Logotipo de TADEGa.net




Artigos do mes de Febreiro de 2008

Congreso Internacional de Orientación

Edición: 2 de Febreiro de 2008 por susana blanco.

Orientación Educativa. Alegoría dun pensamento enmarañado que precisa clarificación.Durante os días 21, 22 e 23 de novembro de 2007 tivo lugar na Universitat Jaume I de Castellón (España) o Congreso Internacional de Orientación Educativa e Profesional.

O congreso organizouse coa intención de dar a coñecer experiencias renovadoras e innovadoras en materia educativa e de permitir aos estudiantes e aos profesionais que traballan en educación e orientación compartir coñecementos e intercambiar experiencias.

Na súa páxina ides atopar os relatorios do ano 2006 e 2007, e quero resaltar nesta última o artigo BARREIRAS E AXUDAS Á INCLUSIÓN: A HISTORIA DE VIDA DE GEMA desenvolto por Carmen Gallego Vega e Anabel Moriña Díez.

Abrangue unha investigación realizada co propósito de describir, analizar e valorar as fases e impacto do proceso de exclusión en colectivos de mozos en situación de desigualdade (pertencentes a culturas minoritarias, desigualdades de xénero ou mozos con discapacidade. O traballo recolle parte da vida dun destos xoves e reflexiona sobre as barreiras e axudas que puideron obstaculizar ou facilitar a vida persoal, educativa e profesional de Gema.

Para máis información, enlace á revista QuadernsDigitals.

II Xornadas TADEGa

Edición: 30 de Novembro de 2007 por Abraham.

Meu deus! unha tiza na pizarra! Canto tempo! [D-244]

Está visto que levamos uns días de contento a contento; estas novas xornadas que estamos a preparar, terán lugar o sábado día 15 de decembro en xornada de mañá (inclúe xantar con opción a prolongar o debate a parte da tarde) no edificio MUPEGA de Santiago que amablemente nos cede os seus locais. Entre outros asuntos a tratar, abordaremos:

  • Constitución de TADEGa como asociación.
  • Debate dos seus estatutos a partir do borrador.
  • Sinatura de estatutos e acta fundacional.
  • Elección da xunta directiva.
  • Establecer as cotas anuais.
  • Liñas básicas e proxectos a desenvolver no curso 2007-08.

Aqueles que quixeran ser socios antes da constitución pero que non teñen opción a asistir ese día, deberán contactar previamente co seu coordinador, Antonio Carreira, no enderezo de correo electrónico ACarreira@edu.xunta.es

Para máis información complementaria sobre outras xornadas xa celebradas, aquí tedes un resumo ás anteriores: Enlace ao resumo das I Xornadas TADEGa.

Tadega xa ten un banco multimedia

Edición: 29 de Novembro de 2007 por Abraham.

Logotipo de ‘Gallery’ o sistema de álbumes multimedia de TADEGa.[D-240]

E medra, e medra, e medra… en contidos ésta, a nosa plataforma.

O noso compañeiro Felo, ofrecenos un increíble banco de documentos multimedia de case 4000 elementos onde podemos atopar, imaxes, vídeos e sons dos Sistemas Aumentativos de Comunicación máis utilizados na Atención á Diversidade:

  • SPC: Sistema Pictográfico de Comunicación.
  • Proxecto CARE.
  • Proxecto SCLERA
  • Sistema Bimodal.
  • Lingua de señas.
  • (E máis que iran vindo).

Unha abafante enchenta de recursos de calidade para as nosas aulas de apoio e o traballo diario coa atención á diversidade. Sumémoslle ademais as posibilidades didácticas que estes contidos abranguen en todo tipo de etapas, ciclos e materias, ou a capacidade de facilitar e diversificar a nosa metodoloxía docente.

¿Banco de Recursos multimedia de calidade na rede? O tes en www.tadega.net/Fotos. ¡Non lle des máis voltas! :)

Crea webs accesibles

Edición: 28 de Novembro de 2007 por Juan.

Moneco con cartel: crea webs accesibles.[D-238-1]

Campaña Crea Webs Accesibles

Esta é unha campaña creada por Eugenia na súa bitácora http://www.elrallador.info/campana/ que non ten outro obxectivo máis que difundir e concienciar a todos sobre a importancia de crear sitios accesibles. A pesar de que non teño por costume participar en campañas do tipo corre a voz neste caso paréceme unha excelente iniciativa que, de consolidarse mínimamente, podería ser un pequeno rebulsivo para moitos que seguen a ningunear a accesibilidade por tela como cousas de xente rara.

Entereime dela por medio dunha bitácora de recomendable lectura: www.anieto2k.com/.

Invito dende aquí a todos lectores, aos membros de TADEGa, e ás bitácoras amigas, a que se sumen participando nesta pequena ola de chamada de atención. O xeito de participar, ademais, é moi doado:

  1. Descarga o folleto Crea Webs Accesibles dende a web da autora e logo o imprimes, ou escribe nunha folla a man Crea Webs Accesibles Na súa web hai diversos tamaños e formas deste cartel en cor ou en branco e negro.
  2. Sácate unha foto moi feliz co carteliño :)
  3. Agrega a túa foto ao teu espazo de Flickr co Tag webs accesibles (É importante que agregues as dúas palabras entre comiñas)! E se non tes conta nesa web, envía a túa foto a: eugenia@etnikastudio.com co teu nome e sitio web (se o tes).
  4. Envía os teus datos e o enlace da túa foto a websaccesibles@gmail.com co asunto “Crea Webs Accesibles” para que o 12 de decembro aparezas na listaxe de participantes.

A foto que mandei para a campaña ‘Crea webs accesibles’.[D-238-2] Pois é así de doado, así que xa non tardei en facerme a foto e mandala. Así que bulide, bulide… a sacar todo o mundo fotos :)

Éxito no tratamento da dislexia

Edición: 27 de Novembro de 2007 por Belen GF.

Imaxe dun neno traballando.[D-230]

Springboard for Children é unha organización benéfica fundada en 1992 nunha escola primaria de Peckham, sudeste de Londres que está a traballar de xeito eficaz no tratamento das dificultades na aprendizaxe da lectura e a escrita. Debido ós bos resultados, a experiencia extendeuse a unha ducia de escolas de zonas socialmente desfavorecidas nas cidades de Londres e Manchester. Este proxecto pioneiro no Reino Unido está a ter un gran éxito, axudando a centos de nenos e nenas disléxicos.

Os nenos que participan neste proxecto reciben dúas sesións de apoio semanal de 40 minutos cun titor especializado. As sesións soen ser individuais ou en pequenos grupos. Desenvólvense programas de educación adaptados a cada alumno e as súas necesidades específicas.

Springboard emprega un equipo de titores cualificados e un grupo de voluntarios locais que reciben capacitación e formación para asegurar que cada neno reciba un alto nivel de axuda.
A clave destes resultados tan positivos reside na actuación inmediata, intervinse en canto é detectado o problema, na atención individualizada durante o período de aprendizaxe e na utilización de métodos e técnicas innovadoras que melloran as habilidades dos cativos. Estas baséanse en afianzar a autoestima dos alumnos, deteriorada pola ansiedade e frustración que lles provocan as súas dificultades.

Enlace á web de Springboard

Podo!

Edición: 20 de Novembro de 2007 por Avespa con mantelo.

Cartel da película ‘my lef foot’ (’o meu pé esquerdo’).[D-231]

Quéredes un debate na aula? Apetécevos que o voso pálpito aletexe con máis gañas? Queredes ter unha referencia para cando as forzas menguan aínda que sexa por motivos banais? Aquí vos deixo unha semente.

Velaiquí a historia:

Na Australia hai unha proba atlética moi famosa que se chama Ironman (home de aceiro) que consiste en:

  1. Nadar no mar 4 quilómetros durante o frío da mañán.
  2. Continuar cunha bicicleta en ruta percorrendo nada menos que 180 quilómetros sen parar con sobidas e baixadas prolongadas.
  3. Rematar cunha maratón de 43.5 quilómetros nun derradeiro e destrozante esforzo físico e mental (os campións do mundo precisan entre 8 e 12 horas para rematar a proba).

Pois é aquí que un pai con 60 anos tiña unha enorme ilusión, competir co seu fillo con parálise cerebral en brazos ao longo de toda a proba. Nunca viu coma un obstáculo o do seu fillo senón como unha aposta, un empeño. O entrenamento foi duro e longo, pero aquí tedes o resultado. O vídeo chámase can (podo).

www.youtube.com, código: f4B-r8KJhlE

Grazas Rosa, pola túa inestimable aportación. Fonte da información: http://aziroet.com/rosamdediego