Ao mellor non caemos na conta pero, algo parecido acontece moitas veces cos textos dos artigos das nosas bitácoras se non lles prestamos a atención que merecen; o noso idioma, e todos os idiomas do mundo:

  • Están cheos de expresións ambiguas.
  • Frases de dobre significado.
  • Textos que só se poden entender correctamente se os lemos no seu contexto.
  • Material que, para comprendelo, precisa certa formación técnica.

Agora engadamos:

  • Que as nosas páxinas web poden ser lidas por xente sen dominio do idioma (inmigración e lectores doutros países e idiomas).
  • Que carecen desa formación específica.
  • Que teñen os minutos contados cando nos len.
  • Ou que están afectados por discapacidades que dificultan a comprensión escrita (persoas con xordeira, con certos tipos de dislexia, etc.)

Que cómpre facer? Non son eles quen deben adaptarse á nosa mensaxe senón ao revés, nós adaptarmos para poder chegar a todas e todos e, polo tanto, cómpre redactar de novo e sen equívocos para que poidan leernos sen esforzos fóra de proporción (hai xente co tempo moi xusto para pararse a ler as nosas rifas).

Un decálogo para deixar todo claro

Aquí poderiamos deixar unha síntese de liñas básicas a seguir:

  1. Evita as frases e expresións con dobre sentido ou con sentido figurado.
  2. Se non puideses, explica o seu significado no propio artigo.
  3. Revisa a ortografía e os signos de puntuación antes de publicar. Unha mala escritura ou unha mala colocación provocan significados nulos ou mesmo contrarios ao que pretendes.
  4. Pechada a redacción do borrador, revísao unha e varias veces. Sempre hai algo que se pode mellorar.
  5. Vixía non caer en parágrafos ou en títulos excesivamente longos, complexos, cargados de preposicións, etc.
  6. Se precisas usar un termo técnico pouco común identifícao correctamente mediante as etiquetas correspondentes (acrónimos, abreviaturas, siglas, citas, etc.)(*) ou explicando directamente o seu significado a pé de páxina.
  7. Indica no texto só o que compre indicar, non engadas artificios innecesarios. A web non é para se lucir, é para comunicar.
  8. Estupendo que insiras notas de humor e pequenos xogos para non aburrir ou para incitar á curiosidade, pero sen confundir á audiencia.
  9. Non é mellor quen máis citas bibliográficas ou quen máis enlaces de Internet indica no seu artigo. Tampouco é máis listo o que non indica ningunha; o axeitado é inserir as xustas, as que realmente poden ser de utilidade para o lector ou lectora.
  10. Se colocas varias citas, enlaces, ou explicacións de termos, indícaos cunha chamada e colócaos todos ao final do artigo na mesma orde en que os citaches ou agrupados por tipos. Así non distraes a atención da lectura e, quen queira facer ampliacións do contido, xa sabe a onde está gardado e clasificado o material que precisa.

Anexos

Reflexións

  1. Todas estas indicacións non son as necesarias para a accesibilidade de xeito estrito (abondaría con algunhas delas) con estas indicacións nos achegamos á accesibilidade e tamén á usabilidade (2) docemente. É máis, estamos aportando calidade e dignidade á nosa escrita. Quen o ía pensar?
  2. Non o esquezas… evita confusións como as que sentiría o condutor que vexa esas sinais na estrada. Porque, pudendo ser claros ¿Para que confundir a ninguén? Agradecerémoscho todos, teñamos ou non discapacidades.

Enlaces e materiais que se citan

  1. Páxina de José Antonio Alonso Martín da que se tomou a foto: antonioxalonso.tumblr.com
  2. Páxina de Olga Carreras centrada na accesibilidade e usabilidade web e de gran calidade técnica: olgacarreras.blogspot.com
  3. Este artigo en español: www.opentrad.org/tradurl.php… (**)

Aclaracións

  • (*) En artigos posteriores aclararemos iso de: acrónimos, siglas, abreviaturas, expresións foráneas, etc.; como distinguilas unhas das outras, e como etiquetalas correctamente.
  • (**) Este artigo foi traducido ao español a petición dos lectores. A traducción que se amosa é automática grazas a Opentrad, polo que se advirte que pode haber erros pola ausencia dunha verificación manual.

O proxecto ‘Ponte dos Brozos’

Edición: 13 de Marzo de 2008 por Juan.

A nosa noraboa e o noso agradecemento

Ponte romana que dá orixe ao nome do proxecto. [D-396]

A pasada semana dábamos peche provisional ao ciclo de obradoiros de accesibilidade básica de contidos web que estivemos a celebrar durante un longo mes. E digo que peche provisional, porque queda por celebrar o obradoiro de Lugo que aínda non ten data e porque estamos a argallar xeitos para darlle continuidade aos máis de 70 compañeiros e compañeiras que transitaron por estes obradoiros e que nos manifestaron o seu desexo de afondar nesta formación.

Pero non queríamos pechar esta nota sen antes transmitir o noso agradecemento e a nosa noraboa ás boas xentes de Arteixo que nos recibiron cos brazos abertos nesta última xuntanza.

Agradecemento pola exquisita acollida, e noraboa polo ambicioso proxecto no que están embarcados malia que non todo mundo aprecia na xusta medida o esforzo, e non falamos do económico ou do tecnolóxico, senón do esforzo persoal de máis dunha centena de compañeiros de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos implicados e empeñados, parafraseando a cita bíblica, en dar froito e que o seu froito permaneza.

Pór en alza o seu valor

Son 5 anos de experiencia acumulados no uso das TIC nas aulas, coas pizarras dixitais, con portátiles, con cuarenta mil trebellos pero, o mellor de todo é a experiencia acumulada, as conclusións ás que chegaron o que a todos nos interesa coñecer como un valor engadido que non se pode deixar escapar.

Tivemos amplas conversas para ver como vertebrar toda esa aposta de inmersión TIC de xeito que toda a comunidade educativa o poida coñecer, apreciar, e sacarlle proveito. Non ha de tardar moito en verse na rede algún xeito ese traballo, e como xa lles dixemos, contan coa nosa colaboración, seguro.

Novamente, grazas.

Cambiemos os estándares da UNESCO

Edición: 10 de Marzo de 2008 por Juan.

Imaxe de portada do documento que é obxecto de debate neste artigo. [D-392]

Un documento atrevido, importante e incompleto

Recentemente chegou ás nosas mans un substancioso documento en formato PDF titulado Estándares de competencia en TIC para docentes cuxa autoría é da UNESCO. Trátase dun documento consensuado con data recente (Londres, 8 de xaneiro de 2008) e nel se recollen os deseños de estándares / directrices / orientacións de competencias TIC destinadas aos docentes e máis aínda aos programas formativos dos docentes.

Que a UNESCO se atrevese a tanto xa é digno de eloxio, sobre todo se pensamos que de xeito automático se convirte nun referente universal para toda formación do profesorado sexa do país que sexa. O problema ven de que, ao noso xuízo, iste documento di moitas verdades, certo, pero cala outras e isto é grave. E de aí nace a nosa proposta para que sexa reformado de xeito que nel se recollan todos os elementos que, ao noso xuízo deben figurar nel.

A esencia do que falta

En síntese, que non se menciona en ningún sitio:

  • A atención á diversidade
  • A esencia da accesibilidade web como parte crucial de todo deseño para que no sexa excluínte para as persoas con discapacidade.
  • A esencia do deseñado para todos como etiqueta de toda construción dixital para que ninguén quede excluído do seu acceso.
  • A necesaria formación do alumnado nestes conceptos como parte da súa formación tanto ética como técnica.

¿Cambiamos isto?

Ben. Agora se trata de ampliar, afondar, mellorar, arranxar ises puntos para rematar construíndo unha proposta ben vertebrada de mellora deste documento ¿Quen se anima? Admítense suxestións.

Documentos que se citan